A picar pedra con paciencia

Di Bruno Gómez que o Sporting Carballiño é un óso nestas alturas de Liga porque máis adiante adoita a perder forza. É un equipo a temer por calquera rival da categoría, que gañou 4 partidos anotando 17 goles nas cinco primeiras xornadas. Vén de lle meter sete ao Loñoá e gañar fácil en Melias (0-2) por ter dúas referencias de equipos cos que xa xogou o Antela.

Pendente da recuperación de Tiago Teixeira, que acabou cun golpe o partido contra o Velle, e da evolución de Lois e Hugo Pérez, o adestrador volve dispoñer dun elenco amplo. Os canteiráns gañan peso no once e Bruno Gómez seguirá a repartir minutos. Antón, que non xogou en Melias, foi decisivo o domingo pasado. Raúl Dinís, que estivo no banquiño ante o Velle, podería volver á titularidade. O Antela quere o maior número de homes frescos durante o maior tempo posíbel porque ese parece o camiño máis certo cara o título.

A última vez que o Antela visitou a Uceira xogábase tamén o título, mais na parte final da tempada. Martín anotou de penalti nos minutos finais o empate a tres (na foto da portada). Alí seguen Martín e o adestrador, Mindo Surribas, para suplir con oficio calquera carencia. O Sporting Carballiño coñece todos os segredos da categoría e a Uceira pode volverse tan curto e estreito como os campos de Loñoá e Melias. Bruno prepara o equipo para outro partido de picar pedra, concentración e paciencia.

SPORTING CARBALLIÑO – ANTELA, domingo 17,00 horas no campo da Uceira (O Carballiño).

“Eles son un equipo veterano nas categorías provinciais, que vén de competir en Primeira e conta tamén cun equipo xuvenil. Mesturan experiencia e xuventude, o que na miña opinión o fai máis perigoso”, avanza Marcos Ruido, o técnico do Antela B, que afronta a sexta cita do curso nunha posición cómoda na cada e coa intención de se facer fortes na casa, onde xa sumaron dúas vitorias.

Ruido ten baixas importantes. Kike, Germain e Cristian seguen lesionados. E Pío estará ausente por sanción despois de ver a dobre amarela contra o Cented B. O Rúa chega a Xinzo con só unha vitoria (contra o Taboadela na estrea) e catro derrotas nos últimos catro partidos nos que apañou ademais 13 goles.

Mais Ruido non quere confianzas. Está convencido de que o Rúa remontará. “Espero un partido disputado e no que temos que intentar cometer o menor número de erros posíbel“, advirte, e engade: “O Rúa tivo un arranque complicado, pero non temos dúbida de que mellorarán”.

Como cada semana, a convocatoria fica pendente dos efectivos que decidan levar Forri (mañá cos xuvenñis) e Bruno Gómez (o domingo co A). Ruido segue a traballar con Alexandre Teixeira, e á espera de recuperar algún dianteiro máis os goles está a poñelos Carreira, xa leva catro. A dianteira, con poucos efectivos, estase a sosteñer sobre os ombreiros de David Lamas.

ANTELA B – C.D. RÚA, sábado 16,30 horas no Fernández Carrera.

O Antela xuvenil de Juan Forri enfróntase ao reto de gañar o seu terceiro partido consecutivo fóra da casa (o quinto no arranque de Liga) nunha visita complicada a Oira polo horario (oito da noite) e as condicións climatolóxicas, ademais do rival (o Purísima) e das baixas de seis xogadores (catro por lesión e dous por sanción).

Á lista de lesionados sumouse esta semana o dianteiro centro Codes. Nela seguen Hugo Mellado, Hugo Cerdeiro e Marcos Cerredelo. Tampouco farán parte da convocatoria Izan e Fabián, expulsados a semana pasada diante do Barbadás. Todas as liñas están afectadas, salvo a portería, onde Forri ten tres para escoller: Iago (titular até o momento), Lulo (que en Lalín acabou como xogador de campo) e Xacobo.

Os xuvenis adestraron unha tarde nas instalacións do Padel e Ocio, nunha sesión á que convidou o ximnasio.

As boas prestacións de Lucas Martínez nos últimos partidos e a experiencia de David garanten un bo relevo na dianteira cun Anxo que segue inspirado. No centro do campo hai fondo de armario, e máis coa rápida integración que están tendo Pablo Novoa e Lois. Na defensa, o trío Penabad, Aarón e Carnero van gañando solidez.

O Antela sae como favorito diante dun Purísima que foi quen de empatar nas visitas ao Barbadás e ao Ourense B, e que sumou o seu terceiro punto na casa contra o Verín. O Purísima non é un adversario cómodo e mantén intactas as súas opcións de loitar por un posto na fase de ascenso. Dos oito contendentes, só o Velle parece descolgado.

A PURÍSIMA – ANTELA xuvenil, sábado 20,00 horas en Oira (Ourense).

O Antela marcha líder na Liga xuvenil con catro vitorias en catro partidos.

os nosos patrocinadores

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario