147 días despois, o Velle como desafío

O Antela e o Velle son vellos coñecidos. Non hai moito compartiron unha tempada de felicidade (2017-18) cando ambos conseguiron o ascenso a Preferente -categoría na que os dous asinan o mesmo número de participacións: 13-.

Na campaña seguinte, o Velle gañou os dous choques de Liga e permaneceu, mentres o Antela descendía. O Velle seguiría uns anos máis na categoría, que perdeu xusto o ano do último ascenso do Antela (2022). Volveríanse atopar na Liga pasada, con vitoria local na Moreira e o mal recordo do 4-2 no Monte da Aira a dúas xornadas para o final cando o Antela tiña a permanencia na man.

Iso aconteceu hai (hoxe) 145 días. Así que resulta difícil desvincular aquel partido do que se vai xogar na Moreira pasado mañá, cos dous equipos agora na Primeira Futgal.

“No vestiario o ambiente previo é como o de calquera outro partido. Na contorna do club si que se nota algo distinto, mais o equipo está á marxe”, di Bruno Gómez, quen pide a afección “tranquilidade” e mirar cara adiante. “Estamos ben, con dez puntos de doce posíbeis, e queremos facer trece de quince para seguir na cabeza”.

O capitán Joni está de volta e podería formar parte da convocatoria. Caneiro recuperouse ben do golpe en Melias. A única dúbida é Lois, quen non adestrou no que vai de semana por molestias nun nocello. Hoxe probarase.

Bruno Gómez espera un Velle que “veña xogar de ti a ti, a discutir o control do balón, a buscarnos moi arriba”. “Teñen un cadro de xogadores profundo, como o Antela, e calidade”, avisa o adestrador.

“Nós imos gañando estabilidade”, reflexiona Bruno, “entendemos o que hai que facer en cada momento do partido, e non só somos bos con balón, tamén temos moita velocidade arriba e podemos facer dano así”.

A dianteira que se aliñará contra o Velle está no aire. Jorge, Óliver, Pedro e Cacharrón xa ocuparon a demarcación de ‘nove’. Joni está de volta. Dinís e Anxo competiron por minutos nos últimos partidos. “E tamén está Antón, que en Melias non xogou por circunstancias do partido, pero está adestrando moi forte”, apunta o adestrador.

A lista coñecerase esta noite despois da última sesión preparatoria na Moreira.

147 días despois (faráos o domingo), o Velle supón outro desafío, distinto esta vez: están en xogo tres puntos entre dous equipos que están armados para volver a Preferente.

ANTELA – VELLE, domingo 17,15 horas na Moreira.

Na Segunda Futgal, o Antela B de Marcos Ruido, terceiro na clasificación, visita ao Cented B -o outro filial na categoría-, que arrancou a Liga con dúas vitorias na casa e dous empates fóra (un deles en Coles, xa no desconto).

Non hai partido sinxelo na Liga de Segunda, que xa viu catro líderes en catro xornadas. Na zona alta hai seis equipos separado por só dous puntos. O do Cented (6º) e o do Antela (3º, en posto de promoción) é un dos partidos da zona alta. O Coles, líder, visita ao Raio 21 (5º).

No cadro de Marcos Ruido seguen sendo baixas Germain, Cristian e Kike.

CENTED B – ANTELA B, domingo 18,00 horas no campo de Oira (Ourense).

O Antela xuvenil mídese mañá pola mañá (12,00 horas) no Fernández Carrera ao Barbadás, co que xa pelexou a tempada pasada polo campionato de Liga e a quen superou na Copa para levantar o trofeo.

Outubro presenta un calendario moi esixente para os de Juan Forri, que a semana seguinte visitarán ao Purísima, despois recibirán ao Verín e pecharán o mes fóra contra o Ourense B.

O adestrador non pode contar con Mellado, lesionado xa a semana anterior, nin con Cerredelo nin Cerdeiro, que tamén seguen recuperándose. Quen volve estar a disposición do técnico é Codes, mentres que Jorge, despois do seu bo partido en Melias, apunta de novo para o primeiro equipo.

O Antela, líder e máximo anotador despois de tres xornadas, recibe a un rival que gañou en Verín e goleou ao Ourense B e só tropezou na primeira xornada cun empate en casa diante do Purísima.

ANTELA xuvenil – BARBADÁS, sábado 12,00 horas no Fernández Carrera.

📷 Imaxe de portada: Antela-Velle (4-0), en decembro pasado en Preferente na Moreira.


os nosos patrocinadores

PREVIAS anteriores

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario