Empeza o fútbol na Moreira

O Lugo e o Ourense C.F., equipos en pretempada de cara a Liga de Primeira REF, empataron onte sen goles na Moreira nunha xornada festiva que abre a tempada no campo limiano. Ducias de seareiros do Lugo e do Ourense acudiron á Moreira, nun encontro que espertou o interese da Radio Galega e de medios locais e provinciais. Mais fútbol pouco se viu, nunha tarde de moita calor e na que os adestradores de ambos equipos aproveitaron para facer as súas probas. Tampouco houbo goles, mais a Moreira viviu unha entrada que non se acorda desde hai moitos veráns con preto de 500 persoas.

Polo estadio pasaron o alcalde, Amador Gómez, varios concelleiros, a directiva do Antela, afanada en atender ás directivas visitantes e ocuparse do servizo de bar, así como o capitán do primeiro equipo, Joni. A recadación repartirase entre as Escolas Deportivas, o Piñeira Seca e o Antela, segundo o acordo co Concello de Xinzo de Limia, para fomento do fútbol no termo municipal. Hoxe pola tarde, a festa do fútbol en Xinzo continuará cun triangular no campo do Piñeira Seca no que se poderán ver xa algunhas das novas fichaxes do Antela para a campaña 2024-25, a que se espera poida ser a do retorno.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario