O Antón está de volta

Antón Rodríguez Aguiar cumprirá 25 anos o próximo 1 de xaneiro. Está nesa idade crítica para un futbolista, na que arre ou xo. O Antón, un deses xogadores aos que a pandemia freou en seco, está de volta. Esta tarde marcou un gol que posibelmente vaia incrementando o seu valor a medida que avance o campionato.

Bruno Gómez xa avisara pola semana: “Antón está adestrando ben”. No seu debut como titular, o mediocampista respondeu. Leva cinco partidos convocado, dispuxera de 60 minutos até hoxe, sempre saíndo desde o banquiño. Xa ten no peto un dos goles da tempada (o que lle marcou ao Nogueira), e esta tarde apareceu nun once moi limiano e foi o mellor do partido.

O gol de Antón serviu para tombar o Velle, un equipo moi sólido, con bo trato de balón e que empurrou tanto ou máis que o Nogueira hai quince días.

Bruno Gómez reforzou o centro do campo con Caneiro no pivote e dous volantes: Cole e Xabi Lamas. Prescindiu dun atacante e na fronte situou a Antón, Pedro e Óliver. Peque cubriu a baixa de Lois.

A Moreira, superado o mal trago do Maside, vaise convertendo nun fortín. E Bruno Pío e a defensa manteñen a porta pechada. O Antela séntese cada vez máis seguro atrás e desde aí medra. Onte, amarrado ás botas de Antón e Cole, e despois tamén ás de Anxo, camiño de se consolidar como o extremo que prometía.

O Antela dominou ao principio. Animado por unha grada fiel na mellor entrada da tempada -e iso que co Velle apenas viñeron seareiros-. Pedro tivo a primeira, pero topouse co meta visitante. Antón acertou na segunda. O partido estaba encamiñado cando se chegou ao descanso, con chuvia miúda e unha tarde de outono nas que hai moito que labrar antes de gañar.

Na segunda parte o Velle controlou o balón, o partido, despregou xogo por bandas e pisou área. Co paso dos minutos, coa chuvia, insistente, o cansazo e o botín, o Antela foise pechando. O Velle equilibrou o xogo, pero non conseguiu empatar malia que o árbitro estirou o partido 14 minutos. Un sufrimento. Unha vitoria doce, con sabor a pequena vinganza e reto á futuro. O Velle estará na pelexa polo ascenso. De momento, a vantaxe é do Antela, que non deixa escapar ao Celanova, mentres suma efectivos para a causa: hoxe, o Antón.

Ficha técnica

ANTELA, 1; VELLE, 0.

Antela: Bruno Pío; Boán, Tiago Teixeira, Breixo, Peque; Óliver (Joni, 52′), Xabi Lamas (Anxo, 76′), Cole, Martín Caneiro, Antón (Aarón, 76′) e Pedro (Jorge, 85′).

Velle: Blanco, Alfredo, David Corral (Camba, 82′), Gregorio, Dacoba (Prieto, 74′), Joel (B. Cid, 74′), Mario, Villán, Ulloa, Xacobo (Alexandre, 82′) e Mourille (Isay, 82′).

Gol: 1-0, min. 42: Antón.

Árbitro: Daniel Cabano. Amonestou aos locais Antón e Boán, e aos visitantes Ulloa, Gregorio e Dacoba.

Campo: A Moreira, 256 espectadores.

PRÓXIMO PARTIDO, xornada 6: Sporting Carballiño – ANTELA (13 de outubro).

Máis crónicas: https://antela.fala.gal/tag/cronicas

1-0, min. 42: Antón, de cabeza, a centro de Caneiro.

os nosos patrocinadores

1 comentario en “O Antón está de volta”

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario