A paciencia de Bruno e gol 150 do filial

As cartas están xa boca arriba e o Antela coñece aos xogadores aos que se vai enfrontar e que partido intentará xogar o rival. O seguinte, este domingo (17,00 horas) na Abelleira de herba artificial, á beira do Miño, o Melias.

Bruno Gómez ten o cadro completo de xogadores ao seu dispor. Volverá Andrés Barrio despois da sanción, e en principio Aarón e Hugo Pérez están recuperados. A semana pasada quedaron fóra da lista Peque e Borja Carballo, e entraron Raúl e Pitu, do filial. En Loñoá, o adestrador probou cun nove “de sacrificio” (Jorge) e levou a Óliver á banda para que dispuxese de máis campo, sentando no banco a Dinís. O Antela tivo paciencia para abrir o partido na segunda parte. A paciencia volverá ser clave en Melias. Despois das boas prestacións do domingo, Xabi Lamas, Anxo e Antón parecen fixos na convocatoria. Cada xornada que pasa o asento no bus está máis “caro”.

O RIVAL

A Sociedade Deportiva Melias ten unha historia de 42 tempadas como entidade federada, con 3 presenzas na Liga de Preferente (a última, na campaña 13/14) e 12 na Primeira provincial. Desde a tempada da pandemia mantense nos postos medios, mais é un equipo que sabe o que é pelexar polo ascenso. A última vez que estivo próximo a subir foi na 18/19, cando rematou terceiro a só dous puntos do Polígono.

A última vez que xogou diante do Antela foi o 26 de xaneiro de 2020, cando lle devolveu o 3-0 da primeira volta nun partido no que Rucho (que volveu ao equipo) anotou dous goles. Pedro Castro foi titular no Antela aquela tarde. Mes e medio despois suspendeuse a Liga pola covid e o Melias rematou 7º, un punto e un posto por baixo do Antela que viña de xogar a tempada anterior na Preferente.

No Melias 2024-25 están David Nogueiras e o Poli Romero, a banda esquerda do Antela durante moitos partidos da tempada pasada. Romero xa anotou o seu primeiro gol a semana pasada diante do Loñoá. O Melias suma 7 puntos, os mesmos que os limianos, con dúas vitorias a domicilio (Seixalbo e Loñoá) e un empate na casa co Allariz.

O cadro que adestra Iván González é un equipo de fútbol directo, que coida a estratexia a balón parado mesmo nos saques de banda, e que intentará impoñer o seu ritmo para que o Antela teña o balón e combine o menos posíbel. Os de Bruno Gómez esperan un partido moi parecido ao de Loñoá. Mais o Melias ten mellores individualidades, empezando polo Poli e polo Rucho (19 goles na Primeira lucense co Escairón a pasada tempada, igualando o seu mellor rexistro no Melias naquela Liga 19/20 que non terminou).

MELIAS – ANTELA, domingo 17,30 horas na Abelleira.

*en negriña, as novidades.

O Antela B darase o luxo de xogar de novo na Moreira para recibir a un rival que comezou a Liga con dúas derrotas e un só gol (que lle deu un empate na súa vista a Toén.

Marcos Ruido non poderá contar co dianteiro Germain nin cos defensas Cristian e Kike. Se o Antela B gaña, superará o seu mellor arranque no seu breve historial como equipo. Na tempada 23/24 sumou 7 puntos nas catro primeiras xornadas; agora leva 6.

Cos datos da Federación Galega, o Antela B está a un tanto de anotar o seu gol número 150. O gol 100 anotouno David Figueredo, no minuto 61 de partido no campo dos Torgás, en Parada do Sil, o 14 de xaneiro pasado (era o quinto gol dun encontro que rematou 1-6). O gol número 50 marcouno Germain no minuto 1 do partido co Vilar de Barrio (5-1) no Fernández Carrera o 25 de febreiro do ano pasado.

ANTELA B – CALDELAO, sábado 17,00 horas na Moreira.

No xuvenil hai preocupación por Hugo Mellado, que se mancou nun adestramento e está á espera do resultado da resonancia. Ademais, son baixas case seguras Cerre, Codes e Cerdeiro. Izan tamén está en dúbida. Juan Forri esperará até coñecer a convocatoria do A para saber se volver contar con Jorge.

O Lalín, que ía gañando a semana pasada no campo do Ourense B, cedeu dous puntos no último minuto (1-1). Na estrea, perdera na casa co Verín (2-3). O Antela empezou mellor a Liga con dúas cómodas vitorias ante o Chantada e o Velle. Os de Forri buscan outra vitoria para chegar líderes ao partido da próxima semana en Xinzo co Barbadás onde se empezarán a medir as súas posibilidades esta tempada.

LALÍN – ANTELA xuvenil, sábado 18,30 horas no Miguel Anxo Cortizo.

3 comentarios en “A paciencia de Bruno e gol 150 do filial”

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario