O Antela supera o primeiro exame

O Antela venceu ao Nogueira, un bo equipo, que xogou na Moreira sen complexo ningún e estivo sempre no partido discutindo os tres puntos até que Antón pechou a disputa cun gol espléndido. Antes, na primeira metade, Pedro e Joni teimaron nunha presión e roubaron o balón; Joni combinou con Óliver, que de costas colocou o balón dentro da área para que Pedro rematara a xogada chegando antes que o meta visitante, Hugo.

A calidade individual decidiu un choque igualado, que na primeira parte foi do Antela, con Martín Caneiro e Cole nun dobre pivote e Óliver adiantado como “falso nove”, o que deixou ao tridente Joni-Pedro-Dinís máis preto do medio campo.

A nova disposición fixo que o Antela defendese mellor e tivese máis o balón. Caneiro xogou máis solto, Cole e Pedro percutiron cando conviña e nas bandas, ben defendidas polo Nogueira, tivo máis protagonismo a dereita, con Dinís acomodándose ao ritmo que impoñen os capitáns.

O Nogueira cargou o xogo de ataque pola esquerda, onde Ribao foi insistente. Mais apenas xerou perigo. Bruno Pío estivo perfecto e a defensa subiu o nivel e mantívose sólida até que, tralo descanso, o Antela perdeu o balón.

Joni incorreu en fóra de xogo na primeira acción da segunda metade, na que o Antela puido aumentar a súa vantaxe para ter un partido máis cómodo. Xusto despois, o Nogueira tivo dúas claras ocasións de gol. O Antela, empuxado polo rival, deu un paso atrás. Bruno Gómez reactivou a ofensiva dando entrada a Anxo -que tivo un debut notábel- por Dinís. Non foi suficiente. O Antela sufría no medio campo para conter ao Nogueira que pisaba área continuamente ou ameazaba a balón parado. A solución foi Xabi Lamas, primeiro, e Antón, despois.

O Antela preparouse para resistir os últimos vinte minutos cunha vantaxe mínima. Mais neses minutos dispuxo de varias contras (Cole, Óliver, Anxo…) para matar o partido. Non foi até cumprido o tempo regulamentaria que Antón recolleu unha recuperación de Xabi Lamas, avanzou en diagonal desde a esquerda e foise perfilando até, preto da área, enviar un tiro duro e alto imposíbel para o porteiro.

Así gañou o Antela, mellorado a respecto os partidos anteriores, subindo o nivel defensivo e mostrando un “fondo de armario” temíbel para calquera rival da categoría.

Bruno Gómez, tras o partido.

Ficha técnica

ANTELA, 2; NOGUEIRA DE RAMUÍN, 0.

Antela: Bruno Pío; Álex Boán, Tiago Teixeira, Breixo, Óliver (Antón,55), Pedro (Cacharrón, 65), Adrián Cole, Raúl Dinís (Anxo, 57), Joni (Xabi Lamas, 65), Caneiro e Lois.

Nogueira: Hugo Pena; Juan Muíños, Carlos Alonso, Osorio, Iago (Abde, 63), Isi (Gaye, 63), Ánder (Veri, 73), Javi Alonso (Samuel Canda, 46), Trigo, Diego (Lobo, 80) e Gabri.

Goles: 1-0, m. 32: Pedro. 2-0, m.90+: Anton.

Árbitro: Javier Prendes; con Ignacio Iglesias e Sara Pérez. Expulsou con cartón vermello a Javi Alonso, cando estaba xa no banquiño despois de ser substituído no descanso. Mostrou amarelas a Breixo e Cacharrón; e aos visitates Diego, Carlos Alonso e Osorio.

Campo: A Moreira. 204 espectadores.

PRÓXIMO PARTIDO, xornada 4: MELIAS ANTELA (29 de setembro).

Máis crónicas:

1ª xornada: Tropezo

2º xornada: Respiro

Resultados e clasificación: ver aquí.


os nosos patrocinadores

1 comentario en “O Antela supera o primeiro exame”

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario