A terceira xornada de Liga no grupo 4 da Primeira Futgal comezará o domingo pola mañá (12,00 horas) na Moreira coa visita do Nogueira de Ramuín ao Antela. As dúas últimas veces que un partido de Liga coincidiu coa festa da Saínza, nas dúas tempadas en Preferente, o Antela obtivo unha vitoria (2022) e apañou unha derrota (2023), ambas diante do Cultural Areas.
O Nogueira leva tempo sen pasar pola Moreira. O último encontro entre ambos equipos en Xinzo disputouse o 1 de decembro de 2019 con triunfo visitante por 0-2. Do once que aliñou o Antela aquel día seguen no equipo os tres capitáns: Joni, Pedro e Breixo. Juan Forri, que tamén xogou, é agora o segundo adestrador. O primeiro gol do partido marcouno Óliver, que este domingo lucirá o ‘7’ branquinegro. Aquela Liga foi suspendida pola covid, e o Nogueira acabaría ascendendo a Preferente.
Despois do adestramento do martes, non hai novidade no cadro de Bruno Gómez, que volve ante o seu público despois dunha vitoria moi pelexada en Loñoá (0-3), cun equipo en construción, mais coa confianza de que os recursos son abundantes e o ton físico xeral vai mellorando. Nas sesións de hoxe e mañá os técnicos valorarán posíbeis cambios no once: a semana pasada houbo catro. Aarón e Hugo Pérez, baixas a xornada pasada, aínda seguen con molestias.
Os tres equipos que non cederon puntos teñen partidos complicados: o Celanova visita ao Seixalbo, o Carballiño xoga en Allariz e A Peroxa recibe ao Muíños. O Antela empeza a xornada a dous puntos dos líderes.
ANTELA – NOGUEIRA, domingo 12,00 horas na Moreira.
O filial
No filial causan baixa esta xornada Cristian e Manu. O equipo de Marcos Ruido visita ao Paderne de Allariz o domingo (17,00 horas). O campo de Vista Fermosa é curto e estreito, unha caixa de zapatos de herba artificial que os locais converten nunha fortaleza. A tempada pasada, o filial dominaba 1-2 á hora de partido, pero deixou escapar a vitoria no tempo de desconto (3-2). O Paderne rematou a Liga un posto por riba do Antela B.
O Paderne sumou un empate no arranque e vén de perder diante da Purísima (4-1). O Antela caeu en Francelos no debut e gañou na Moreira ao Atlético Vilariño (1-0).
PADERNE – ANTELA, domingo 17,00 horas en Vista Fermosa (Paderne de Allariz)
◼️ LOCALIZADOR: https://maps.app.goo.gl/R9wgs1n7DwtFFYff6
O xuvenil
O xuvenil estréase no Fernández Carrera despois dun bo debut na Liga en Chantada (0-3). Os de Juan Forri reciben ao Velle. Terán que madrugar: o partido está programado para as 10,00 horas deste sábado. No Antela andan mancados Izan e Marcos Cerredelo. O Velle vén de perder co Ourense B (2-4). Non será o único partido que se xogue cedo: o Purísima-Chantada disputarase á mesma hora. No resto da xornada, o Verín recibe ao Barbadás e o Ourense B ao Lalín.
Despois dos tres triunfos dos tres equipos a fin de semana pasada, esta toca madrugar e volver gañar.
ANTELA XUVENIL – VELLE, sábado 10,00 horas no Fernández Carrera.
__________ os nosos patrocinadores __________