Breixo, capitán do Antela e xefe da defensa este ano, está a disposición de Bruno Gómez para o partido do domingo (17.30) en Loñoá, correspondente á segunda xornada de Liga no Grupo IV da Primeira Futgal. O adestrador tamén poderá contar co gardameta portugués Bruno Pío, unha das principais apostas do Antela para este curso, que quedou inscrito onte.
Do resto, non hai novidades. Esta semana Anxo Pena incorporouse aos adestramentos, e tamén Alexandre Teixeira, de momento, co filial. O equipo ensaiou o martes no sintético da Moreira e volverá facer uso da superficie para afrontar o partido na Carabina, herba sintética e piso duro.
O Loñoá vén de empatar en Allariz (1-1). Despois da estrea diante do Maside, o Antela mantén o optimismo e confianza. O cadro de xogadores é amplo, de calidade e precisa tempo para se acoplar.
Esta semana Bruno Gómez dispón de 21 xogadores entre os que elixir os 18 da convocatoria, mentres continúan as xestións para incorporar ao defensa chileno Gastón e o menor dos Teixeira empeza a coller o ton co filial.
__________ o número para a Lotaría do Nadal 2024 __________
O B, na casa contra un dos favoritos, o domingo ás 12
O equipo de Marcos Ruido xoga na casa contra o Atlético Vilariño, que o ano pasado disputou as eliminatorias polo ascenso. O Vilariño arrancou a Liga vencendo ao Purísima, 3-1, o mesmo marcador polo que perdeu o Antela B en Francelos con gol de Belucho. Precisamente o goleador do domingo anda mancado e causará baixa. O regreso de Alexandre Teixeira, que achegou goles decisivos no tramo final a pasada tempada, levanta expectativas. Mais o dianteiro está a iniciar a súa pretempada.
RECTIFICACIÓN: O partido xogarase o domingo pola mañá (12.00 horas) na Moreira, pola coincidencia con partidos previamente programados no Fernández Carrera.
O Antela Xuvenil viaxa a Chantada
Nin o campo nin o rival son descoñecidos para o Antela xuvenil de Juan Forri, que xa se mediu aos lucenses este mesmo ano. Tampouco o formato da competición, con dúas fases e sete rivais en cada unha delas. Porén, a Liga terá unha esixencia máis elevada, como xa se encargou de avanzar o Verín o sábado pasado en Xinzo.
O equipo conta con catro xogadores de último ano, con Izan á cabeza, capitán e media punta, disposto a liderar ao Antela nesta primeira fase até o Nadal na que se decidirán que catro clubs xogarán no 2025 polo ascenso e cales, pola permanencia.
O groso do grupo son xogadores de segundo ano, que deron un paso adiante. Haberá competencia en todas as liñas, e os máis mozos queren facer parte desde o principio.
O partido xógase o sábado ás 12.30 sobre a herba artificial do campo de Sangoñedo. Chega o primeiro “madrugón” do outono para un equipo que soña con seguir establecendo fitos na historia das categorías base limianas.
__________ os nosos patrocinadores __________