O Antela gañou a sexta edición do Trofeo Lagoa de Antela tras vencer ao Verín (2-1) onte na Moreira. Minutos antes, o Monterrei venceu ao Antela B (2-2) na quenda de penaltis e levou a outra copa de vencedor da tarde.
O ONCE
Bruno Gómez aliñou un once formado por Andrés (porteiro), Tiago Teixeira, Breixo, Álex Boán, Lois (defensas), Martín Caneiro, Xabi Lamas, Óliver (mediocampistas), Raúl Dinís, Pedro e Joni (dianteiros). Adrián Lorenzo tivo que substituír a Lois, mancado, antes do final da primeira metade. Tralo descanso tamén xogaron Pio, Gastón, Adrián Campero, Aarón, Antón, Hugo Pérez e Jorge. Cacharrón, con molestias, non chegou a xogar.
O PARTIDO

O Antela pechaba a preparación diante dun equipo de Preferente e o adestrador buscaba asentar conceptos defensivos. Moi pronto Pedro roubou un balón no medio campo, avanzou, viu ao meta visitante adiantado e superouno por alto cun toque preciso. O gol permitiu ao Antela desenvolver o plan. Andrés apenas tivo traballo, a Boán notóuselle a falta de partidos, e a defensa estivo por rivais dos dianteiros rivais. No medio campo Martín Caneiro demostrou xerarquía e Xabi Lamas, boas intencións. Ambos serán claves no arranque da Liga. Caneiro convertido no eixo, e Xabi nese pasador (que se está cocendo) para romper liñas. Óliver, que xogou todo o partido e fixo un despregue físico notábel, luciu menos onte. Arriba, Pedro, Joni e un Raúl Dinís que parece que leve anos na Moreira, ofreceron traballo, velocidade e ameazaron con asiduidade a portería do Verín.
Con ese plan, o Antela foi superior ao Verín durante toda a primeira parte e até que o partido se abriu polo cansazo e os cambios. Nese último tramo despuntou Antón, que percutiu pola dereita, ben acompañado polo traballo de Jorge, Borja e Óliver. Antes, Joni fixo o segundo despois dun bo entendemento con Raúl e Tiago, que anuncian unha banda dereita poderosa para este ano. O Verín recortou distancias grazas a un lanzamento de falta que tocou na barreira e despistou a Pio. Mais o Antela, xa con Antón desatado, dispuxo de varias ocasións moi claras na área pequena para pechar o partido.
A LIGA QUE COMEZA
“Estamos ben con balón e sen balón, mais aínda podemos mellorar”, resumiu Bruno Gómez ao final da tarde despois de concluír a pretempada. Breixo, que arrastra un partido de suspensión da tempada anterior, e Gastón, por trámites administrativos, están xa descartados para o debut na Liga diante do Maside.
Pendentes dos horarios de competición, a 1ª xornada no Grupo 4 da Primeira Futbgal presenta estes enfrontamentos:
Allariz – Loñoá
Seixalbo – Melias
Viana – Sp. Carballiño
Maceda – Sp. Celanova
A Peroxa – Cartelle
Polígono – Córgomo
Velle – Muíños
Nogueira – Monterrei
Antela – Maside
O calendario completo do Antela: aquí.
O XUVENIL
O xuvenil xoga esta tarde en Celanova un amigábel, despois medirase ao Pabellón e rematará a preparación o sábado en Xinzo diante do Verín. Os de Forri comezarán a Liga o 14 (podes ver aquí o calendario completo do Antela Xuvenil na primeira fase).
O ANTELA B
O Antela B de Marcos Ruido empeza a Liga cunha visita ao Francelos, rival que aparece moi reforzado. Onte, os limianos fixeron un partido notábel contra o Monterrei. Despois dos goles de David Lamas e Vicente (xogador a proba esta semana), os visitantes igualaron no último minuto e levaron o triunfo nos penaltis. Felipe e Raúl xa se aliñaron co filial. O filial debutará na casa na segunda xornada de Liga recibindo ao Atlético Vilariño, outro oso que roer nunha competición que sobe moito o nivel a respecto das últimas tempadas. O calendario completo do B en Segunda Futgal pódelo consultar aquí.

os nosos patrocinadores








