Tempada 23-24: “O fulgor dunha pantalla”

As pantallas non saltan, non voan; as pantallas flotan. Joni é unha pantalla que o resto do ano se viste de futbolista e de pai. Joni ten un fillo que é pantalla e será futbolista do Antela e sorprenderase unha tarde cálida de marzo flotando sobre o prado da Moreira. E quen sabe se tamén será o capitán, líder dun exército de pantallas exhaustas, a piques de desfalecer, agonizantes, co peito baleiro e as pernas pesadas… mais as pantallas son seres doutro mundo, flotan.

E na Moreira acontece de cando en cando un prodixio. Se non, o de onte non se explica.

O de onte non ten nada que ver co azar, nin con esa inquebrantábel fe que proclama desde a banda un sarxento de ferro que esixe máis e máis e máis, e veña máis, cabeza, corazón e orde; nin sequera cunha afección incansábel e orgullosa coma un pai (os pais das pantallas, eles mesmos pantallas) que se irrita cos árbitros, cos xogadores rivais e co que se poña diante porque ve como o Porriño está a mallar nos seus, unha malleira de toque e posesión a un ritmo vertixinoso, imposíbel para o Antela.

Cumprida a media hora de partido, co Antela gañando 1-0 grazas a un gol de Pedro despois dun roubo tras presión e remate na área, Tiago Teixeira levantou por primeira vez o pano branco. Rendido. Farto de correr e frear ao límite a Jorge Brilhante, un coitelo con rizos.

Teixeira implorou a Joni, o capitán.

“Como non pechemos esta banda…”

O Porriño estaba pasando por riba do Antela, someténdoo a unha tortura. Naquelas condicións, a resistencia caería máis cedo que tarde. Noel protexíase apenas un palmo por diante dos centrais. O rival superaba facilmente a primeira liña de contención local. E, cando quería, gañaba as costas á defensa con balóns cruzados. O Antela non deu tres pases seguidos (literalmente) durante moitos minutos. Pedro e Villar perseguían sombras. Romero non apareceu. Adrián Campero sufría. Tiago pedía auxilio. A Breixo, Quintairos e Rui chovíanlle rivais por todas partes.

Joni non respondeu á chamada de socorro do maior dos Teixeira.

Cunha mirada recordoulle algunhas cousas: Toca aguantar. Xa pasou antes. Estamos na Moreira.

O Antela marchou ao descanso gañando 1-0 mais sabendo que tiña o partido perdido, que a tempada se ía poñer moi, moi costa arriba. Contaban cun Porriño difícil, pero non tanto…

O Antela estaba xogando coma sempre, concentrado, con orde e rigor. Tumbeiro facendo a maratón. Mais non alcanzaba. Facía falta algo máis que o Antela non topaba.

E saíu do vestiario sen outro plan, mentres o Porriño cambiou de banda a Brilhante e apareceu con Fontán, unha bala, o seu mellor goleador, fronte a un Teixeira en fase terminal. Non pasaran cinco minutos e Fontán controlou, encarou, recortou e fusilou a meta de Rui: 1-1. Esta vez non foi só Teixeira, medio Antela levantou o pano branco.

O que seguiu foron vinte minutos de resignación esperando a que o Porriño asestase o golpe definitivo.

E Sabucedo esperando, mascando o tempo, sentindo o fío da navalla… O Porriño tivo ocasións para marcar, e non o fixo. Foron minutos eternos. Mais o certo é que Sabucedo moveu o cesto no minuto 60, metendo no campo a Izan e Adrián Lorenzo por Noel e Romero. O centro do campo recuperou consistencia. Villar reactivouse e o adestrador insistiu en espremer a Teixeira como un limón, até a última gota.

Posiblemente este non foi o mellor partido de Teixeira pero si foi o partido no que aprendeu máis cousas sobre o fútbol, sobre o Antela de Óscar Sabucedo-de Breixo-de Pedro-de Joni-de Villar, sobre unha afección que o adora e, as máis importantes, sobre si mesmo e os seus límites actuais. Finalmente, Teixeira non se venceu. O Antela sacudise cun par de lanzamentos directos de falta (un de Villar acabou no poste despois dunha rosca imposíbel).

E no minuto 75, no momento máis complicado do que vai de Liga para o Antela (virán outros), aconteceu o prodixio.

Teixeira, agora como lateral dereito, deu continuidade a un contragolpe nunha carreira coronada cun pase preciso a Sidibé (que acababa de entrar por Tumbeiro) quen chegou até a liña de fondo e puxo un centro firme a media altura.

Da nada apareceu Joni perfilado para o remate. O tempo detívose un intre. Joni flotou. Elevouse lixeiramente sobre o prado para rematar coa testa e provocar un estrondo que soou como cando chocan as vexigas. Fou só un intre, o fulgor dunha pantalla.

Con 2-1 e Teixeira definitivamente fundido, o Antela reorganizouse. Joni pasou ao lateral dereito. Entrou Peral para cubrir a esquerda e Villar tivo que ocupar toda a dereita cando Pedro tamén rompeu. O Porriño perdeu a brúxula e mesmo algúns xogadores entraron en discusións co público. O Porriño estrelouse definitivamente cinco minutos despois nunha arrancada de Sidibé desde o medio campo que tivo a intelixencia de esperar por un apoio. Atopou a Adrián Lorenzo lanzado en carreira. Sidibé deu a súa segunda asistencia e Adrián definiu con solvencia. 3-1.

Sidibé xustificou en tres toques: o gol da semana pasada e as dúas asistencias de onte a confianza dos adestradores. Vai comprendendo o xogo do Antela e xa é unha arma máis para Sabucedo. Pedro, Villar e Breixo fixeron un partido notábel, con eses despregues que tanto valora a grada.

Mais o héroe foi Joni, habituado a marcar en momentos importantes. Chega ben ao final de Liga. O capitán, que é quen de xogar en tres posicións e render a gran nivel nun partido que foi correr e correr e volta a correr. O capitán que coñece os segredos da Moreira e da maxia entroideira.

(O Antela marcha décimo cuarto na clasificación, co Barco, 15º, a un punto, e co Moaña, 13º, dous por riba. A próxima xornada os de Sabucedo visitan ao Portonovo e, despois, en Semana Santa, haberá descanso para a disputa da Copa Deputación).

Ligazón en Facebook: https://www.facebook.com/photo.php?fbid=373413092258129&set=pb.100087683240047.-2207520000&type=3&locale=es_ES

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario