Respiro

O Antela gañou en Loñoá (0-3) baixo unha calor intensa, nun campo pequeno e nun partido que se xogou ao que quixo o equipo local durante máis dunha hora. A un cuarto de hora do final, despois dunha tarde pouco lucida do ataque limiano, Pedro anotou un gol nun remate franco á altura do punto de penalti. Cara o final, en xogadas á contra, chegaron os tantos de Cole e Cacharrón.

Bruno Gómez introduciu cambios en todas as liñas respecto á semana pasada. O meta Bruno Pío e o central Breixo foron titulares, Teixeira pasou á banda dereita; no medio campo Cole entrou no lugar de Lamas; e na dianteira, Jorge, como nove, deixou no banco a Dinís, co que Pedro atrasou a súa posición e Óliver pasou da media punta á banda esquerda.

O Antela saíu máis xunto que contra o Maside e coa intención de baixar o balón ao céspede. Mais o Loñoá, cun fútbol directo, nun campo moi curto, pronto conseguiu que os visitantes se descosesen no medio campo.

A primeira parte foi unha tortura para o Antela entre a calor e un Loñoá moi loitador e ben armado en defensa. Foi un ir e vir, sobre todo a base de balóns aéreos, con moi poucas ocasións en ambas áreas.

No inicio da segunda metade acentuáronse os problemas para o Antela, e nun balón alto, chovido, Bruno Pío evitou o gol e quixo evitar o saque de esquina deixando o balón morto dentro do campo. Pero o meta luso tropezou cando se ía levantar e o primeiro en chegar ao balón foi un rival que cruzou demasiado o remate a porta baleira.

Bruno Gómez deu entrada a Dinís por Jorge, enviando a Óliver á punta de ataque. O Antela volveu intentar avanzar con balón raso, abrindo o xogo a partir dos laterais. O Loñoá seguiu ao seu, cortando con rapidez e intensidade cada intento do Antela por ligar o xogo no centro do campo.

O partido decidiuno a calidade individual. Marcou Pedro nunha acción que arrancou en Dinís pola dereita, onde o Antela abrira unha vía co empuxe de Tiago e as caídas de Cole. Despois Cole venceu a defensa local por velocidade e conduciu o balón case até as redes. Finalmente Cacharrón recibiu un balón fronte ao marco e anotou con tranquilidade e precisión.

O árbitro pitou inmediatamente o final e o Antela puido respirar e limpar o suor. Así se presenta esta Liga.

Ficha técnica

LOÑOÁ, 0; ANTELA, 3.

Loñoá: Álavaro Conde, Víctor Manuel, Blanco (Antón, 78), Nespereira (Bravo, 62), Alejandro, Miguel (Saa, 78), Martín (Chao, 22), Pablo, Diego, Gabriel e Seara.

Antela: Bruno, Teixeira, Breixo, Boán, Lois, Martín Caneiro, Cole, Óliver (X. Lamas, 84), Pedro (Cacharrón, 84), Joni (Antón, 75) e Jorge (Dinís, 58).

Goles: 0-1, m. 76: Pedro; 0-2, m.90: Cole; 0-3, m. 90+: Cacharrón.

Árbitro: Juan Ramón Dapía. Mostrou tarxetas amarelas aos locais Chao, Víctor e Saa; e aos visitantes Óliver e Cacharrón. Expulsou ao meta suplente Andrés no minuto 70.

Campo da Carabina, uns 150 espectadores. Boa parte do encontro disputouse baixo unha temperatura de 30 graos.

PRÓXIMO PARTIDO, xornada 3: ANTELA – NOGUEIRA (22 de setembro).

Máis crónicas:

1ª xornada: Tropezo

Resultados e clasificación: ver aquí.


os nosos patrocinadores

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario