Trámite incómodo

O Antela gañou en Melias (0-3) o seu terceiro partido consecutivo e sitúase segundo na táboa clasificatoria a dous puntos do líder, o Sporting de Celanova.

Foi un encontro marcado polas dimensións do terreo de xogo e o desempeño do Melias ao límite do regulamento, que estivo detido durante media hora cando apenas se levaban disputados dez minutos de xogo tras unha patada do local Sotelo a Caneiro, que acabou coa saída do dianteiro en ambulancia cunha perna inmobilizada.

Caneiro recuperouse do brutal choque e o árbitro non foi que de expulsar ao xogador local. Así que, con once, o Melias seguiu ao seu, agrupando xente no medio e chegando rápido á area visitante. Neses minutos o meta Bruno Pío foi vital, con varias paradas de mérito.

O Antela cambiou a defensa de cinco para equilibrar forzas no medio campo, Cole, que empezou polo carril dereito, pasou a interior, en auxilio de Óliver e Xabi Lamas. Con esa disposición, o Antela abriu o campo e avanzou polas bandas. Así chegaron os goles.

O primeiro a remate de cabeza de Tiago que se anticipou a todos tras unha falta lateral ben tocada por Óliver. E o segundo despois dunha carreira de Pedro, que centrou raso para que Cole recollese o balón e disparase cruzado. En catro minutos, o Antela resolveu o encontro.

A segunda parte foi cousa de Bruno Pío, que volveu facer u partido perfecto -aínda non encaixou nos tres partidos que leva como titular- e unha defensa que, con Caneiro incrustado, se sente forte e apenas concedeu ocasión.

Na trincheira do medio campo, sorteando botas e empurróns do Melias, Xabi Lamas, Cole, Óliver e Pedro resistiron ben até os cambios, e o xuvenil Jorge xogou un partido notábel, nunha pelexa constante furando na defensa local. Bruno Gómez vai pulindo ao seu nove.

Tamén dispuxeron de minutos Peque, Aarón e Borja Carballo (que volveu xogar co Antela despois de tres tempadas), apostas a medio prazo. En só catro xornadas, Bruno Gómez xa utilizou 19 futbolistas e 23 foron foron convocados.

Breixo pechou o partido co 0-3, de penalti. E o Antela cumpriu, con suor e dor (non hai outro xeito) outro compromiso incómodo.

O domingo, a Liga volve pórse sería outra vez coa visita á Moreira do Velle, que máis alá das contas pendentes, vai ser un rival directo na pelexa polo campionato.

Ficha técnica

MELIAS, 0; ANTELA, 3.

Melias: David Viana; Brian, Miguel Salgueiros, Sas, Carlos, Rucho Sotelo (Juan Mayo, 10′) (Rodrigo Pato, 76′), Isma, Borja (David Nogueiras, 46′), Poli Romero, Viti e Mario Pato (Ángel, 76′).

Antela: Bruno Pío; Boán, Tiago Teixeira, Breixo, Óliver (Anxo, 61′), Xabi Lamas, Pedro (Borja Carballo, 85′), Cole (Peque, 85′), Jorge (Raúl Dinís, 73′), Martín Caneiro e Lois (Aarón, 85′).

Goles: 0-1, min 38: Tiago Teixeira. 0-2, mi 42: Cole. 0-3, min 75: Breixo, de penalti.

Árbitro: Rubén Pérez. Mostrou tarxetas a Carlos, Poli Romero, Miguel Salgueiros, Sas, Carlos Figo e ao adestrador local Iván González. Polo Antela foron amonestados Cole, Boán, Jorge e Lois.

Campo: A Abelleira, uns 200 espectadores.

PRÓXIMO PARTIDO, xornada 5: ANTELA – VELLE (6 de outubro).

Máis crónicas: https://antela.fala.gal/tag/cronicas
Resultados e clasificación: ver aquí.

os nosos patrocinadores

1 comentario en “Trámite incómodo”

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario