Inesperadamente, a tempada do “baixón” arranca chea de expectativas, bo rollo e serias ambicións. Desde que en xuño o club pechou o anterior proxecto e abriu a carpeta Bruno Gómez, na Moreira respírase optimismo. O cadro de xogadores configurouse rápido, foron aparecendo Óliver, Bruno Pío, Raúl Dinís, Xabi Lamas, Antón… todo boas noticias no equipo A, con maioría limiana e un estilo que saberá aproveitar as virtudes da etapa anterior.
Na canteira máis xogadores deron un paso adiante este verán: David Lamas, Borja Rubén, Vences ou Pío, no B; Cerredelo, Amine, Izan, Anxo, Lulo ou Xaco, no Xuvenil. O Antela B renóvase cun novo adestrador, Marcos Ruido, e reforzos da base: Dani, Raúl, Felipe e Pitu fixeron parte da pretempada co A. Este ano a Liga de Segunda será dura, mais o filial conta co mellor grupo de sempre neste terceiro ano na categoría.
O Xuvenil exhibiu solidez e contundencia nos amigábeis de preparación. Forri avisa de que a Liga será outra cousa e non quere establecer máis obxectivo que o de seguir crecendo como equipo. A Liga terá unha primeira fase con dous subgrupos de 8 equipos e unha segunda na que os 4 primeiros de cada subgrupo competirán polo ascenso. Aí debería estar o Antela se o apuntado na pretempada se consolida.
Empuxando nesa boa onda, do sorteo da Copa Deputación este mércores saíu un cruce de primeira ronda (o 1 de novembro) co Barco -din que candidato ao ascenso en Preferente-. O partido xogarase na Moreira, e servirá tamén para ver de novo a Sidibé, e se acaso tomar desquite da última vez que os valedorreses visitaron Xinzo, o pasado maio.
Estrea con baixas diante do Maside
O Antela comeza a tempada recibindo ao Maside na Moreira (domingo, 8; ás 18 horas). Bruno Gómez non poderá dispor de Breixo (sancionado) nin Gastón (aínda sen ficha). A falta de dúas sesións de adestramentos (xoves e venres), non hai novidades. Parece que tanto Lois (que se mancou diante do Verín) e Óliver estarán a disposición do adestrador malia que adestraron á marxe do grupo na primeira sesión da semana. O xuvenil Diego Lulo participou da sesión do martes. Tamén se adestrou co grupo o dianteiro Vicente, de orixe brasileira e que xa marcou co B fronte ao Monterrei.
O adestramento, de hora e media, foi intenso, con Pedro Teixeira ocupándose dos tres porteiros e Juan Forri botándolle unha man a Bruno. Sen dous centrais, Bruno terá que recompoñer a zaga con Tiago Teixeira e Álex Boán previsibelmente polo centro, Lois pola esquerda e Adrián Lorenzo ou Adrián Campero, pola dereita. No medio parecen fixos Martín Caneiro e Xabi Lamas, ás costas de Óliver. E arriba o adestrador podería repetir co tridente limiano: Joni, Pedro e Dinís, en función da recuperación de Cacharrón.
__________ os nosos patrocinadores __________
As dúas últimas veces que o Antela se mediu ao Maside foi hai dous anos, na fase polo ascenso a Preferente. O Antela gañou na Moreira (3-0, con dous goles de Joni e un de Pablo Forri) e tamén, a domicilio (0-2, os dous de Borja). Aquela tarde, o domingo 8 de maio de 2022, o Antela amarrou o ascenso. Xa non dependía de terceiros. Unha semana despois era equipo de Preferente.
Os comezos
Pasaron dous anos e tres meses. O Maside foi perdendo potencial neste tempo. Sobre o papel, o equipo de Bruno Gómez terá un arranque cómodo (Maside, Loñoá despois) antes de recibir ao Nogueira a mañá do domingo da Saínza. Nos últimos anos, os comezos foron pésimos. Na Liga da postpandemia (2021-22) a competición iniciouse en outubro, o Antela gañou ao Covadonga, descansou na segunda xornada e perdeu o primeiro partido na casa. Ao ano seguinte, en Preferente, o Antela perdeu os dous primeiros partidos, mais o día da Saínza, de mañá, superou ao Cultural Areas con goles de Carlos e Tumbeiro. Na última tempada en Preferente, o ano pasado, volveu recibir pola Saínza ao Cultural Areas. Perdeu (1-2), e antes apañara 3 goles do Vilalonga na estrea e 6 do Ribadumia. O domingo da festa era último.
Ollo, porque no manual de Pep Guardiola está escrito que as Ligas pérdense nos primeiros oito partidos. E Luis Aragonés deixou escrito no seu que se gañan nos oito últimos. E este ano si, o Antela xoga para gañar a Liga.
Hai ambición, grupo e ánimo de traballo. “Se os xogadores traballan, non haberá problema”, prognosticou Juan Forri, segundo de Bruno Gómez, apaixonado do traballo e do fútbol limiano. Que acerte!
O Antela B
O Antela B empezará a Liga de Segunda visitando ao Francelos o domingo, tamén ás 18 horas. Os xuvenís disputarán o último partido de preparación diante do Verín o sábado na Moreira (18,30 horas).
__________ os nosos patrocinadores __________