Non hai A sen B

Adrián Lorenzo (21 anos) e Anxo Pena (21 anos) volveron á Moreira no verán do 2022 cumprido o seu ciclo xuvenil no Pabellón. Adrián empezou no filial, mais ao final da tempada sumaba o dobre de minutos co primeiro equipo. Anxo lesionouse no debut na Preferente, intentou recuperarse no B e acabaría o ano no fútbol sala. Regresou aos campos a pasada campaña anotando nove goles e xogando vinte partidos como titular da man de Bruno Gómez no Monterrei. Nesa mesma tempada, Adrián, ‘Cole’, consolidouse no primeiro equipo do Antela: xogou 28 partidos.

Os irmáns Lamas marcaron en dous minutos contra Vilariño dous goles que acabarían por facer campión de Liga ao Antela na 2021/22. Aínda eran xuvenís. David Lamas (21 anos) navegou as dúas últimas tempadas entre a Preferente e a Segunda, onde se segue a cociñar como futbolista.

O filial foi refuxio para Adrián Campero (21 anos) despois da vertixe do salto: dos xuvenís a ter que xogar no lateral en Preferente. O ‘Peque’ é a fiabilidade pura. Nas dúas tempadas con Sabucedo acabou tendo continuidade arriba, e volve contar para Bruno.

Aarón (21 anos) queimou etapas rápido entre o xuvenil e o A, igual que Borja Carballo (20). Porén foi o filial o que lles serviu de trampolín. Ao Aarón para ir primeiro ao Maceda e alcanzar a Preferente no Arnoia este mesmo 2024. Ao Borja para fichar polo Monterrei onde a última campaña disputou case dous mil minutos en 31 partidos con Bruno Gómez.

A expedición do B o domingo, antes de saír para Ourense, no Bar Mundial, patrocinador do club.

Alexandre Teixeira (19 anos) goleou cos xuvenís e co primeiro equipo, e cando o filial botou man del, respondeu tamén con goles. Viviu a última tempada sendo protagonista cada fin de semana, unha tarde na Moreira a seguinte no Fernández Carrera. Gañou a Copa cos xuvenís, a permanencia co B e sufriu o descenso co A.

Antón (24 anos), o futbolista de moda, reapareceu no B hai un ano despois de varias tempadas fóra de foco. Os que o coñecían xa avisaron daquela. Prometía. Hoxe xa toda a afección o coñece.

No B, creceu como porteiro Andrés (19 anos), suplente no A. No B seguen formándose Felipe (19), Raúl (19) e Pitu (19) baixo o radar de Bruno. O filial enforna futbolistas mentres trata de gañar partidos para que o proceso avance. É o gonzo que une os nenos cos homes. Un sitio para aprender e un sitio ao que volver. Xente como Belucho (19), Manu (24), Germain (23), Carrasco (26) e Javi Pérez (23), máis mozos ou menos, con experiencia na Preferente, o nivel máximo que alcanzou o club.

Os dezasete xogadores citados están esta Liga baixo a disciplina do Antela.

Forri cos xuvenís que esta tempada deron o salto aos equipos superiores.

Na última convocatoria de Bruno había sete con experiencia no B… un equipo que (ollo) só ten tres anos. O filial é presente do A. Son os cimentos. A plataforma para que futbolistas que están sorprendendo na Liga actual como Pío (21 anos), Carreira (20 anos) -o goleador neste inicio de competición-, ou Miguel (21 anos); e Borja Rubén (24 anos), que xa debutara en Preferente na 18/19 sendo xuvenil, ou calquera dos que adestran cada semana con Marcos Ruido poidan dar pronto o salto.

Nun club que soña grande non hai A sen B.

As seguintes cinco semanas

Despois de cinco semanas e un bo arranque (3 vitorias, 2 derrotas e 7ª posición na clasificación), o filial afronta agora un tramo duro da competición no que recibirá na casa ao Rúa e ao Raio 21, descendidos ambos de Primeira, e renderá visita ao Lobios e ao Cortegada -hoxe líder-, antes de alcanzar a décima xornada coa visita do Cenlle, o 10 de novembro.

Once-tipo

Pendente das necesidades do primeiro equipo e cunha media de idade de 21 anos no cadro de xogadores, Marcos Ruido xa ten perfilado un once-tipo neste comezo de Ligo. Na portería está Miguel, incorporado este ano do Taboadela, e na defensa aséntanse como titulares Borja Rubén, Javi Pérez e Felipe. No medio campo, Pío é o eixo, con Belucho, Carrasco e Pitu sumando moitos minutos. Arriba, Carreira -catro goles xa- empezou forte, con David Lamas fixo. Cristian e Germain -mancados estas últimas semanas-, e Vences e Raúl forman parte tamén da primeira unidade.

Marcos Ruido, adestrador do Antela B.

Próximo partido: ANTELA B – C.D. RÚA, sábado ás 16,30 horas no Fernández Carrera.

os nosos patrocinadores

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario