O Antela comezou a Liga como as dúas anteriores, concedendo un gol nos primeiros minutos na Moreira e xogando o resto do partido entre dúbidas e présas. Andrés evitou o tanto visitante nun man a man, mais no seguinte erro defensivo xa non puido facer nada ante Bruno Villar.
O Antela reaccionou ben. Xerou ocasións e Óliver empatou tras una excelente xogada de Lois, apoiado por Joni. Por momentos pareceu que o partido volvía ao rego, co Antela xogando fácil desde os tres cuartos fronte a unha defensa moi adiantada. Pedro e Raúl Dinís puideron facer o segundo. Mais na seguinte acción, a fraqueza defensiva local permitiu ao Maside volver a adiantarse.

O Antela perdeu confianza, e Joni e Pedro turraron do resto para seguir empurrando aos visitantes contra a súa área. A charla de Bruno Gómez no descanso foi breve. O técnico moveu unha peza. Cole entrou por Peke. Apenas pasaran tres minutos e Joni rematou co peito, case sobre a liña de gol, un centro desde a dereita. Empate.
Na mesma acción quedou mancado o defensa visitante Marcos López, que saíu tralo descanso para intentar tapar o burato que estaban a abrir Joni e Lois. Marcos López quedou tendido sobre o céspede e os xogadores inmediatamente reclamaron a presenza dunha ambulancia. Pedro atendeuno nos primeiros momentos, e os sanitarios chegaron rápido e o xogador, consciente, foi trasladado a un centro hospitalario.
O partido estivo detivo desde o minuto 46 até a 59. O Antela volveu a arrancar ambicioso e o Maside deu un paso atrás. A ofensiva, aínda sen goles, parecía ter afundido definitivamente o equipo visitantes. Pero reaccionaron, volvéronse a estirar e puideron anotar con dous balóns ao traveseiro na mesma xogada. Entraron Antón e Cacharrón por Dinís e Lamas, e o Antela percutiu con insistencia até o final. Porén, os erros (esta vez da dianteira) no remate na área pequena fixeron imposíbel a remontada.
Ficha técnica.
ANTELA, 2; MASIDE, 2.
Antela: Andrés, Peke (Cole, 46), Tiago, Boán, Lois; Xabi Lamas (Cacharrón, 83), Caneiro, Óliver (Jorge, 90); Raúl Dinís (Antón, 77), Pedro e Joni.
Maside: Samuel, Blanco, Mario (Carracelas, 72), Naym, Esteban (Sotelo, 90), Bardelás, Rocha, Diego, Noel, Izan (Marcos López, 46) (Roi, 59) e Bruno.
Goles: 0-1, m. 4: Bruno Villar; 1-1, m. 15: Óliver; 1-2, m. 26: Álex Blanco; 2-2, m. 46: Joni.
Árbitro: Ismael Álvarez. Amonestou aos locais Tiago e Pedro, e aos visitantes Bruno e Noel.
A Moreira, uns 200 espectadores. O partido estivo detido durante uns 15 minutos ao comezo da segunda metade para asistir a Marcos López Moure, xogador do Maside, que sufriu un golpe na cabeza na acción do empate local. Foi preciso o seu traslado, por precaución, a un centro hospitalario.
PRÓXIMO PARTIDO, xornada 2: LOÑOÁ – ANTELA (14 de setembro).
os nosos patrocinadores








