- Última tempada
- Década 2020
- Década 2010
- Década 2000
- Anos noventa
- Anos oitenta
- Anos setenta
- Da fundación a 1970

ÚLTIMA TEMPADA

A tempada 2024-25 será recordada polos tres ascensos: o regreso do A a Preferente menos dun ano despois daquel descenso cruel; o do filial a Primeira Futgal tras dúas eliminatorias de play-off superadas case no límite; e o moi traballado do xuvenil a categoría autonómica nunha pelexa durísima cos equipos de Lugo e co Barbadás.
Tamén fica na historia do club por ter sido a campaña do adeus de Joni e Breixo, dous símbolos. E pode que no futuro se rexistre ademais como a tempada na que se revelaron talentos como Jorginho (protagonista dos tres ascensos) e Carlos (que participou no do A e no do filial).
Foi unha Liga feliz na Moreira desde moi pronto. O Antela púxose líder tras gañar ao Polígono na Moreira (3-1) e visitar ao Sporting Celanova (0-1, gol de Breixo e partido perfecto de Bruno Pío na portería) na oitava xornada. O Polígono e o Celanova serían ao fin os dous grandes rivais do equipo de Bruno Gómez, quen chegou desde o Monterrei para suplir a Óscar Sabucedo.
O descenso da tempada anterior cobrouse máis baixas. Quintairos, Tumbeiro, Villar, Peral e Sidibé toparon acomodo en clubs de Preferente. O Antela descubriu a Bruno Pío para suplira Rui Vogado, e o novo adestrador trouxo consigo a Martín Caneiro, Óliver, Lois e Boán. Estes cinco, xunto a Raúl Dinís, convertéronse desde o principio en pezas básicas dun equipo que prometía bo xogo.
O xogo apareceu en ocasións, mais os resultados foron contundentes. O Antela empezou a voar en novembro despois de caer na Copa contra o Barco nun gran partido e na Liga diante do Córgomo (a única derrota na primeira volta). O fútbol foi brillante contra o Viana, o Seixalbo, o Monterrei… Á volta de ano, Antón rescatou os 3 puntos nunha mala tarde en Allariz. Despois lesionouse Caneiro, o Antela dubidou e perdeu en Maside e o seguinte partido suspendeuse polo temporal. Un empate en Nogueira (1-1) fixo que o Celanova se achegase a 6 puntos, co derbi na Moreira inda por disputar.
Mais a Liga -en perspectiva- acabou en Velle (xustiza poética) cun triunfo incontestábel na xornada 22. Foi o partido-trampolín. Así empezaba a crónica daquel 16 de febreiro: “O Antela superou ao Velle con máis rotundidade no xogo da que expresa o marcador (2-0), cobrou desquite do ano pasado, conxurou o meigallo do Monte da Aira e despediu outro rival da loita polo campionato (ascenso directo). O Antela volve gobernar, firme, esta Liga. Iso era o soñado… pero houbo máis onte nun Domingo Oleiro que amenceu con chuvieira e rematou nunha tarde espléndida que iluminará o futuro. Hai partidos-trampolín, un atallo que dispara o tempo, partidos-salto que no mesmo movemento exorcizan o pasado, adeus Velle, e anuncian o porvir. Un equipo que muta nun día, da mañá gris á tarde brillante, que esperta sen Breixo, Xabi, Óliver e Jorginho, e medra con Pedro, Outeiriño, Lois, Anxo… e Antón, un futbolista singular, xenio á medida do Antela”.
O Celanova perdeu na casa aquela mesma tarde co Loñoá e ficaba, segundo a nove puntos. O Polígono, que empatou en Nogueira, navegaba a 17 puntos…

O Antela negociou o resto do calendario con solvencia. Non perdeu os nervios cando cedeu un empate ao final o domingo seguinte na Moreira (2-2 co Sporting Carballiño). Empatou na visita ao Polígono (2-2) e tivo a vitoria moi cerca na Moreira contra o Celanova (0-0). Aqueles tres empates evidenciaron que o Antela sería inabordábel para o resto de rivais.
A continuación, o equipo sacou toda a maxia nos minutos finais na Peroxa (0-4), superou a un complicadísimo Cartelle no desconto na Moreira (1-0) e non puido despois cun Maceda na mesma liña (0-0). O Antela non encaixaba e non perdía.
O Antela empezou a celebrar o título goleando ao Córgomo (5-0) e chegou a semana santa, con tres partidos para pechar a Liga. Mallou no Viana e no Loñoá (repetindo o marcador: 5-0). E superou nun bo partido ao Muíños (4-0) para se converter en campión o 20 de abril na Moreira.
Nas tres últimas xornadas houbo tempo para bater o récord de puntos (82) e de goles (83) do Antela en Primeira. E para despedir o último día diante do Allariz a Breixo e a Joni. Foi un final perfecto para unha tempada feliz. O fundido en negro para unha película de vellos heroes e rapaces con xenio e ilusión.
A trabe da historia -agora sabémolo- estivo en Velle, como un ano antes, mais do revés, gañadores nós. Outro agasallo do Antón, a aparición do Lois como central, o gol de Pitu (o primeiro), o debut de Lucas Carnero, con Anxo Calleja premiado, cos lobos, Anxo, Pedro, Dinís, Carlos, Cole… ao ataque.
O Antela foi líder desde a xornada 7 até a 34, gobernou a Liga como un campión, moi por riba dos principais adversarios, cun cadro de xogadores dun nivel superior á categoría e cun adestrador que foi axustando as pezas até despregar o mellor xogo nun espléndido mes de abril.

A CANTEIRA
O futuro que asoma é luminoso. Alén do primeiro equipo, no filial foron crecendo futbolistas como Andrés, Borja, Javi Pérez ou Pío, xunto a outros xa contrastados como Carrasco ou Álex Teixeira. Estes cinco foron parte da base que cos reforzos de Jorginho e Carlos, desde o A, e de Lucas Carnero e Penabad, desde o xuvenil, culminaron unha boa tempada, 3º posto na Liga, cuns play-off excelentes fronte ao Monteporreiro (que caeu na prórroga) e o Coles (superado nos penaltis) para coller praza en Primeira Futgal.
Carlos -que saíra cara o Arenteiro en setembro do 2023- tiña regresado en decembro do 2024, despois de pasar polo Rápido de Bouzas e o Barbadás en Terceira REF, disposto a compensar aquel trastorno na pretempada anterior.
Os penaltis contra o Coles pechounos Lucas Carnero, un xuvenil, que corrixiu o seu erro na quenda da eliminación dos de Forri na Copa diante das Escolas de Xinzo. Carnero, que debutou en Velle co Antela, que logrou o primeiro ascenso, o do xuvenil, a principios do abril máxico baixo a chuvia en Antas de Ulla, canda a Jorginho (sen Izan, lesionado), canda Anxo Calleja e o pelotón de futuro lobos que adestra o Forri: empezando polo Iago, heroe en Antas e de novo heroe co filial ante o Coles.
Hai corenta anos que o Antela de Belucho, Prol, Poldo, Toncho e compañía arrancaba a Liga que estableceu o teito do club: 8º ou sétimo, segundo a fonte na Rexional Preferente (grupo Sur), a quinta división estatal naquel momento.
O Antela xogará a partir de setembro, corenta anos despois, na Preferente (grupo Sur), agora sexta categoría.
DÉCADA 2020

2019-20: A tempada que non rematou | 2020-21: A tempada que non se xogou
A tempada 2019-20 rematou o 8 de marzo do 2020 despois da disputa da 25ª xornada. O último once que presentou o Antela foi o formado por Julián, Javi Rivero, Juáncar, Xosé Rivero (Rivero 60′), Gele (Breixo 73′), Carrasco, Forri, Pablo Forri (Borja 87′), Joni, Xoel Crespo (Figueiredo 79′) e Pedro Castro. O rival era o Sporting Carballiño, que se adiantou na Moreira no minuto 15 por mediación de Martín Pérez. Empatou Breixo no 80. E co 1-1 rematou o partido.
Naquela altura o Antela era 9º, con 33 puntos, a unha distancia enorme do líder, o Verín, que sumaba 65 e seguía invicto.
O 14 de marzo a Federación Galega de Fútbol decretou a suspensión das competicións de ámbito autonómico. Despois do confinamento, continuaron as medidas restritivas e a Federación Galega optou por non celebrar competicións provinciais durante a tempada 2020-21.
“A Xunta de Galicia informou este martes 19 de xaneiro da decisión de suspender as competicións do deporte federado de ámbito autonómico, quedando excluídas as de ámbito estatal. Unha decisión que foi detallada pola Secretaría Xeral para o Deporte nunha xuntanza de urxencia celebrada esta mesma tarde con todas as Federacións Deportivas Galegas. A partir das 00.00 horas do xoves as competicións federadas de nivel autonómico quedan suspendidas, mentres que os adestramentos só estarán permitidos a nivel individual ou cun máximo de catro persoas. En todos os casos, estes deberán adaptarse ao peche perimetral de cada localidade e ao toque de queda ás 22 horas.
Esta suspensión obriga á Real Federación Galega de Fútbol a redefinir a súa folla de ruta paralizando ata novo aviso todas as competicións autonómicas de fútbol e fútbol sala que foran activadas unha vez aprobado o protocolo pola Xunta de Galicia o 14 de decembro.”
(Comunicado da FGF 19.01.2021)
2021-22: Campión e ascenso
A segunda década do século XXI comezou para o Antela en outubro de 2021, aínda con certas restricións vixentes. Unha das medidas foi dividir a competición de Primeira Galega en dous grupos, con play-off finais polo ascenso e polo descenso. O Antela quedou encadrado no Grupo 4-B, co Sporting Celanova, o Allariz, o Barbadás B, o Santa Teresita, o Cartelle, o Monterrei, o Raio Alaricano e o Covadonga.
Debutou o 17 de outubro en Ourense, diante do Covadonga, cun once formado por Suso, Pisto, Borja Rodríguez (Pablo Videsa 83′), Carrasco (Germain 89′), Forri, Quintairos, Pablo Forri, Tazos, Joni, Samu Rúa (Xurxo 51′) e Sergi (Borja 69′). Gañou 1-4, con goles de Samu Rúa, de penalti, Borja Rodríguez e dous de Joni. A tempada arrancou con Julio Rodríguez Ferreiro como adestrador. Baixo o seu mando, o Antela conquistara os ascensos a Preferente no 2002 e no 2018. O cadro de xogadores prometía. Chegaran reforzos como Suso, Quintairos, Tazos ou Sergi. Empezaron Julián e Suso (porteiros); Vilela, Breixo, Juan Forri, Manu, Pisto, Quintairos, Tazos, Xurxo Santana (defensas), Carrasco, Joni, Pedro Castro, Samu (centrocampistas), Borja Rodríguez, Sergi, Germain e Pablo (dianteiros).
O Antela chegou ao descanso do Nadal (remate da primeira volta) con 10 puntos, fóra dos postos de play-off de ascenso e máis derrotas que vitorias. O primeiro partido da segunda volta, na Moreira contra o Covadonga, foi suspendido por alerta de covid no equipo (daquela aínda pasaban esas cousas). O Antela descansaba na seguinte xornada. Así que a directiva aproveitou para cambiar o adestrador e Óscar Sabucedo, acompañado polo preparador físico Jonnhy Lameiras, chegou con dúas semanas de marxe para arrancar a segunda volta.

Sabucedo debutou o 23 de xaneiro en Allariz con vitoria 0-3 diante do Raio Alaricano. Ese día, Adrián Campero, Xabi Lamas e Borja Carballo, xuvenís, dispuxeron de minutos. O partido suspendido diante do Covadonga non se xogaría até un mes despois, o 25 de febreiro. Gañou o Antela (2-0) e aquela noite (xogouse un venres) Adrián foi titular e tamén Pancho, o reforzo para o medio campo que pediu Sabucedo. Nese mes, a folla de servizos do Antela de Sabucedo rexistrou 3 vitorias, 2 empates e 1 derrota.
O equipo comezou marzo recibindo ao Cartelle nun partido chave para asentarse nos postos de play-off de ascenso. A vitoria (2-1, con tantos de Borja Rodríguez e Quintairos) consolidou aos de Sabucedo, que se permitiron o luxo de pechar a primeira fase de competición gañando en Celanova (1-3) cun tanto final de Borja Carballo e con Xabi Lamas e Adrián Campero (Peque) no once titular.
A chegada de Sabucedo e Lameiras transformou o equipo. Na segunda parte da tempada, ademais de Pancho, foron aparecendo novos xogadores, como Andrés Barrio (porteiro suplente), Aarón, Carlos Gómez (Belucho II), Adrián Campero, Borja Carballo e os irmáns Lamas, Xabi e David Lamas. Na defensa, a parella Breixo-Quintairos revelouse como a mellor da categoría, o mesmo que Suso, decisivo no que estaba por chegar.
O Antela empezaba o play-off con certa desvantaxe sobre o Sporting Celanova (-3 puntos), o A Peroxa (-3 puntos), o Allariz (-1) e o Vilariño (-1). Comezou gañando na Moreira (1-0) ao Vilariño, nun partido moi traballado con gol de Joni no 83. Mais o Celanova, o Peroxa e o Allariz non fallaron. Na segunda xornada, na visita ao Marco, o Antela empezou gañando, os locais remontaron e Samu tivo o empate moi preto contra o final. A derrota parecía deixar fóra aos limianos da loita polo ascenso: agora a 6 puntos do Peroxa, líder (única praza de ascenso) con seis partidos por diante.
Nas xornadas seguintes o Antela goleou ao Maside (3-0) e deixou escapar dous puntos no Carballiño (3-3) a pouco do final cun penalti en contra moi rigoroso.
A chave do éxito estivo na quinta xornada. Os de Sabucedo visitaban ao Atlético Vilariño no Medo. Era un choque a todo ou nada para ambos. O Antela comezou poñéndose por diante cun gol de Tazos. Os locais remontaron con dous tantos de Sampaio; o segundo, de penalti, no 79. O Antela acabou á desesperada. O pequeno dos Lamas, David, entrou por Adrián xusto despois do 2-1. Xabi empatou o partido no 89. E David colocou xunto ao pau esquerdo un centro de Borja desde a dereita no 90. Finalmente Suso salvou un balón que se colaba por abaixo xunto ao pau dereito nunha estirada imposíbel. O A Peroxa e o Allariz sumaban 15 puntos, pero o Antela tíñaos a tiro.
O primeiro de maio foi un domingo espléndido. Quintairos e Tazos lograron vencer dúas veces a resistencia de Marcio, o bo porteiro do A Peroxa (2-0), mentres en Allariz os locais empataban co Vilariño. Superado o A Peroxa, quedaba alcanzar ao Allariz, aínda 1 punto por riba. O segundo domingo de maio, o Antela gañou fácil en Maside con dous goles de Borja nos quince primeiros minutos (0-2). Aquel día xogaron Suso, Peque, Breixo, Quintairos, Juan (Pisto, 85′), Pablo Forri, Xabi Lamas (David Lamas, 32′), Pedro (Carballo, 61′), Pancho (Carrasco, 69′), Borja (Germain, 87′) e Joni. O Allariz non pasou do empate na Peroxa. O Antela era líder, cun punto de vantaxe e pechaba o play-off na Moreira contra un Sporting Carballiño que non se xogaba nada.
O 15 de maio de 2022 o Antela regresou a Preferente. Foi a festa do ascenso, a festa de Pisto, o recoñecemento ao gran traballo de Sabucedo e Lameiras, un acerto da directiva, a aparición de xogadores como Xabi Lamas, Adrián Campero, a confirmación de Suso, Breixo, Joni, Quintairos e Pedro, que serían fundamentais nos anos seguintes en Preferente. O Antela gañou 5-2, con dous goles de Borja, dous de Joni e o penalti final de Pisto, que cortou a coleta. Esa tarde xogaron Suso, Peke (Pancho 65′), Xabi Lamas (Borja Gómez 77′), Breixo, Pedro Castro (Carras 89′), Borja Rodríguez (Lamas 72′), Quintairos, Pablo Forri (Pisto 65′), Tazos, Joni e Sergi.
Un mes despois, os Forri, capitáns e piares do Antela no cambio de década, anunciaban o seu adeus ao Antela. Así comezaba a reportaxe que lle adicou o Diario do Limia: “O Antela mirou para Pablo e Juan González Feijoo, os Forri, nunha festa da Saínza. Eran uns cativos xogando cunha pelota. Toncho e Carlos, ex futbolistas, falaron co pai para animalo a que os levase algunha tarde á Moreira. Diso hai 17 anos. “Chegamos un pouco tarde ao fútbol para o que é habitual, si. Eu tiña 11 anos e o meu irmán, nove”, lembra Pablo, o maior. “O pai díxonos que non nos fixeramos moitas ilusións, que igual non íamos xogar moito”. Pablo comezou nos infantís e Juan nos alevíns.” (A ética do traballo, publicado o 14 de xuño de 2022).

Aquela tempada do terceiro ascenso do século (lembrade: 2002, 2018 e 2022, co Julio sempre polo medio), o Antela tampouco tivo sorte na Copa Deputación. Despois dunha eliminatoria complicada no pequeno campo de Paderne de Allariz, que Suso resolveu nos penaltis, e rematada a Liga, o Antela gañou fácil ao Santa Teresita na Moreira e recibiu en cuartos de final ao Barbadás, terceiro na Preferente Sur aquel ano. O Barbadás adiantouse con dous goles, o Antela quedou cun xogador menos pola expulsión de Carrasco; mais foi quen de empatar (2-2) e levala eliminatoria aos penaltis. Impúxose o Barbadás, que despois saíu campión do torneo. Segundo a crónica do Diario do Limia a tempada remataba cun bo sabor de boca: “Hai derrotas gozosas porque o importante é o que pasa antes. Hai derrotas que se honrarán porque definen un carácter. O Antela desta tempada non será recordado como un equipo campión (que o foi) senón como un equipo dunha vontade indomábel, firme e obstinado. É o selo de Óscar Sabucedo, un estilo, unha promesa de que o que está por vir será mellor“.
2022-23: O ano da permanencia
A primeira fichaxe do Antela en Preferente foi a de Noel García. Anunciouse o 21 de xuño de 2022. Chegaba avalado por Óscar Sabucedo. Noel sería a peza clave na nova categoría. Entre 2022 e 2024 impartiu o seu maxisterio no campo. Cando xogou Noel, o Antela xogou mellor. “Pola miña experiencia, o máis importante é ter un equipo unido, por riba de calquera individualidade iso é o que trae o éxito. E parece que o Antela ten iso. E foi unha das cousas que me animou a firmar”, dixo cando se comprometeu co Antela, e durante os dous anos seguintes axudou a manter ese espírito.
Os seguintes reforzos foron Romero (do Atlético Vilariño) e Miguel Peral, un xogador de Verín que viña de pasar un ano nunha liga polaca, país ao que fora rematar os seus estudos. O pase internacional de Peral tardou en chegar, estivo varias xornadas sen poder debutar, estreouse na primeira eliminatoria de Copa (o Antela caeu eliminado en Ourense polo Pabellón) e posibelmente esa demora lastrou a súa primeira tempada no club. Romero, pola súa parte, supuxo unha sorpresa agradábel. Veu como lateral. Tivo un debut horríbel (mesmo enfermou) co Pontevedra B. Mais foise adaptando como extremo e remataría a tempada como o mellor goleador do equipo.
Houbo máis reforzos. Fabio (ex Celanova) e Xosé (ex Piñeira), que regresaba ao Antela, o mesmo que Juáncar (ex Nogueira). Fabio converteuse en titular, mais unha lesión grave acabou coa súa carreira no Antela. Tamén volveu á Moreira Carlos, despois dunha longa lesión. Sería un xogador importante na conquista da permanencia. E regresaron a casa Adrián Lorenzo (Cole) e Anxo Pena, ambos desde o xuvenil do Pabellón. Anxo sufriu unha lesión cando se estaba afianzando no equipo e terminou por abandonar o club. Adrián Lorenzo traballou arreo e consolidouse no primeiro equipo.


Os últimos reforzos foron Cristian Dalama (porteiro) e Kevin Tumbeiro, cun bo historial goleador no xuvenil do Pabellón. Tumbeiro acabaría por definirse como futbolista (e goleador) baixo as ordes de Sabucedo nos dous anos seguintes.
Despois dunha preparación bastante tranquila na que a gran noticia foi a aparición de Tiago Teixeira, un xuvenil cunhas condicións físicas magníficas -un reforzo inesperado-, o Antela preparaba o debut na Liga de Preferente Sur diante do Pontevedra B, un dos favoritos ao ascenso, lembrado os seus mellores días na categoría que marca o teito do club: “Na campaña 1989-90, que rematou cunha derrota na Moreira contra o Pontevedrés (0-3), Toncho era unha das estrelas do Antela. Aquel xuño de Mundial en Italia (que non puido gañar Maradona), o Antela pechou un ciclo de seis tempadas tempadas seguidas na quinta categoría do fútbol estatal. Na tempada 2022-23, cun Mundial en Qatar en inverno (xa morreu Maradona), Toncho é adestrador do Antela Xinzo, un filial de recente creación, e o primeiro equipo debuta na Liga do regreso a Preferente (que xa non é a quinta división, senón a sexta) contra o Pontevedra B“. (previa no Diario do Limia, o 10 de setembro de 2022).
O Antela regresou a Preferente co seguinte equipo: Suso, Romero (Adrián Campero, 46’), Juáncar, Quintairos, Tazos (Adrián Lorenzo, 57’), Xabi Lamas, Fabio, Noel (Xosé, 68’), Carlos (Anxo, 46’; Pedro, 50’), Borja e Joni. O Pontevedra xa tiña o partido no peto á media hora (0-2). Lesionouse Anxo. A Liga comezou costa arriba. Na segunda xornada, o Antela caeu en Ribadumia. Na terceira, o partido xogouse o domingo da Saínza pola mañá. Dani Pérez, do xuvenil, que sufría unha grave enfermidade, recibiu o apoio do primeiro equipo que exhibiu camisetas co seu nome na fotografía anterior ao partido. O Antela gañou (2-1), con goles de Carlos e Tumbeiro. Aquela mañá xogaron Suso, A. Campero (Quintairos, 69’), Juáncar, Breixo, Tiago Teixeira, Noel, Fabio (Xosé, 76’), Pedro (Sergi, 86’), Carlos, Tumbeiro (Xabi Lamas, 80’) e Joni.
Mentres Peral seguía esperando polos papeis, Tumbeiro causaba baixa por apendicite na semana seguinte. Borja, o “9” do ascenso, xa non foi titular, e Sergi empezou a entender que non tería os minutos aos que aspiraba. Pronto abandonarían o club.
Nas xornadas seguintes, o Antela perdeu na Illa co Céltiga (3-1) e gañou en Barrantes ao Umia (0-2). Esa semana anunciouse a fichaxe de Guede, un ariete procedente do Allariz, reclamado por Sabucedo tras a saída de Sergi.
Despois da derrota na Copa no debut de Peral, o Antela recibiu ao Beluso na Moreira. Esa tarde de comezos de outubro, quedou acreditada a vontade “indomábel, firme e obstinada” do equipo de Sabucedo. O estilo estaba definido, e o mellor Antela daquela Liga e da seguinte foi o que se mantivo fiel a aquela forma de xogar… cando menos, na Moreira.
“Cando o vento sopra de fronte na Moreira, rumorea: “traballo”; cando sopra ás costas, murmura: “diversión”, sinalaba a crónica no Diario do Limia. E afirmaba: “Era a evidencia de que o Antela mantén o xene da tempada pasada. Nunca se rende. Tras o empate de Pedro, o Antela marchou ao vestiario convencido da súa superioridade“. O Antela gañou 4-2. Xogaron Suso, Juáncar (Adrián Lorenzo, 68′), Quintairos, Breixo, Teixeira, Noel, Peral, Pedro (Fabio, 62′), Romero, Borja (Guede, 72’) e Joni (Carlos, 68′). Pedro marcou o 1-1, e na segunda parte anotaron Romero e Carlos, por dúas veces.
Cumpridas seis xornadas, nunha Liga de 20 equipos, o Antela era 10º con tres vitorias e tres derrotas, 10 goles a favor e 12 en contra.
Antes de final de ano, o Antela fíxose forte na Moreira onde gañou ao Verín, ao Xuvenil e ao Pontellas; e perdeu co Valadares e co Barbadás, nun derbi que comezou gañando con gol de Tumbeiro pero que os visitantes remontaron (1-2). Fóra da casa, o Antela perdeu co Atios e co Cambados, gañou en Vilalonga e empatou no Porriño e na Arnoia. Á volta de ano, o Antela rematou a primeira volta de competición cun empate na Moreira diante do Portonovo (1-1) e cunha vitoria na visita ao Racing Castrelos (1-2) con tantos de Pedro e Tumbeiro.
Ao fin da primeira volta, o Antela era 9º con 27 puntos, 24 goles a favor e 30 en contra, despois de 8 vitorias, 3 empates e 8 derrotas. A Liga ía ben encamiñada.
O inicio da segunda volta foi case calcado ao da primeira: tres triunfos e tres derrotas. Guede xogou até principios de febreiro. Abandonou o club por motivos de traballo. Despois o Antela entrou nunha crise de resultado e nas dez xornadas seguintes só conseguiu dúas vitorias, ambas como visitante, en Verín (0-1, con gol de Carlos de penalti, e o regreso de Guede durante dous partidos coincidindo coa semana santa) e en Pontellas (0-1, gol de Romero). Esa vitoria, o 7 de maio, non pechaba a permanencia, pero deixouna encamiñada. Con tres partidos até o final, os de Sabucedo mantiñan seis puntos sobre os postos de descenso directo e catro a respecto dos posíbeis arrastres.
O triunfo na Moreira ante do Moraña (3-0, un de Joni, dous de Romero) e en Portonovo (1-3, un de Romero, dous de Carlos) na penúltima data remataron o traballo. En Portonovo xogaron Suso, Noel (Xabi Lamas 77′), Breixo, Tumbeiro (Carlos 68′), Quintairos, Peral (Adrián Lorenzo 61′), Xosé Rivero (Pedro Castro 68′), Tazos, Joni, Romero (David Lamas 87′) e Tiago Teixeira. No banco quedaron Brais (porteiro suplente), Pedro e Izan -un xuvenil que Sabucedo empezaba a reclamar para o primeiro equipo-. O Antela terminou cun empate (3-3) na casa diante do descendido Racing Castrelos. Na clasificación, os de Sabucedo ocuparon o 8º posto, con 53 puntos, froito de 15 vitorias, 8 empates e 15 derrotas, 48 goles a favor e 53 en contra.

Salvo o lesionado Fabio, e Guede, que deixou Galiza, o Antela tratou de amarrar aos reforzos da tempada: así continuaron Noel, Romero, Tumbeiro, Peral e Adrián Lorenzo. Suso, que acabou a Liga moi castigado, anunciou que se retiraba. A directiva renovou tamén a Sabucedo e Lameiras, que se sentían cómodos na Moreira cun equipo esculpido polas súas mans.
A sensación era de que o Antela tiña superado con nota a materia máis complicada: o primeiro ano en Preferente… e que a partir de aí, todo ía ir cara arriba.

Resultados (primeira e segunda volta):


2023-24: Descenso cruel.
A pretempada 2023/24 estivo marcada pola baixa inesperada do dianteiro Carlos (fichado polo Arenteiro), a lesión de Soto (que non chegaría a debutar) e a saída de Raposeiras, pouco despois de ter sido presentado (acabou no Arnoia). A saída de Carlos sentou mal no Antela polo modo en que se manexou o Arenteiro, que non falou coa directiva limiana. A chegada, días despois, de Manu Bardelás, procedente do Arenteiro, parecía compensar a perda. Mais Bardelás mancouse e tampouco chegou a debutar.
O Antela 2023-2024 só gañou un partido e empatou dous nas oito primeiras xornadas. E non foi quen de gañar na Moreira até a xornada 12 (1-0 ao Xuvenil). Nas últimas oito xornadas, gañou catro partidos e perdeu outros catro (decisivos os tres últimos, dous deles na Moreira).
A tempada, que comezara mal, arrancou o ano novo cunha convulsión: o amago dos Teixeira (Tiago e Alexandre) de marchar para o Monterrei. Por Reis, os Teixeira non entraron na lista para viaxar a Redondela. O Antela perdeu diante do Choco (1-0) concluíndo a que ao fin sería a súa mellor racha da tempada: cinco partidos sen perder. Foi xusto cando parecía que o Antela sacaba cabeza, cando un asunto extra-futbolístico removeu o club. O Antela rematou a primeira volta 14º, a mesma posición que ocuparía ao final da Liga. Os Teixeira foron pezas importantes na segunda volta.

Despois da derrota en Redondela, o Antela arrancou a segunda volta con dúas vitorias (en casa do líder Vilalonga, e diante do Ribadumia na Moreira). Encadeou a continuación unha serie de cinco partidos sen gañar (apañando outra derrota na Moreira, no debut de Sidibé). Nos partidos chave de marzo, dous consecutivos na Moreira, o Antela gañou ao Moaña e ao Porriño Industrial. E aínda gañou o seguinte, en Portonovo. Foron 9 puntos seguidos que colocaban aos de Sabucedo en disposición de afrontar o último tramo dependendo de si propios.
Na Copa, o Arnoia volveu pasar pola Moreira e o Antela quedou fóra do torneo.
De volta á Liga, o Cambados, que viña en problemas, acabou levando os tres puntos de Xinzo. Mais, a seis xornadas do final, cun calendario en principio favorábel, o Antela seguía tendo a permanencia na súa man.
Gañou en Ponteareas ao Xuvenil, e despois ao Alertanavia e ao Allariz… na cúspide, sumaba 42 puntos e estaba na 11ª praza, co Arnoia, o Barco, o Moaña e o Ribadumia por abaixo, máis os tres xa descendidos (Velle, Alertanavia e Allariz). Bastaba con gañar ao Barco na seguinte xornada para escapar definitivamente das cinco últimas posicións.
Porén, xa non sumaría máis dos 42 puntos. O Antela, que fixo da paciencia a súa principal virtude, tivo présa. Perdeu diante do Barco na Moreira (1-2). E en Velle, na penúltima xornada, apañou tres goles antes do descanso e non conseguiu sumar. Aquela primeira parte fundiu o Antela nunha sima da que non volveu saír. No peche na Moreira contra o Choco, logrou remontar o partido (púxose 3-2) no tempo de prolongación. Mais encaixou xusto despois do saque de centro (3-4). O fútbol pode ser cruel.

O Antela rematou 14º de 18 equipos, en perigo de descenso polos arrastres. A comezos de xuño, a directiva decidiu non renovar a Sabucedo. E o domingo 23, as opcións de permanencia esfumáronse despois de que o Salamanca superase ao Celta C na eliminatoria polo ascenso a Segunda REF. Caeu o Rápido de Bouzas (precisamente o equipo no que Carlos rematara a tempada tras ser cedido polo Arenteiro) a Preferente Sur, e caeu o Antela a Primeira galega.
Nas semanas seguintes, Quintairos, Noel, Tumbeiro, Peral, Sidibé, Villar… foron anunciando as súas fichaxes por equipos ourensáns de Preferente. A columna do Antela 2023-24 continuará na categoría, aínda que espallados por diferentes equipos. Durante os dez meses de competición, mesmo nos peores momentos ao principio e ao final, formaron un bloque sólido cun espírito de ferro.

Resultados (primeira e segunda volta):



DÉCADA 2010

TEMPADA 2016-17: O CLUB EN RISCO
“En agosto de 2016 o Antela pasaba polo seu peor momento”, afirma Edelmiro Martínez Cerredelo na súa Historia do Antela. “Desde o concello buscáronse varias solucións, pero pintaba mal a situación. Aos poucos días de expirado o prazo, varios ex-xogadores e xente vinculada ao club puxeron en pé o asunto. Foron José Pérez Alonso, Carlos, Toño Belucho, José Melguizo, Pablo Losada, José Forri, Paco, Juan Gómez e Pepe Ojea”.
O Antela arrancou a tempada 2016-17 no grupo IV da Primeira Galicia co Julio Rodríguez como adestrador. Na primeira xornada gañou en Monterrei (1-2, con tantos de Charly e Nacho), cun once formado por Álex Salgado, Iván Cabrera, Luis Méndez, Marcos Pérez, Alberto, Fali, Nacho Feijóo, Vispo, Manuel Araújo, Charly e Pablo Forri. Tamén xogaron Quiquinho, José Carlos, Pablo Campelo e Adrián Rodríguez.
O Antela non volveu gañar até a xornada sexta, na visita á Manchica, e sumaria vitorias fóra contra o Cortegada e o Atlético Vilariño. Mais na Moreira non conseguiu sumar o primeiro triunfo até decembro, na xornada 15ª, diante do Viana (4-2, con dous tantos de Joni, un de Charly e outro de Fali). A primeira volta de competición rematou co Antela noveno, con 7 partidos gañados e 2 empatados, moi lonxe do Bande e da UDO, que ocupaban as dúas primeiras prazas da clasificación.
No comezo da segunda volta, o Antela gañou tres partidos seguidos na Moreira (Monterrei, A Peroxa e A Manchica) e empatou co Cortegada. Como visitante non sumou até a xornada 26ª (empate sen goles en Taboadela). Naquela altura, a oito xornadas do final, o equipo era noveno, cunha ampla marxe de puntos a respecto dos equipos en postos de descenso.
O Antela rematou a Liga na Arnoia, cunha derrota por 4-2, con goles de Joni, Charly e Peralta, na posición 11ª e con 43 puntos sumados en 13 vitorias e 4 empates. Joni e Charly foron os máximos goleadores, ambos con 11 tantos. Nacho Feijóo e Charly xogaron 22 partidos, case 2.000 minutos cada un. O Bande, a UDO e o Ribeiro (na promoción) ascenderon a Preferente.
DO POZO DA SEGUNDA AO CEO DA PREFERENTE (2010-2013)
2010-11
Tres anos despois do descenso de Preferente, o Antela ía sufrir a súa maior crise deportiva desde o 92 no comezo da década. A tempada 2010-11 arranca baixo a presidencia de Nito e con Carlos García como adestrador. No equipo están Borja, Adrián, Gonzalo, Pulgi, Vispo, Diego, Sieiro, Javito, Dani Jardón, Imad, Dani II, Roberto, Rubén, Saviola, Jaime, Xurxo, Yago e Quique.
Conta Miro Cerredelo que o Antela mantívose invicto na Moreira até o 20 de decembro, cando o Ramirás, segundo clasificado tras o Sporting de Celanova, gañou 1-4. O Antela terminaba o ano na 9ª posición, con 22 puntos a 11 do líder. “No mes de febreiro a prensa publica: ‘El Antela en horas bajas. El equipo de Xinzo lleva tres derrotas consecutivas y está a sólo un punto de los posibles puestos de descenso”, escribe Cerredelo. O 21 de febreiro a crise agrávase: o Antela perde na Moreira (1-2, co Allariz).
En maio, tras unha nova derrota diante do Taboadela, na crónica de La Región do día 15 pódese ler: “como un verdadero cubo de agua fría, el Taboadela complicó un poco más la permanencia del Antela”. Ao domingo seguinte o Antela perde en Ramirás (3-1). Xa non dependía de si propio. Malia vencer á Valenzá (5-2), descendeu a Segunda xunto co Vilamarín, o Amoeiro e o Francelos.
Así chegou a data de celebración dos 40 anos como club federado, o 20 de agosto de 2011. Nese mesmo ano, en decembro, o pleno do Concello de Xinzo de Limia acordou que o campo de fútbol da Moreira vella levase o nome de José Antonio Fernández Carrera, que fora xogador, adestrador e presidente do club. O campo estrearía a herba artificial o 29 de abril de 2012.
2011-12
Na tempada 2011-12, o Antela de Gonzalo Opazo marcou máis goles que ninguén, 87, e gañou 19 partidos, pero rematou 4º, por detrás do Muíños e o A Manchica (que ascenderon) e do Xunqueira de Ambía. A tempada non rematou en completa decepción porque o Antela gañou a Copa Deputación B, superando nos penaltis ao Santa Teresita na final.
Na Segunda Autonómica o Antela debutou cunha derrota como visitante ante o Allariz B (1-0). A continuación superou ao Piñeira (3-2) no primeiro dos catro derbis de Xinzo que disputaría ese ano e encadeou 14 partidos sen perder (9 vitorias e 5 empates) que completou vencendo ao Boado (1-0) e colocándose líder polo empate do Allariz B co Muíños. A Liga parouse o 18 de decembro co Antela primeiro (e un partido menos, o pendente diante do Lobios) con 32 puntos e 40 goles a favor.
Mais a cousa tórceuse á volta de ano.
En xaneiro, o Antela sofre tres derrotas (A Manchica, Allariz B e Piñeira Seca) e cae até a 6ª posición. En febreiro perde en Viana e en Muíños e cede un empate na Moreira co Lobios (2-2). Segue 6º.
Arranca marzo cun triunfo en San Cibrao (0-1), mentres o Xunqueira e o Muíños non levantan o pé. Despois gaña na Merca, ao Paderne e ao Sande e comeza abril como terceiro a 6 puntos do Muíños que vén de vencer ao Xunqueira (5-1), que queda a 3 puntos dos limianos. Mais o Antela segue cun partido menos…
Na xornada seguinte, vence en Vilar de Barrio (0-4) e o Xunqueira cede un empate na casa. O Antela está a un punto do segundo clasificado. Faltan 4 xornadas (e un partido máis para os limianos). Disputa e gaña esa cita aprazada co Lobios e despois suma outros tres puntos en Bande para situarse xa segundo, a catro puntos do Muíños que ese último domingo de abril perde na Manchica. Mais na penúltima xornada, o Antela empata na Moreira no derbi co Boado (1-1) mentres o Muíños gaña e se proclama campión. Na xornada final, o Antela perde na Manchica (2-1) e remata cuarto.
Ascenderon o Muíños e o Manchica. Nese 2012 o Antela gañou a Copa B, un premio de consolación. Repetiría o título ao ano seguinte, mais xa como equipo ascendido (4-1 ao Amoeiro na final, con tres goles de Samuel Prieto).
2012-13
Na Liga 2012-13, con Gonzalo Opazo á fronte, o Antela volveu anotar más goles que ningún outro equipo (86), mais foi superado polo Boado, que en só catro anos de traxectoria logrou o ascenso a Primeira como campión.
A rivalidade co Boado estaba a flor de pel. O Antela colocouse líder desde o principio e só perdeu un partido nos tres primeiros meses. Mais en decembro, o Antela baixou o ritmo. Empatou en Cualedro, co Piñeira na Moreira, gañou pola mínima en Xunqueira e pechou o ano cunha inesperada derrota na casa ante o Paderne (0-3). O Boado sumou cinco puntos mais ese mes e colocouse a un na clasificación.
Á volta de ano, o Antela conseguiu manter o liderado até que un empate en Soutopenedo o último domingo de febreiro permitiu ao Boado poñerse de novo a un punto. O Boado colleu o liderado na xornada 25, grazas á derrota do Antela en Porqueira (3-2), que a semana seguinte concedería máis vantaxe tras un empate na Merca. O Boado seguiría líder até lograr o ascenso na xornada 32 tras golear ao Maceda. O Antela mantívose sempre cerca e conquistaría o ascenso na xornada 33 vencendo ao Xunqueira (3-1, con goles de Samuel, Marcos e Iago). Ese domingo collería o liderado pola derrota do Boado. Na última xornada, o Antela perdeu en Paderne, que rematou terceiro e non puido lograr o ascenso mais privou ao Antela do título. O Antela e o Boado -estes por primeira vez- ascenderon xuntos.
Para o Antela, despois de cinco tempadas nun pozo era un novo comezo.
DE VOLTA EN PRIMEIRA: 2013-14
O regreso a Primeira non resultaría doado. A tempada 2013-14 foi un carrusel que se complicou moito ao final. O equipo, no que Gonzalo Opazo seguía como adestrador, arrancou con só unha vitoria (ante o Velle na Moreira na segunda xornada) e cinco empates nos dez primeiros partidos. Despois de gañar ao Arrabaldo a principios de novembro, apañou seis derrotas consecutivas até final de ano. A última, na Moreira, diante do Boado (1-2), que sacaba ao rival limiano dos postos de descenso e afundía ao Antela (penúltimo, con 11 puntos na primeira volta do campionato).
O Antela empatou co Verín no comezo da segunda volta (0-0, na Moreira), mais non volvería a sumar un punto até a vitoria fronte o Polígono (2-1) en febreiro. O Antela pechou o mes conseguindo o seu cuarto triunfo (2-1 diante do Covadonga). Mais naquela altura -a dez xornadas para o final- seguía penúltimo, seis puntos por baixo do Covadonga e do Atlético Vilariño, que marcaban a permanencia.

Despois chegaron unha inesperada vitoria en Celanova e un triunfo na Moreira contra o Allariz que colocaban ao equipo a un punto do Vilariño. Na xornada seguinte, a 28ª, o Antela visitaba ao último, o Arrabaldo, quen xa tiña poucas opcións de alcanzar a permanencia. Mais o Arrabaldo púxose 4-1 e o Antela remou até o 4-3 con goles de Rui, Samuel e Dani.
O domingo seguinte o Antela superou ao Ramirás (3-1) e saíu dos postos de descenso. A continuación logrou un empate no campo do Vilariño (1-1) e goleou na Moreira ao Taboadela (5-0) para tomar algo de vantaxe co Boado e o Vilariño, nesa altura -xornada 31ª- en postos de descenso.
Despois de caer fronte ao Arenteiro e golear ao Ponte, o Antela chegou á última xornada dependendo de si propio e cun partido de rivalidade limiana en Boado. Gañouno o Antela, mentres o Atlético Vilariño perdía na casa. Descenderon o Boado e o Vilariño. O Antela rematou 14º con 10 vitorias e 7 empates.
2014-15
De cara a tempada 2014-15, o Antela contratou ao técnico e xogador portugués André Cardoso.
A Liga comezou con tres empates e un triunfo en Allariz. O Antela foi sumando, mais na Moreira non gañou o primeiro partido até decembro. Foi na xornada 16, contra o Velle (3-0), con goles de Peralta, Saviola e Pisto, que lle permitiron abandonar as prazas de descenso. A primeira volta rematou con outro empate en Melias (2-2) e o equipo de novo en descenso: 16 puntos, e só dúas vitorias.
O traxectoria seguiu sendo a mesma no arranque da segunda volta. Apenas unha vitoria e catro empates máis antes de perder na Moreira fronte a UDO (0-1) para seguir en praza de descenso (16ª) a só oito xornadas para o remate da Liga.
O domingo 22 de marzo de 2015 o Antela gañou no Polígono (1-2) cun tanto de Vispo contra o final do partido. O domingo seguinte superou na Moreira ao Covadonga (4-2) con tantos de Saviola, Javi Couñago (2) máis un en propia porta dos visitantes, cos que intercambiou a última praza de descenso de categoría. E despois sumou o seu terceiro triunfo consecutivo na visita á Atlética Barbantes (0-4). Esa tarde anotaron Samu Rúa (3) e Couñago. O once (cos cambios) foi o seguinte: Julián, Ramos, Pisto (Carlos Valle, 63′), Campelo (Pablo Forri, 63′), Nacho Feijóo, Samu Rúa, Peralta (Jorge Rodriguez, 63′), Quique, Fali, Vispo (Santi, 63′) e Javi Couñago (Iván Cabrera, 63′).
Despois viñeron catro derrotas consecutivas e o Antela presentouse na última xornada en risco de descenso. Mais, se gañaba ao Melias, último clasificado e xa descendido, aseguraría a permanencia. O Antela xa gañaba 4-0 ao descando e o partido rematou 5-1. O equipo, xa con David Carnero como adestrador, terminou 14º con 7 triunfos e 14 empates.
2015-16
Na Liga 2015-16 o Antela melloraría os seus números na Moreira, onde sumaría 8 vitorias e 5 empates. O equipo arrancou ben a competición, mais tres derrotas consecutivas nas xornadas 8, 9 e 10 colocárono xa en problemas. A última desta serie foi contra o Piñeira Seca (2-1), que era o pechacancelas e só sumara un empate. Antes do final da primeira volta, o Antela só conseguiu tres empates e un triunfo, contra o Valenzá (1-0), para non verse máis descolgado. O equipo era 16º con 17 puntos en 17 partidos.
O arranque da segunda volta, con dous empates e dúas vitorias, permitiu que o club se tomase un respiro chegado febreiro. Catro derrotas consecutivas volveron meter ao Antela no descenso antes de recibir na Moreira ao Piñeira Seca a oito partidos para o final da Liga. O 19 de marzo de 2016 o Antela goleou ao seu adversario limiano (3-0, con dous goles de Nacho Feijóo e un de Couñago) e volveu saír dos postos de descenso, aínda que seis equipos seguían na pelexa. Aquel sábado, polo Antela xogaron Miki, Ramos, Pisto (Juan Forri , 9′), Nacho Feijóo, Campelo, Peralta (Santi, 56′), Quique (David Muíños, 77′), Luis Méndez, Fali (Pablo Forri, 73′), Vispo y Javi Couñago .
Despois, chegou unha derrota en Velle seguida de tres triunfos consecutivos que despexaron os nubeiros. A permanencia alcanzouna o Antela na penúltima xornada vencendo na Moreira ao A Peroxa (3-2, tantos de Vispo, Fali e Campelo). Rematou 13º con 40 puntos, 11 vitorias e 7 empates.
TEMPADA 2017-18: O INESPERADO ASCENSO
O momento culminante da década dos anos 10 deste século foi o ascenso a Preferente na tempada 2017-18, fito que se concretou nun partido no campo do Rante, na última xornada e con vitoria do Antela (1-2).
A vitoria en Rante, con goles de Xosé Rivero (no minuto 72) e Joni (no 82) para remontar o tanto dos locais á media hora de partido, serviu para que o Antela rematase a Liga en segunda posición, por detrás do Velle e por diante do Verín.
Aquela tarde polo Antela xogaron Álex Salgado (Julián 88′), Juáncar, Javi Rivero, Quique, Nacho Feijoo (Carrasco 66′), Vispo, Forri (Oiguín 76′), Rivero, Joni, Evaristo (Marcos Pérez 80′) e Xosé Rivero (Fali 89′).
O equipo estivo adestrado por Julio Rodríguez. Velle, Verín e Antela mantivéronse nos tres primeiros postos desde a metade do campionato. O Antela rematou a primeira volta a un punto do Verín, que so perdera dous partidos, e a oito do Velle, que so perdera un encontro. Mais nin o Polígono nin o Celanova, cederon.
Nun partido que ao fin resultaría clave, o 18 de febreiro de 2018, na Moreira, o Antela venceu ao Verín 4-0 (perdera 2-0 na ida), con goles de Joni, Dani Rivero, Xosé Rivero e Evaristo. Aquel día xogaron Álex Salgado, Javi Rivero, Quique, Vispo, Pablo Forri, Dani Rivero (Juan Forri 84′), Joni (Marcos Pérez 77′), Evaristo, Xosé Rivero (Carrasco 68′), Fali e Oiguín (Vázquez 83′).
Na xornada 28, a derrota do Verín na Arnoia e o triunfo dos limianos en Viana puxo 5 puntos entre ambos equipos a favor do Antela. A fin de semana seguinte, o Verín empataba na casa mentres o Antela goleaba ao Arnoia (5-0). Os limianos tiñan agora seis puntos sobre o Polígono e sete sobre o Verín, co Velle imparábel na cabeza sumando o seu triunfo número 21.
Mais para o Antela non hai éxito sen sufrimento. Nas seguintes xornadas, perdeu en Francelos, gañou na Moreira ao Monterrei e empatou en Allariz. O Verín non fallaba e colocábase a dous puntos. Na penúltima xornada, o Antela gañou fácil na Moreira ao Pontedeva (5-0, con tres de Joni). Un empate en Rante era suficiente. O partido torceuse e o Antela marchou perdendo ao descanso, mentres o Verín goleaba ao Loñoá. Mais os limianos reaccionaron e alcanzaron un ascenso co que ninguén contaba cando se iniciou a tempada o primeiro domingo de setembro de 2017 cunha cómoda vitoria no campo do Loñoá (0-4).
“Non tiñamos o ascenso como obxectivo, os xogadores son todos rapaces de Xinzo”, admitiu Julio Rodríguez tralo inesperado ascenso. Os éxitos do Antela son sufridos e sempre teñen na base á canteira.
O cuarto ascenso do Antela a Preferente chegou cando menos se contaba nunha tempada na que a masa social medrou até os 430 socios. “O apoio popular medrou, notándose na asistencia de afeccionados ao estadio. Percibíase moita euforia e alegría na afección antelana”, deixou escrito o historiador Edelemiro Martínez Cerredelo.
Segundo a relación de xogadores que ofrece o portal lapreferente.com, no ascenso daquel ano tiveron participación os porteiros Álex Salgado, Julián e Iván Macho; os defensas Juan Forri, Juáncar, Julito, Marcos Pérez, Oiguín, Quique e Vázquez; os centrocampistas Carrasco, Fali, Javi Rivero, Nacho Feijóo, Pablo Forri, Dani Rivero, Vispo e Xosé Rivero; e os dianteiros Evaristo, Joni, Penedo e Iván Peralta Dafonte. Joni anotou 24 goles, Penedo fixo 12 e Evaristo, 11. Javi Rivero foi o xogador con máis minutos (2.610). Joni, Pablo Forri, Quique e Juáncar tamén superaron os 2.000 minutos. Moi preto quedou Nacho Feijóo, que sumaba o seu terceiro ascenso co Antela.

Resultados (primeira e segunda volta):



A GRAN HISTORIA DO CENTENARIO. O libro de Miro Cerredelo
Facemos unha paréntese para presentar un ensaio histórico ben coñecido na Limia: Cen anos de historia do Antela F.C. (1919-2019), de Edelmiro Martínez Cerredelo. Obra da que bebe este artigo sobre a aventura deste noso club, co permiso e o ánimo por parte do autor.

Así se describía o libro no dixital DENDE A LIMIA en xaneiro do ano 2020 após da presentación pública:
“A obra que narra os diversos aspectos deportivos da historia centenaria do Antela Fútbol Club xurdiu fai uns 12 ou 13 anos, cando Martínez Cerredelo recompilaba información sobre a historia de Xinzo e atopou os documentos da fundación do Antela e as primeiras crónicas dos partidos. Tras a publicación no ano 2016 dunha pequena historia do fútbol en Xinzo e a posta en contacto en 2018 por parte dun veterano do Antela, finalmente neste 2019 decidiu plantexarlle ao presidente e a un directivo a posibilidade de facer algo sobre este fito de completar 100 anos de historia.
Só 10 ou 12 equipos de primeira división poden falar destes 100 anos de historia que o Antela Fútbol Club celebra neste ano. “A primeiros de setembro empecei a traballar a contrareloxo e había moita documentación que buscar. Foi un traballo de moito estrés”, asegurou o historiador limiano, quen pediu a xogadores e adestradores que colaborasen con fotografías, recortes, e demais información que puidera resultar de utilidade. Desculpouse tamén Martínez Cerredelo por todas aquelas persoas que quizáis formaran parte do equipo e non aparezan, debido ás dificultades que tiveron coa documentación e o traballo de investigación.
Con este libro, o autor pretende demostrar que o Antela ten 100 anos de historia, destacando a súa continuidade como equipo, mantendo sempre o seu nome.“
A crónica da presentación, o 31 de decembro de 2019, aquí e aquí.
A investigación do Miro Cerredelo deu lugar a algún que outro recoñecemento ao club.
Por exemplo, este da Xunta de Galicia:


DÉCADA DOS 2000
“No verán do ano 2000, o histórico Antela atopábase á beira do abismo. A directiva tiña dimitido e ninguén quería facerse cargo do club (…) Faltaba diñeiro, ilusión e faltaba compromiso. Entón apareceu Toño Nóvoa, “o gran capitán”, que xogara 14 anos na Moreira e non estaba disposto a que o Antela se convertese nun recordo”, escribe Cerredelo. Na nova directiva estiveron ademais Antonio Estévez, José Quenlle e Benito González, entre outros.
Rematado o século, o palmarés do Antela consistía nos campionatos de Liga 77/78 (Primeira División do Campionato Comarcal) e 83/84 (Primeira Rexional), e o subcampionato da Copa Deputación de 1981. Ademais, tiña conseguido os ascensos nesas mesmas tempadas e disputado seis campañas na Rexional Preferente. Após os descensos no 90 e no 92, alcanzara outro ascenso na tempada 93-94 a Primeira Rexional.
2000-01
Na primeira Liga do novo século, a sétima consecutiva en Primeira Rexional, o club contaba cun orzamento de nove millóns de pesetas, tiña 400 socios, elixira a Eloi Pousa como adestrador (a tempada remataría co regreso de Desiderio Vázquez ao banco da Moreira) e Carlos seguía sendo o capitán.
Nunha Liga co Barbadás, o Bentraces, o Amoeiro e o Barco, ademais do Nogueira e o Vilamarín, que foron quen ascenderon, o Antela rematou 10º con 12 vitorias e 8 empates.
TEMPADA 2001-02: REGRESO A PREFERENTE
Entón, cando ninguén o pensaba, aconteceu.
Con Anxo Prol como adestrador, o Antela xuntou un equipo con Pablo, Quino, Ramón, Roque, Sarabia, Paco, Chema, Nacho, Alfonso, Miranda, Óscar, Cartucho, Iván, Julio, Manel, David e Carlos. “El Antela está disfrutando como antaño de las mejores tardes en A Moreira”, escribía a finais de novembro La Región, segundo anotación do Cerredelo. “Insultante trayectoria de un Antela que se hizo dueño en exclusividad de la cabeza de la Primeira Regional”, ponderaba La Región.
Despois dun bo arranque do Maside, o Antela chegou líder ao fin da primeira volta, e foi ampliando a vantaxe sobre o Ramirás, a quen vence na Moreira en decembro por 3-1, e sobre o Maside, a quen tamén superou en Xinzo (1-0). A Liga rematou cun empate a 65 puntos entre tres equipos: Antela, Cortegada e Maside. Só había dúas prazas de ascenso.
O Cortegada e o Maside presentaban mellor balance goleador. Mais o Antela vencera no cómputo de enfrontamentos directos. Así, o Antela conquistaba o ascenso e o título por segunda vez, como xa o fixera na tempada 83/84.
Aquel verán do 2002, baixo a presidencia de Antonio Martínez, Nito, o club desenvolveu unha campaña de camptación de socios baixo o lema: “Por un Antela de Terceira”.

TRES ANOS EN PREFERENTE (2002-2005)
O Antela nunca estivo na pelexa por un ascenso a Terceira que tería suposto un teito histórico. Mais xogou tres tempadas no grupo sur da Preferente galega, inaugurando un periplo de vinte anos nos que o club volvería repetir o bucle -ascenso a Preferente, descenso, caída até Segunda e longa recuperación até sacar de novo cabeza-, desta volta concentrado nun período de 15 anos.
2002-03
Joel Castro, técnico limiano, faise cargo do equipo.
O Antela arranca a Liga vencendo ao Estradense (3-2) e gaña o cuarto partido en Porriño (1-2). Despois gaña tamén en Marín (0-1) e supera ao Cambados (3-0) na Moreira. Vence ademais nos derbis diante do Nogueira e do Carballiño.

Na décima xornada, despois de sete partidos invicto, gaña no Carballiño (1-3) e sitúase 3º na clasificación a un punto do Celanova, líder, e igualado co segundo, o Coruxo. En Espiñedo marcaron Bautista, Roberto Guede e David Hermida. Óscar Sabucedo era o gardamenta local.
Pero xusto despois cede fronte ao Cortegada na Moreira e perde tamén na casa co Velle (0-2).
Cerredelo dá noticia do último partido da primeira volta, co Celanova, o 12 de xaneiro de 2003, no que polo Antela xogaron Emilio, David, Herminda, Moncho (Ruanova, 55′), Fabio, Tito Currás, Willy (Vila, 86′), Chechu, Neil, Marcos (Julio, 62′), Butista e Esteban (Roberto Guede, 45′). O encontro acabou en empate 1-1 (Julio fixo o gol local).
Despois de sete vitorias na primeira metade de competición, a segunda fáiselle costa arriba ao Antela nunha Liga de 20 equipos, case tan dura como aquelas de Preferente nos oitenta. Vence ao Marín e ao Carballiño na Moreira, e gaña consecutivamente ao Pontellas e ao Gondomar -como visitante, con tantos de Marcos e Chechu- para alcanzar os 45 puntos a catro xornadas do final. Remata a Liga cun empate en Celanova -o decimoquinto-, 48 puntos e 11 vitorias na posición 12º. O Porrriño Industrial e o Coruxo ascenderon a Terceira.

2003-04
A mellor tempada de sempre. O domingo 30 de maio de 2004, o Antela alcanzou a permanencia na Preferente despois de vencer ao Choco (3-2) na última xornada na Moreira. O equipo só sumara 5 puntos nos meses de abril e maio. A tempada complicouse ao final, porque arrancara moi ben: 12 puntos e seis partidos sen perder nas seis primeiras xornadas.
Líder efémero. Na primeira xornada, o Antela venceu ao Hío na Moreira (1-0) con gol de penalti de Fabián no minuto 68). Empatou no Carballiño (1-1) cun tanto de Marcos, que acababa de entrar ao campo, no 89. Gañou o clásico co Celanova (2-0, goles de Martiñá e Óscar) na Moreira diante de 400 espectadores e cun terreo de xogo “inmellorábel” segundo a crónica de La Voz. O Antela era terceiro con 7 puntos, pero empatado no liderado co Vilalonga e Alondras.
Naquel clásico, polo Antela xogaron Emilio, David Hermida. Willy, Neil, Tito Currás, Juan, Marcos (Óscar), Piñeiro, Martiñá (Esteban), Pichi, Fabián (e Gonzalo). E, polo Celanova: Óscar Sabucedo, David, Gonzalo (Elvis), Kiko, Teo, Álex, Julio Pablo (Sierra), Juan (David Francés), Oliveira, Nicol, Carlos (e Diego). “En la segunda parte el Celanova desapareción del campo y el paseo del Antela les brindó la oportunidad a los limianos de lanzarse a por todas”, relatou La Voz. O liderado durou unha xornada.

O domingo seguinte os limianos lograron equilibrar dúas veces o marcador para acabar empatando en Gondomar (2-2, con tantos de Martiñá e Gonzalo). Na última xornada de setembro o Barbadás, debutante na categoría, arrancou un punto en Xinzo (0-0). Con nove puntos, o Antela caeu á 5ª praza, a tres puntos da cabeza. Recuperouse o primeiro domingo de outubro vencendo a domicilio ao Cultural Areas (0-3) con goles de Piñeiro, Gonzalo e Martiñá. Volvía ser terceiro, mais agora a 3 puntos do líder Pontellas.
Chegaron a continuación unha derrota contra o Caselas na casa (0-1), un empate en Cambados (2-2) despois de ir gañando 0-2, e un empate co Velle (1-1) na Moreira que desinflaron as aspiracións limianas. Non volveu levantar cabeza até que gañou en Nogueira (0-1) a finais de novembro, pero á semana seguinte empatou na Moreira co Estradense, que chegaba último. Despois gañou ao Salvaterra e ao Pontellas antes de pechar a primeira volta cun empate sen goles en Redondela.
A segunda volta tamén foi costa arriba. Empezou con 6 puntos (unha soa vitoria, en Celanova en febreiro 0-2, con tantos de Marcos e Martiñá) nas seis primeiras xornadas. A continuación os limianos puideron vencer ao Cambados e ao Velle, antes do 1-0 na Moreira contra o Maside a principios de abril.
Sete semanas despois selaron a permanencia contra o Choco no peche. Ascenderon o Vilalonga e o Alondras. Entre os ourensáns, ademais do Antela, o Celanova, o Velle e o Barbadás (debutante), mantivéronse; e descenderon o C.D. Carballiño, o Nogueira e o Maside.
O equipo acabou a Liga 14º, un posto por baixo da tempada anterior, pero repetindo os números: 11 vitorias, 15 empates e 12 derrotas, e con balance goleador positivo (+1, por un +3 a campaña pasada)
Aquela foi unha gran tempada nas categorías inferiores. Os equipos infantil, cadete e xuvenil ascenderon á Liga Galega. E o primeiro equipo gañou ademais a Copa Deputación.
A PRIMEIRA COPA, ANTE O CELANOVA
O Antela gañou aquela Copa vencendo na final ao Sporting Celanova (2-1), con tantos de Fabián e Óscar. O partido xogouse no Couto o 26 de xuño. A final da Copa Deputación 2004 marcou un fito na rivalidade entre celanovenses e antelanos. Na previa, o adestrador do Sporting, Ángel Mociños, sinalaba: “Dáme a impresión de que en Xinzo vívese moito máis este partido”. O cronista de La Voz de Galicia explicaba: “Después de dos décadas largas el cuadro de Xinzo jugará su segunda final, y tanta sequía ha provocado que la localidad se vuelque con su equipo. Las previsiones hablan de mayoría albinegra en el graderío, pero el Celanova quiere volver a salir a hombros como la última vez“.
Para o Sporting era a súa terceira final. Gañara as dúas anteriores, a última na edición de 1999. O Antela xogaba a final da Copa A por segunda vez, a primeira perdéraa diante do Barco no ano 1981, fora a primeira edición do torneo, e o Barco levou o trofeo cun gol de Lajosa (1-0).
No 2004, o Antela superou nas semifinais ao Ourense B (0-3 na ida e derrota na Moreira 1-2). Na final, Joel Castro aliñou a Emilio, David Hermida, Willy, Neil, Tito Currás, Sierra, Gonzalo, Piñeiro, Óscar, Juan e Fabián. Tamén xogaron Vila e Marcos.
Marcou Fabián de falta directa no minuto 9. O Celanova empatou no 18 por mediación de David Francés. E Óscar fixo o 2-1 no 41. O partido foi tenso. Tres xogadores e os dous adestradores acabaron expulsados. “Al final, mientras los de San Rosendo protestaban y se lamentaban, el Antela levantaba su primera copa. En cuestión de días la polémica estará olvidada y el trofeo descansará plácidamente en Xinzo“, resumía o cronista de La Voz, Xosé Ramón Castro.



2004-2005
Da man de Suso García, o Antela arrancou a terceira tempada na Preferente coa intención de se consolidar na categoría. O obxectivo volvían ser as once vitorias que deran a permanencia nos anos anteriores. Mais a primeira volta completouse con dez empates e apenas dous triunfos, o segundo xa en xaneiro na xornada 19ª cun 3-2 sobre o Areas. Na xornada seguinte, tamén na casa, o Antela perdeu 0-1 co Gondomar e despois apañou outra derrota en Valadares.

O equipo repúxose e conseguiu sumar tres triunfos consecutivos na Moreira: 2-1 sobre o Salvaterra, con dous goles de Diego; 1-0 contra o Tomiño (gol de Carlos); e 3-0 diante do Velle, tamén en apuros, con tres goles nos últimos entre o minuto 86 e o 94, de Álex, Óscar e Toni, e co rival xogando con dez. O de Álex foi gol “olímpico”, e xa lle marcara un semellante no partido de ida. Malia que non sumou fóra (derrotas co Céltiga, Ourense B e Ponte) o Antela mantíñase vivo ante os choques claves das xornadas 27, 28 (derbi en Celanova) e 29.
Mais na casa non foi quen de superar ao Cruceiro do Hío (2-2); e en Celanova, con 3 goles de Diego e o porteiro local expulsado, tampouco puido remontar (4-3). Así chegou ao primeiro partido do mes de abril, na Moreira, no que debutaba Luis María na portería, contra o Pontellas, rival directo.
Aquela tarde Suso García aliñou a Luis María, Gonzalo, Neil, Víctor Arias, Willy, Óscar, Toni, Sierra, Diego, Álex e Carlos. Tamén xogarían Luiki, que entrou por Álex aos 59 minutos, e Ruanova, por Gonzalo aos 81. Toni adiantou aos limianos, pero o Pontellas marchou 1-3 ao descanso e aínda aumentaría a vantaxe cun cuarto gol no minuto 70. Óscar, Toni e Diego empataron o partido no último cuarto de hora.
Na xornada seguinte (a 30ª) o Antela perdeu en Caselas (2-0). E despois recibiu ao Choco. Os de Redondela deixaron case sentenciado o descenso do Antela cun rotundo 0-4 na Moreira. O equipo sumou despois dous empates nas visitas ao Gran Peña (1-1) e a Cambados (2-2), antes de recibir ao pechacancelas Rúa, xa descendido, que empatou no minuto 90 (1-1). Foi unha amarga despedida a catro xornadas do final.
O Antela rematou a Liga 18º, con seis vitorias -a última na Guarda con dous goles de Diego- e quince empates, e 72 goles encaixados, sendo o terceiro equipo máis goleado por detrás so do Velle e do Rúa que tamén descenderon. O Barbadás, que vivía ese ano a súa segunda tempada en Preferente, resistiu (17º) e xa non volvería, até hoxe, á provincial.
O Antela pelexaría dous anos para regresar a Preferente. Volveu da man de Ángel Mociño, o adestrador de Celanova co que se medira naquela final de Copa de 2004.
DOUS ANOS PARA UN REGRESO EFÉMERO A PREFERENTE: 2005 a 2007
2005-06
A tempada do regreso a Primeira Rexional quedou resumida neste parágrafo da Historia do Antela de Martínez Cerredelo:
“O Antela venceu ao Soutopendo por 3 1 na Moreira e deixou a Preferente máis preto. Nese mes de maio da tempada 2005/06 catro equipos da Primeira Rexional pretenden ocupar os postos de ascenso a Preferente: o Maside, o Arenteiro, o Antela e o Polígono. O Antela figuraba 3º na táboa, con 60 puntos, a un do Maside e a tres do líder, o Arenteiro. Ao Antela faltábanlle por cogar dous partidos, co Ponte B na Moreira e co Bentraces na súa casa. O porteiro do Antela, Luis María, era até entón o menos goleado da categoría. Suso García declara na prensa. “El que tenga un error lo va a pagar. La posibilidad de mi equipo es un poco menor que la de los demás, pero en estos dos partidos, el que tenga el mínimo error lo va a pagar. El partido entre el Vilariño y el Maside será clave, porque si ahí no fallan, será difícil que lo hagan en la última jornada, y menos jugando en su campo”. No último partido o Antela vence ao Bentraces a domicilio, impoñéndose a un gran rival nun feudo complicado. Quedou 3º e coa sopa entre o prato e a boca por causa da vitoria do Maside na casa ante o Vilamartín por 1-0.”
O Antela rematou a Liga con 19 vitorias e 9 empates, unha vitoria menos e dous empates máis que o Maside: un punto de diferencia.
2006-07
O Polígono foi o mellor equipo da primeira volta naquela Liga, e mesmo foi quen de gañar na Moreira (0-3). Mais o Antela non se rendeu. Así resumía o curso da competición na súa primeira metade o xornalista Luis Miguel Rodríguez na edición de La Voz de Galicia do 24 de xaneiro de 2007: “El combinado industrial se alzó finalmente con el título invernal, amparado en gran medida con una puesta en acción que saldó con seis victorias y dos empates en sus ocho primeros partidos. Su rival de Xinzo es otro de los aspirantes serios, tanto por potencial como por su solera en el panorama provincial. Nica formó un plantel muy competitivo y tras ceder si puesto de entrenador a Ángel Mociño, el proyecto a corto y medio plazo incluso se ha revitalizado“.
A comezos de febreiro, o Polígino gañaba pola mínima ao Velle e consolidábase no liderado mentres o Cortegada, que vencía ao Barco na Cancela, superaba ao Antela no segundo posto despois do empate entre os limianos e o A Peroxa (2-2) na Moreira.
Mais o Antela non se rendeu.
A mediados de marzo, alcanzou o liderado despois de vencer no campo do Polígono na xornada 24 cun gol de Castro. Pero un tropezo diante do Vilamarín permitiu que o Cortegada -descendido a tempada anterior da Preferente- e o Polígono se achegasen de novo.
Na xornada 26 o Polígono gañou ao Cortegada (2-1) e o Antela supeou ao Caldelao (1-0). O Antela tomaba una vantaxe de nove puntos co terceiro e encamiñaba o ascenso. O Polígono, pola súa parte, mantivo o ritmo do líder até a xornada 29, cando caeu en Lobios mentres o Antela vencía en Oira ao Ponte B (0-2) e ampliaba á vantaxe na carreira polo título a seis puntos.
O 22 de abril o Antela tivo a primeira opción de asegurar o ascenso, mais o Cortegada non fallou. O domingo seguinte, o día 29, xa dependía de si mesmo en Lobios. Gañou 1-3 con tantos de Gele, Nacho e Dani. Miro Cerredelo reflicte no seu ensaio a aliñación daquela tarde: Luis María, Pablo Vilachá, Rubén Moro, Pisto, Paco, Nacho, Jorge Ramos, Carballo, Sieiro, Gele e Castro. Tamén xogaron Carlos, David Zurdo, Dani, César e Vila.
“Los jugadores bregaron, trabajaron, sufrieron durante todo el año y ahora tienen la oportunidad de volver a una categoría que es la que se merece el Antela”, declarou Ángel Mociño. Na xornada seguinte o equipo conseguiu a cuarta liga ante o Allariz na Moreira. Con 73 puntos logrouse a maior puntuación de sempre do Antela. Un campionato con moita autoridade.
UN ANO NA PREFERENTE: 2007-08
Nito Martínez, o presidente que levantara a Copa tres anos antes, seguía á fronte do club e mantivo no banquiño a Ángel Mociño.
Na plantilla seguían Pisto, Vila, Sieiro e Dani da canteira e o resto eran fichaxes de Ourense e Santiago. A Liga empezou costa arriba. O Antela non gañou un partido até novembro. Ese mes, superou ao Pontellas e ao Tomiño e empatou na visita a Melias, mais non saíu do descenso. Despois de pechar o seu mellor mes cun triunfo en Gondomar (0-2, con tantos de Sergio e Igor), o equipo empezou decembro cedendo un empate co Grove (0-0) e apañou tres goles en Salvaterra (3-0) antes de recibir a vista do líder, o Gran Peña, para pechar o ano na Moreira. Perdeu e caeu tamén na visita ao Cultural Areas (2-1) o 24 de decembro.
O martes 19 de febreiro, após das derrotas diante do Arenteiro, do Porriño e do Caselas (0-1) -nun partido clave para as opcións de permanencia-, Ángel Mociño deixaba de ser o adestrador. O seu substituto sería David Carnero, técnico da base. Disputadas 25 xornadas o Antela só sumara catro triunfos. Producíranse ademais varias saídas de xogadores e o club buscou reforzos: chegaron os irmáns Pereiro: Moisés (exfutbolista das categorías inferiores do Barcelona) e Breogán. O debut na xornada seguinte rematou en goleada en Oira ante o Ponte (6-2).
A finais de marzo, o Antela perdeu en Pontellas (2-1), fronte a un rival directo, nunha das últimas ocasións de achegarse a postos de permanencia. Quince días despois os de David Carnero gañaron en Tomiño (1-2) mais seguían a doce puntos da permanencia. O Antela pechou abril cunha derrota no Grove (4-0) e outra na casa co Salvaterra (0-1). A agonía rematara.
Co Antela descenderon o Nogueira e o Vilamarín, que a tempada seguinte serían os protagonistas na Liga de Primeira. Para o Antela empezaba unha época distinta.
Anos difíciles (2008-2010)
O paso por Preferente resultou traumático. O club estivo tres anos tambaleándose na Primeira Autonómica até que acabou caendo no pozo da Segunda. Tocando fondo. Foron as cinco tempadas máis duras da historia do Antela, entre o 2008 e o 2013.
2008-2009
O equipo dirixido por Óscar Carnero goleou ao Amoeiro no primeiro partido e púxose líder con goles de Cartucho, Dani e Zalo. Mantívose no grupo de cabeza até finais de outubro, cando caeu co Allariz na Moreira (1-3) e cedeu unha vantaxe de 7 puntos aos líderes: o Vilamarín e o propio Allariz. O 9 de novembro, o Vilamarín foi o seguinte en gañar na Moreira (0-3), tomando 12 puntos de distancia co Antela (dez o Allariz; oito o Nogueira). Os limianos pecharon o ano con outra derrota na casa (0-2 fronte ao Rúa) e na 8ª posición a 16 puntos do Vilamarín, imparábel. Neste ano todos os xogadores eran da Limia salvo Joel Pereiro.
O Vilamarín remataría a Liga segundo, por detrás do Nogueira, e renunciaría ao ascenso. O Covadonga, terceiro, tomou a praza en Preferente.
O 2009 comezou para o Antela cun empate con Caldelao (1-1) no remate da primeira volta e unha derrota en Amoeiro (2-1). O equipo mantivo o ritmo da cabeza até febreiro, pero o 15 dese mes empatou en Francelos (1-1) e na xornada seguinte viu aprazado o encontro co Velle. Marzo arrancou con dúas derrotas: en Allariz (2-1), e na casa co Peroxa (1-3), que o descolgaron da loita polo ascenso. Gañou ao líder Vilamarín a domicilio (1-2) con dous goles de Dani e Borja, a mesma xornada que o Nogueira lle daba alcance no liderado. A distancia do Antela cos dous de cabeza era de 21 puntos.
O equipo rematou 7º, sen pasar apuros e quedou eliminado nos 1/4 da copa. O Vilariño e o Velle descenderon polos arrastres.
2009-2010
“Confiábase na boa defensa do ano anterior para a tempada 2009/10, á que lle había que sumar as incorporacións de Iago Campelo, Pedro García e Rafael. A foto de familia, co equipo na Primeira Autonómica, estaban Óscar (adestrador) e Nito (presidente)”, conta a Historia do Antela (páxina 73).
O Antela remataría a campaña na 11ª praza, con 11 vitorias e 15 derrotas. Aquel ano ascenderon o Peroxa e o Ourense B, que empataron a puntos co Melias. Tanto o Melias como o Ourense B viñan da Preferente, o mesmo que o Barco e o Ponte, que remataron no medio da clasificación. Houbo cinco descensos: o Maside (consecuencia dos arrastres), o Paderne, o Rúa, o Cea e o Manchica.
O Antela, que gañara os títulos de 2002 e 2007 e viña de xogar catro anos en Preferente, ía caer no pozo da Segunda só doce meses despois, tamén por culpa dos arrastres e dunha temporada discreta como se conta máis arriba (ver: década 2010) na súa maior crise deportiva desde 1992.
ANOS NOVENTA
Na primeira Liga da década dos noventa, o fútbol galego en xeral e o ourensán en particular non atravesaba circunstancias felices. O Dépor e o Celta competían en Segunda. O resto de históricos (Lugo, Compostela, Ourense, Endesa As Pontes, Pontevedra e Cambados) encadrábanse na Segunda B. Na Terceira galega os únicos representantes ourensáns eran o Arenteiro e o Barco.
En Preferente estaban só o Atlético Ourense e o Maside, que descendería aquel ano.
COLAPSO
1990-91
Na Primeira provincial, xunto aos descendidos Nogueira, Allariz, Antela, Verín e Celanova, competían o Ribadavia Atlético e o A Peroxa, que gañaría o campionato aquela tempada, mais renunciaría ao ascenso a Preferente.
O golpe do descenso afectaría especialmente ao Celanova, que perdería outra categoría. Tampouco foi unha boa tempada nin para o Antela (10º) nin para o Verín (13º). Ambos entrarían nun proceso que os levaría, a tempada seguinte, a un novo descenso.
O Antela gañou 16 partidos (menos da metade, o 47%) e sempre estivo lonxe da loita dos tres primeiros: o A Peroxa, o Nogueira e o Barra de Miño.
1991-92
A Peroxa repetiu o éxito da tempada anterior e o Nogueira volveu finalizar segundo. Ningún dos dous ascendeu. O Maside, de volta desde a Preferente, e o Rúa, renacido desde Segunda provincial, fixeron bastante con manterse.
O Antela (apenas 9 vitorias, o 23%) e o Verín (5 vitorias) colapsaron e acabaron a tempada descendendo. Aquel ano, desde a Segunda provincial, o novo destino de limianos e verinenses, ascendera o Ponte Ourense, que pasaría en só catros anos da penúltima categoría do fútbol provincial á disputar dúas fases de ascenso a Segunda B.
Na súa historia do club, publicada no 2019, Edelmiro M. Cerredelo lembra: “O Antela cavou a súa propia sepultura ao perder na Moreira co Viana por 0-2 o domingo 10 de maio. Posteriormente, o Carballiño mandou o Antela para a Segunda Rexional ao vencelo por 1-0, e os limianos baixaron ao penúltimo lugar da táboa. Polo Antela xogaron: Porto, Ramón, Óscar, Tombo, Paco, Toño (Cesi), Gallego, Luís, Carlos, Sindo e Manel (Peludo) e Roque. A nota curiosa foi que nesta temporada non houbo ascensos, e descenderon para a Segunda o Verín, o Entrimo, o Antela e o Maceda”.
1992-93
A Liga de Segunda provincial foi un suplicio para o Antela. O Verín arrancou forte e xa non parou: gañou 25 dos 30 partidos e anotou 104 goles. Os da Moreira perderon mesmo a condición de primeiro equipo da Limia. Remataron cuartos, con 16 vitorias e 51 goles, superados polo Macendo e polo Limia Sport, equipo que se mantivo durante dezaseis tempadas e precisamente naquela Liga alcanzou o seu teito, terceiro.
Aquel foi o momento máis baixo do Antela nos últimos cincuenta anos.
1993-94
“Na temporada 1993/1994, o Antela queda subcampión de Segunda e ascende a Primeira. Con Desiderio de adestrador e unha materia prima que achegan os equipos das divisións inferiores, o Antela alterna resultados moi positivos con outros especialmente negativos, perdendo ante equipos débiles. Tivo que loitar a peito aberto co Ramirás e o último partido da liga disputouno no feudo deste equipo. O empate non servía de nada para as aspiracións do Antela e favorecía o Paderne, pero se era quen de vencer o Ramirás, ascendía. No minuto 90 marcaron os anteláns o gol da vitoria e a euforia desbordouse. Un apartado especial merece o eterno mozo, Felisindo Castro, alcumado Bembarek, que, con máis de 40 anos, foi todo un exemplo para o equipo. Co ascenso veu un tempo de estabilidade: serían oito anos na Primeira Rexional que sementaron a base do posterior ascenso na temporada 2001/2002”, resume Cerredelo.
E engade o historiador: “Desiderio Vázquez, técnico do equipo, manifesta que “o Antela non fai nada na Segunda, o seu lugar é a Primeira Rexional. Foi primordial o traballo coa canteira para chegar á Primeira. Temos un equipo moi novo, 23 anos de media, e salvo Bembarek, que ten 41 anos e é un exemplo para os nenos, aquí contamos con xuvenís e algún cadete para o primeiro equipo”. Seguía fría a afección antelá e, nos partidos que disputaba o equipo, o excelente recinto da Moreira tiña como testemuña, maioritariamente, o formigón das bancadas”.
O Antela ascendeu como segundo despois de gañar a metade dos partidos, 15, e empatar 10. O Vilardevós foi o campión cun punto máis. O Limia Sport rematou a Liga 13º, tres anos despois desfaríase.
O ANTELA REVIVE
1994-95
Desiderio mantívose á fronte do equipo no regreso a Primeira.
O Antela viña de se recuperar do seu peor momento na historia do club desde que tomaba parte nas competicións federadas. Nos anos oitenta vivira a súa mellor época. Os descensos no 90 e no 92 levárono até a Segunda categoría provincial. Había que se volver a asentar na Primeira. O ano foi duro. O Antela gañou 10 partidos e empatou 8 para rematar a Liga no posto 13º. Era un comezo.
A 94-95 foi unha gran tempada para o deporte en Ourense. No COB, a parella Darrel Armstrong-Chandler Thompson daba espectáculo na ACB. O Club Deportivo Ourense volvía a Segunda División da man de Fuertes e Teixidó. O Academia Postal despuntaba na elite do fútbol sala. Thompson aínda mantén a mellor marca de anotación do COB nun partido da ACB (39 puntos, o 13 de marzo do 95 en Zaragoza). O Ourense descendería ao final da tempada, mais un ano despois, estaba de regreso. O Academia xogaría até a campaña 2000/01 na División de Honra. Despois do COB, Armstrong seguiu dando espectáculo durante 14 tempadas na NBA.
1995-96
O Antela alcanzou os seus primeiros 25 anos como club federado o mesmo ano que se instauraron os 3 puntos por vitoria. O equipo, con Fernández Carrera no banco, gañou 17 partidos e empatou 7, para finalizar 7º na clasificación, case nos seus números de principios dos oitenta na mesma categoría cando se preparaba para dar o salto a Preferente. De feito, non sumara tantos triunfos desde a campaña 83-84, a do ascenso. Con sete equipos ourensanos na Preferente, a competencia baixara o nivel. Ascenderon o Sporting de Celanova e o Pabellón de Ourense, que colleron o sitio do Barco e do Allariz, descendidos.
Clasificacións en Primeira Rexional nas tempadas 94/95 e 95/96:


1996-97
“O día 10 de febreiro de 1997, a prensa publica unha breve entrevista con Carlos, que ostentaba a capitanía do Antela. Carlos era consciente de que a loita do equipo debía centrarse na permanencia dentro da categoría. Aínda que as aspiracións a principios da tempada fosen outras ben distintas. A lóxica do fútbol levou os homes de Gallego á loita pola permanencia”, relata Cerredelo na súa Historia do Antela.
O Antela alcanzou os seus primeiros 25 anos como club federado o mesmo ano que se instauraron os 3 puntos por vitoria. O equipo, con Fernández Carrera no banco, gañou 17 partidos e empatou 7, para finalizar 7º na clasificación, case nos seus números de principios dos oitenta na mesma categoría cando se preparaba para dar o salto a Preferente. De feito, non sumara tantos triunfos desde a campaña 83-84, a do ascenso. Con sete equipos ourensanos na Preferente, a competencia baixara o nivel. Ascenderon o Sporting de Celanova e o Pabellón de Ourense, que colleron o sitio do Barco e do Allariz, descendidos.
1997-98
Tralos descensos da tempada anterior, o Allariz desapareceu, mais o Barco foi quen de volver gañar a Liga de Primeira e regresar a Preferente. Acompañouno o Velle. O Antela, da man de Desiderio concluíu 11º, con 10 vitorias e 9 empates, só tres puntos por riba do descenso.
Ademais das dificultades para manter unha praza na Liga, na Copa produciuse unha forte derrota no partido de ida de semifinais en Vilamarín -que viña de catro anos en Preferente-. O partido acabou 10-2; a eliminatoria: 12-4.
1998-99
Desiderio segue como adestrador. Manuel Pérez Campos estréase como presidente. O Antela fai unha campaña excelente até xaneiro, rematando a primeira volta no liderado. É unha Liga moi competida, co Barco, o Celanova e o Amoeiro que baixaran de Preferente, e o Vilamarín e o Pabellón, con experiencia moi recente na división superior.
Gañou o campionato o Taboadela -que só encaixou 18 goles en 34 partidos- por diante do Barco -o máximo anotador: 89 tantos-. O Antela rematou 4º, con 20 vitorias e 4 empates, non moi lonxe do Barco.
Desiderio anunciou que deixaba o fútbol após 26 anos. Xogou no Antela entre e 73 e o 81, e unha última campaña na 85/86. Tiña participado nos primeiros ascensos: na tempada 75/76 a Primeira comarcal, e na 77/78 a Primeira Rexional sur (a quinta división naquela altura). Como adestrador, dirixiu ao equipo da Moreira en varias etapas, entre 1989 e 1991 a primeira delas, dous anos na Preferente.
1999-2000
Julio Rodríguez converteuse no adestrador do equipo na segunda tempada de Manuel Pérez Campos á fronte do club. As expectativas tralo rendemento da Liga anterior non se concretaron. O Antela quedou descolgado pronto da cabeza e rematou a competición máis preto do descenso que do ascenso. Foi 9º, con 12 vitorias e as mesmas derrotas.
O Antela empezou cunha derrota en Vilamarín (1-0) e a continuación sumou tres vitorias e un empate en Amoeiro antes de caer diante do Nogueira e co Ramirás na Moreira (0-1). Recuperouse goleando ao Allariz (6-0) e sumou tres vitorais máis. No último partido do ano golea ao Toén (6-0) e remata 1999 como 4º clasificado, a 4 puntos do Sporting de Celanova e do Polígono, e polo medio o Ramirás.
Á volta de ano, xaneiro e febreiro son críticos. En febreiro perde consecutivamente co Pabellón e co Nogueira en Xinzo e cede un empate en Ramirás. Foi o resultado máis destacado antes de empatar, tamén sen goles, co líder, o Polígono, a finais de marzo. Daquela viaxaba xa a 17 puntos da cabeza e a 16 do Ramirás, segundo, na 10ª praza da Liga. Xa quedara sen obxectivo. Os ascensos foron para o Polígono e o Celanova.

ANOS OITENTA
TEMPADAS 80-81 á 82-83
A terceira experiencia do Antela no plano autonómico, na tempada 1980-81, comezou con malos resultados. Goleadas nas dúas primeiras saídas (Valadares e Umia), dous empates e unha derrota na Moreira (contra o Barco, 1-2, na quinta xornada) e nova derrota en Guillarei. Apenas 2 puntos en seis partidos antes de superar ao Portonovo na Moreira (2-1).
Despois de perder en Bueu, en novembro a cousa mellorou un chisco. En cinco partidos, o Antela sumou seis puntos, con dous empates e vitorias nos derbis co Pabellón e co Moreiras de Toén. No cuarto derbi, perdeu contra o Atlético Ourense (2-0). Até o final da primeira volta, os limianos apenas sumaron un triunfo máis (na Moreira, 3-1 ao Vilalonga).
O Antela remontou no arranque da segunda volta con dúas vitorias na Moreira e devolvéndolle a derrota ao Barco en Cabalagueiros (0-1, o 15 de febreiro de 1980). Nos dous meses seguintes, so sumou dous puntos (empates nos derbis co Pabellón e Atlético Ourense), mais gañou en Moreiras (0-4) na xornada 32 e venceu na seguinte ao Miño.
Rematou a Liga na posición 17ª, con nove vitorias e nove empates. Na reestruturación de categorías de cara a tempada 81/82, os seis primeiros ascenderon a Preferente, e o resto ficaron nos grupos provinciais de Ourense e Pontevedra.


Na Copa, o Antela alcanzou a final contra o Barco -un dos que promocionara a Preferente-. A finais de xuño do 81 disputouse a final da Copa Orense, patrocinada desde aquel ano pola Deputación. Unhas dúas mil persoas se citaron o sábado 27 no Couto -malia a coincidencia co rali de Ourense, como lembra La Voz de Galicia na edición do día 30- e a recadación foi de 250.000 pesetas. Gañou o Barco, con gol de Latosa aos 22 minutos.
“Aunque ninguno de los dos equipos ofreció un fútbol de calidad es preciso resaltar la mejor primera parte de los valdeorreses, tornándose conservadores en la segunda, tras la presión de los antelano por equilibrar el marcador“, conta o xornal.
Naquel equipo do Antela resoan nomes históricos do club. O pé da fotografía recolle todos os que compuxeron a expedición limiana para aquela cita. Alí estiveron, por esa orde na foto: Manolo, Granell, Sieiro, Desiderio, Arturo, Toño Belucho, Gude, Julio (o masaxista), Wilson Jones (o adestrador), Hortensio, Sixto, Peki, Lulo, Prol, Toncho, Poldo e Carrera.
AQUELA MARABILLOSA PREFERENTE


1983-84
«Mientras la banda interpretaba el Himno Español, Isaac Vila izaba la bandera nacional a la entrada del recinto. A continuación, Francisco Paz y el presidente del club antelano, procedieron a izar las banderas gallega y del club, respectivamente, mientras la banda interpretaba el Himno de Galicia. Terminado este primer acto, la comitiva, a la que ya se incorporó Victorino Núñez, se encaminó al centro del campo, donde la directiva hizo entrega al alcalde, como representante municipal, de una placa de agradecimiento del club al Ayuntamiento. Acto seguido, en las gradas presidenciales de las tribunas, Victorino Núñez descubrió una placa con el nombre del recinto recién bautizado en la que se podía leer: «Campo de A Moreira, 29-4-84», informaba o correspondente de La Voz de Galicia en Xinzo de Limia na edición do xornal por primeiro de marzo.
A efeméride bastaría por si mesma para considerar aquela tempada, a 1983/84, como histórica para o club. Mais, un mes antes da inauguración -vitoria do Antela por tres a cero diante do Mesón de Calvos- o Antela xa festexara o seu primeiro ascenso a Rexional Preferente.
Foi a cinco xornadas do final, tras vencer ao Allariz (1-0), cando o equipo -adestrado por Eloi Pousa- distanciou definitivamente aos seus rivais. O Antela xogaría as seis tempadas seguintes na categoría autonómica, coa xeración de Toño Belucho, Toncho e Carlos ao fronte. Despois virían os ascensos do 2002, o 2007, o 2018 e o último até o momento, no 2022.

Agora que o Antela vai camiño doutro ascenso á división autonómica, compre lembrar algúns detalles daquela Liga, que comezou baixo a presidencia de Manuel Gómez Colmenero e acabaría en xuño con José Manuel Peralta Corderí (falecido recentemente). Houbera algunhas fichaxes notábeis: Núñez, Toño, Hermida, Pedro e o goleador Cid. E rematouse con certos apuros económicos, mais co club en Preferente e un campo novo e excelente, “un logro inmenso para toda A Limia”, subliñaba Gómez Colmenero.
O Antela arrancou a Liga vencendo ao San Cristóbal, empatou sen goles na visita ao Veracruz e encadeou sete triunfos consecutivos antes de igualar en Amoeiro (1-1) na décima xornada, e gañar despois dous partidos clave: 0-1 en Leiro e 2-0 ao Maceda. O Leiro remataría a Liga segundo; o Amoeiro, terceiro; e o Maceda, cuarto.
A primeira derrota chegou na xornada 13ª, en Allariz (2-0). Mais o Antela repúxose e sumou triunfos diante do Salamonde, o Galaico e o Outormuro, antes de ceder a segunda derrota na visita a Mesón de Calvos (2-1), na decimo sétima xornada.
O equipo dirixido por Eloi Pousa sumaba 28 puntos ao final da primeira volta de competición. Coa puntuación de hoxe, terían sido 41 puntos.

Os oito puntos en febreiro
O presidente Gómez Colmenero reflexionaba a finais de febreiro de 1984 sobre a situación deportiva e financeira do club. O Antela levaba 8 puntos de vantaxe sobre o segundo (que supoñían unha distancia maior que os 8 actuais) e o dirixente valoraba a tempada como “altamente positiva”, inda que queda “moita Liga por diante”. Un mes despois, o Antela xa era campión. O seu primeiro título na Primeira; o seu primeiro ascenso a Preferente. O club levaba doce anos federado.
Na parte financeira, o Antela estreou en 1983 a modalidade de “publicidade no campo”, que é “altamente rendíbel, e cuns 40 anuncios ademais de sorteos”, segundo explicaba o presidente.
Nos partidos chave da segunda volta, o Antela venceu en Amoeiro (1-3), despois empatou como local contra o Leiro (0-0) e superou a domicilio ao Maceda. En marzo fixo 7 puntos sobre 8 posíbeis e pechou a Liga con 8 sobre 10 en abril, cedendo só en Outomuro -co ascenso xa no peto- o domingo anterior á inauguración da Moreira.
Pasaron 40 anos, e o camiño quedou sinalado.
1984-85
Cerredelo avanza o cadro de xogadores da tempada seguinte, a do debut na nova división: 1984-85. Eran Sindo e Porto, porteiros; Pereira, José Antonio, Luís González, Miguel, e Alfonso, defensas; medios, Eulogio, Toño, Bembarek, Moreiras e Carlos; dianteiros, Carlos Alberto, Toncho, Pirri, Toñito e Prol. O adestrador: Antonio Castro.
A Preferente tiña mudado o sistema de competición apenas uns anos antes. Agora estaba dividida en dous grupos. O Antela terminou penúltimo no grupo sur, con apenas 9 vitorias (e 11 empates) en 38 partidos. Pero mantívose. Ascenderon a Terceira o Portonovo e o Marín. Os outros catro equipos ourensáns, que se salvaron, eran o Atlético Ourense, o Atlético Ribadavia, o Rúa e o Sporting de Celanova.
1985-86
Na tempada 1985-86, o Antela mellorou moito. Gañou 12 partidos e empatou 17 (os mesmos co Choco e o Moaña). Rematou 7º, por riba ademais do Ribadavia e do Rúa. Verín e Celanova tamén estiveron nos postos de cabeza, e o Atlético Ourense chegou a disputar a promoción de ascenso. O Cea, último, descendeu. Aquela sétima posición é, a día de hoxe, a mellor clasificación histórica do club.
O Antela comezou aquela Liga con sete empates nos oito primeiros partidos. Mais logo de gañar en Cea (2-3) na novena xornada, volveu perder na Moreira, onde non conseguiría sumar os tres puntos até a seguinte cita, na xornada 11, diante do Verín (4-1). O equipo rematou a primeira volta con só catro derrotas, pero tres delas foron na casa.
“Unha vitoria importante do Antela foi no campo de Santa Mariña de Redondela, con data 2 de febreiro de 1986, onde venceu ao Choco por 1 gol a 0, grazas a unha xenialidade de Toño. A formación do Antela foi: Aurelio, Cancas, Alfonso, Luís González, Mosquera, Toño, Pirri, Eulogio, Prol, Seoane e Carlos Alberto. Ao regreso, o Antela foi recibido en Xinzo con bombas de palenque por parte da comisión do Entroido. Nesta tempada, após seis anos esplendorosos, o Antela luciuse polos estadios da Preferente. Mesmo chegou a ser líder e ao final conseguiuse o mellor posto histórico“, conta Cerredelo.
Tras aquel partido, na cuarta xornada dunha segunda volta que o equipo arrancou forte (dúas vitorias e dous empates), empezaría unha racha de seis triunfos en sete partidos. Destas vitorias, tres foron diante de equipos ourensáns. O Antela estivo fino nos derbis provinciais. Sacou puntos nos dez encontros, e rematou, a cinco xornadas para o final, cun triunfo en Celanova (2-3).
1986-87
“No primeiro partido da Rexional Preferente da temporada 1986/1987, o Antela enfróntase co Turista de Vigo, que acababa de descender da 3ª división, no campo municipal de Barreiro (Vigo), conseguindo o primeiro positivo co resultado de Turista, 1 – Antela, 1. Polo Antela xogaron: Aurelio, Cancas, Toñito, Arias, Senén, Meleiro (Desiderio), Carrega (Borrajo), Toño, Prol, Pepe Rivas e Gonzalo (autor do gol); o adestrador era Meiriño, que foi substituído por Arcángel antes do final da tempada (…) O equipo estaba rexido por unha xestora presidida por Manuel Santana Fernández, e formaban a xunta directiva: Juan Gómez, Guillermo Budiño, Xerardo Barxe, Francisco Diz, Ramón Blanco, Camilo e Xosé Carrasco. O cadro de xogadores estaba formado por: Aurelio, Cancas, Desi, Feijóo, Toñito, Arias, Senén, Carrera, Toño, Gonzalo, Prol, Pepe Rivas, Carlos, Mel, Meleiro, Moure e Peke. A sociedade contaba con 450 socios e un orzamento de 5.500.000 de pesetas“, relata Cerredelo sobre a terceira tempada do Antela na Rexional Preferente.
O Antela rematou décimo aquela Liga. Gañou 12 partidos, empatou 13 e perdeu 13, anotando os mesmos goles que encaixou: 52. Na rivalidade ourensá polo mellor posto na táboa clasificatoria, foi superado polo Rúa e polo Allariz, mais ficou por riba do Verín, do Celanova e do Ribadavia Atlético. Ascenderon a Terceira o Tyde, o Cambados e o Valadares.
“A prensa, ao longo da tempada, destaca a fortaleza do Antela nos partidos xogados na casa e o mal rendemento en domicilio”, subliña Cerredelo na súa Historia do Antela. Houbo cambio no banco, a Liga empezáraa Meiriño e acabouna Arcángel. En xullo, a xestora deu paso a unha directiva encabezada por Juan Gómez, con Ramón de la Fuente como vicepresidente e Casto González Augusto como secretario.
1987-88
Con José Antonio Fernández Carrera como adestrador, a Liga arrancou no campo do Allariz. Venceron os locais por 1-0. Polo Antela xogaron: Aurelio, Cancas, Arias, Tomás, Núñez, Toño, Ignacio, Prieto, Lamela (Carlos, 65), Pepe Rivas e Gonzalo.
Na estrea na Moreira, os limianos empataron co Marín, despois gañaron ao Pontevedrés e ao Tomiño e perderon en Ponteareas co Xuvenil. Era a quinta xornada. Non volverían a perder un partido até a xornada 16, en Vilalonga. E cederon nas dúas últimas citas da primeira volta ante o Turista e o Moaña, 0-1 na Moreira, xa en xaneiro. O ano ía empezar en costa para o Antela, que volveu perder co Allariz, esta vez na Moreira. A segunda volta foi dura. O Antela acabou perdendo os últimos catro partidos (Vilalonga, Choco, Turista e Moaña). Mais conseguiu a permanencia; con 39 puntos (22 na primeira volta) foi undécimo por diante do Verín. O Castrelo de Miño e o Celanova descenderon.
Aquel ano de 1988 o fútbol entraba noutra era. O magnífico Real Madrid da ‘Quinta del Buitre’ gañara a súa terceira Liga consecutiva mais caera na semifinal da Copa de Europa diante do PSV holandés. Desde o Ajax, Cruyff chegaba ao banco do F.C. Barcelona. En Italia, Sacchi levantaba o seu primeiro ‘scudetto‘. E Rijkaard sumábase a Gullit e Van Basten, despois dunha luminosa Eurocopa, para acabar de configurar o invencíbel Milan. Todas esas cousas aconteceron en 1988.
1988-89
O Antela comezou a súa quinta tempada na Preferente o 4 de setembro cunha derrota en Caselas. Debutou na Moreira o día 11, perdendo tamén pola mínima co Catoira. Na terceira xornada anotou o seu primeiro gol para sumar un punto en Redondela diante do Choco. E rematou o mes cun empate co Tomiño en Xinzo, tamén 1-1.
No primeiro derbi gañou en Verín (0-1), e a continuación cedeu un empate co Nogueira e gañou ao Porriño Industrial en partidos consecutivos na Moreira. Despois de perder co San Martín, levaba 5 goles e 7 puntos; e rematou outubro agasallando a afección cunha goleada sobre o Moaña (4-1): 9 goles, 9 puntos.
Nos dez partidos seguintes até o final da primeira volta, xa entrados en 1989, os limianos cederon 6 derrotas e sumaron apenas 6 puntos. A Liga estaba máis costa arriba que nunca.
“Segundo informa a prensa, en outubro do ano 1988, o fútbol en Xinzo tiña un futuro incerto. O equipo levaba algunhas tempadas que non daba arrancado. A afección afastárase paulatinamente do campo da Moreira (…) O adestrador José Antonio Carrera trataba de facer un equipo a base de xente do filial e da comarca. Tarefa difícil, xa que a Rexional Preferente non deixaba demasiada marxe para facer probas. Así e todo, o equipo, que comezara un pouco vacilante, daba a sensación de que podía ir situándose na táboa“, relata Cerredelo.
O Antela loitaba por non se descolgar. Nos dez primeiros partidos da segunda volta gañou ao Caselas, ao Porriño e ao San Martín, e sumou catro empates máis. Despois enganchou unha racha de catro vitorias e un empate. Superou ao Rúa na Moreira e gañou en Ribadavia, os dous ourensáns que descenderon. A permanencia, un ano máis, estaba na man, e os catro últimos partidos foron derrotas. O Antela rematou 11º, con 34 puntos (19 na segunda volta). O Turista gañou a Liga e foi o único equipo do grupo sur que ascendeu.
Con case todo xa decidido, o Antela recibira o 13 de maio ao Allariz (finalmente, 9º, por detrás do Nogueria, 6º, o mellor entre os ourensáns). Na Moreira foi un día de festa. Conta Cerredelo que se celebrou “un sorteo dun Renault 5 Five, en combinación coas catro últimas cifras do 1º premio da Lotaría Nacional do día do Mar, 13 de maio de 1989. Para se entregar con prezo franco fábrica e cun custo de 250 pesetas por papeleta“. O partido gañouno o equipo visitante (0-1).
1989 foi un ano que quedou marcado na historia por dous acontecementos de impacto global: as protestas da praza de Tiananmén, entre abril e xuño en Pekín, e a caída do muro de Berlín, xa en novembro. No mundo do fútbol o cambio de era estabaa sendo rápido. O Milan de Sacchi gañou a súa primeira Copa de Europa, afundindo na melancolía á ‘Quinta do Buitre’, que sen embargo deixara parte da semente do que estaba por vir. “Coñezo o club e non quero que a historia se repita. Se queremos cambiar as cousas, hai que cambiar a historia”, tiña dito Cruyff nada máis volver a pisar o Nou Camp. Ese ano o Barça non luciu. O Anderletch eliminouno da Recopa en novembro, pero o adestrador holandés xa estaba a cociñar o ‘Dream Team’, cuns cantos xogadores vascos, Laudrup, Koeman e uns cantos xogadores da canteira (o espello do Madrid).
1989-90
Para a sexta tempada en Rexional Preferente Sur, o equipo presentouse o luns 10 de agosto de 1989. Cerredelo recolle a composición do cadro de xogadores: Porto e Pedro, porteiros; Toño, Pate, Odilo,Tini e Xosé Antonio, defensas; Cesi, Toncho, Miguel I, Miguel II, Sindo, Oterino, Paco e Ramón, medios; Gonzalo, Zalo, Pepe e Lito, dianteiros.
E engade: “A prensa, o 29 de agosto de 1989, escribe: Revolución en el Antela. De la mano del doctor Ramón de la Fuente, en calidad de presidente, el Antela pretende una reestructuración a fondo para esta temporada. Con un presupuesto de los más bajos de la categoría (4,5 millones) y con jugadores de Xinzo de Limia y comarca quieren luchar por la permanencia. “Nuestra filosofía deportiva es para que en tres años dispongamos de un equipo de garantías, pero hecho con gente de nuestra tierra” sentencia el presidente”. O adestrador é Desiderio.
A Liga estaba composta por 22 equipos no grupo sur. Finalmente, descenderon dez, tres deles (Tomiño, Nogueira e Arcade, clasificados nos postos 13º, 14º e 15º) polos arrastres desde categorías superiores. O Antela terminou 19º, con só sete partidos ganados nas corenta e dúas xornadas, mais por riba do Celanova, o Allariz e o Verín. Dos ourensáns só se salvou o Atlético Ourense. No grupo norte, con vinte equipos, houbo seis descensos.
“Este ano será recordado pola desfeita no fútbol galego en categorías superiores, que obrigan nove equipos a baixar da Rexional Preferente, entre eles o Antela”, conta Cerredelo.
Despois de coñecerse os arrastres, o Antela estivo moi lonxe de se salvar. Mais en maio aínda loitaba por esa meta. Gañou ao Celanova na Moreira (2-1), perdeu en Nogueira (3-2) e cedeu un empate co Atlético Ourense (1-1) antes de xogar co San Martín (derrota, 4-0). A despedida da tempada e da categoría foi na Moreira, diante do Pontevedrés, e con derrota (0-3).
O Antela tardaría doce tempadas en volver a Preferente. Polo camiño mesmo estivo dous anos en Segunda provincial. O seguinte partido do Antela na categoría autonómica non tería lugar até o 1 de setembro de 2002, na Moreira, na apertura da Liga 2002-03.

ANOS SETENTA

O Antela F.C. empeza a disputar competicións federadas na tempada 1971-72. Disputa o campionato comarcal de Primeira División nun grupo de quince equipos no que están, entre outros, o Verín, o Rúa e o Outomuro -que tamén se estreaban aquel ano-. A Liga gañouna o Cenlle, que tiña dous anos de experiencia no fútbol federado. O Antela rematou oitavo, con 27 puntos, 43 goles a favor e 50 en contra.

A seguinte campaña, 1972-73, a provincial divídese en dous grupos. Once equipos no norte, e dez no sur. Neste último compiten os limianos. Gaña a Liga o Maceda, co Allariz segundo. O Antela remata noveno.
Na tempada 1973-74 a división pasa a denominarse Segunda División. A categoría de Primeira desaparece. Varios equipos, como o Verín, non participan ese ano. En Segunda, o grupo único está formado por 14 equipos, e o Maceda, campión o ano anterior, termina último. Gaña a Liga o Cea e o Antela remata 5º.
Recuperada a competición de Primeira, co Verín campión, na campaña 74/75 o Antela segue en Segunda onde acaba a Liga na sexta praza nun torneo que gañou o Viana. Promocionarán o Rúa, o Pabellón e o Cea -que foran terceiro, cuarto e sétimo-.
Para a 75/76, a Segunda reordenouse en dous grupos: o A (10 equipos) e o B (7). O Antela foi 6º no B, co Barco último. Mais o club decidiu promocionar na seguinte campaña, e así na tempada 1976/77 pegou o primeiro estirón e foi subcampión de Primeira por detrás do Outomuro e por diante do Verín.
1977-78: campión de Primeira e promoción.
O Antela gañou o primeiro dos seus seis títulos na Primeira categoría provincial en 1978, despois dunha Liga moi disputada co Verín, o Galaico e o Ribadavia Atlético. Gañou 13 partidos, empatou 8 e só perdeu un, anotando 37 goles e encaixando apenas 14.
O Antela clasificouse así para disputar as eliminatorias polo ascenso a Primeira Rexional xunto a outros oito equipos. O sorteo determinou que os limianos xogaran o cruce previo co Endesa de As Pontes, e que o vencedor se medise despois ao Choco de Redondea. Moitos dos campións dos grupos comarcais renunciaran: o Endesa viña de rematar 3º no grupo oitavo, e o Choco 5º no grupo décimo segundo.
En 2022, nunha conversa de veteranos do Antela para unha reportaxe xornalística na sede do CDR O Viso, cando o equipo estaba a loitar polo (até o momento) último ascenso a Preferente, Toncho lembrou os anos setenta para establecer un punto seminal no que é o Antela moderno. “O equipo que definiu o que sería o Antela nas décadas seguintes foi o dos que estaban xusto antes que nós”. Falaba da tempada 1977-78. O Antela gañou a Liga de Segunda e disputou unha fase de ascenso que tiña dous destinos posíbeis: un á Preferente (o premio grande) e outro a Primeira. Aquel Antela eliminou ao Endesa As Pontes, e despois caeu co Choco. “O Antela enchía a Moreira. E ía xogar fóra, e enchía. Eran futbolistas de moito nivel que aprenderon no patio do colexio, de xeito natural”, dixo Toncho. Naquel equipo xogaban Barata e Desiderio.
“Barata era moi bo”, coinciden os veteranos. “Tamén estaba Prol, e lembro que a Desiderio quixérao fichar o Zaragoza”, sostivo Julio, adestrador de varios ascensos. Carlos, agora directivo, púxose serio e dixo: “Aquí o que puido chegar a Primeira División foi Toncho, xogaba coas dúas pernas”. “Tecnicamente era o máis cualificado”, anotou o seu compañeiro naquel centro do campo, Belucho.
CAMPIONATO PROVINCIAL 1977/78

Naquela tempada que ía rematar co Mundial de Arxentina, as divisións de élite dependentes da Federación Española sufriran unha reordenación que ía marcar as décadas seguintes: naceu unha categoría intermedia entre a Segunda e a Terceira División, a Segunda B, con dous grupos, mentres que a Terceira se ampliaba a seis grupos.
Na Federación Galega, o cambio chegou ao ano seguinte. A Serie A pasou a se denominar Regional Preferente, e estableceuse unha Primeira Regional con grupos norte e sur. No plano comarcal creouse a Segunda Regional, que no caso de Ourense tivo carácter provincial, mentres que na Coruña había seis grupos, dous en Pontevedra e dous en Lugo. Os clubs de Vigo constituíronse en dous grupos de Terceira Regional.
Así, a nivel estatal había catro divisións e a nivel autonómico, dúas; e dúas máis a nivel comarcal ou provincial.
De 1978 a 1981: tres anos competindo con Pontevedra.
O Choco alcanzou a Preferente, mais o Antela tamén promocionou. No grupo sur da nova Primeira Rexional, tempada 1978/79, tamén o acompañaron o Verín, o Galaico e o Ribadavia Atlético xunto a doce equipos pontevedreses. Foi un gran salto.
1978-79
…
1979-80
…


Na tempada 1981-82, a Federación Galega volver reordenar as categorías e a Primeira pasa a ser de ámbito provincial con catro grupos, e así se mantería até a campaña 2011-12. Na 12/13 a provincia da Coruña pasaría a ter dous grupos.
A COPA DO XUVENIL NO 73
Os xuvenís deron os primeiros títulos ao Antela naquela época. O último día de xuño de 1973, gañaron a Copa ao Sporting de Celanova. Xogaron Sindo, Gómez, Novoa, Isidro, Cabrera, Amando, Ferreño, Joga, Poldo, Barata e Sánchez. Tamén participou Macanás, que subsituíu a Joga. Ao ano seguinte, o equipo conseguíu gañar a Liga de Segunda provincial e o ascenso. Na imaxe aparecen Sindo, Fariñas, Cabrera, Macanás, Goyanes e Severo, e abaixo: Prol, Manolín, Federico Cocho, Moreiras e José Luis Valeriano. No banquiño estaban Carreño, Manolo e Lozano.


A FICHA DE JUAN GÓMEZ
En febreiro de 1975 Juan Gómez obtén a súa primeira licencia como futbolista do xuvenil do Antela F. C.
A ficha ten o número 27.990, e sobre ela renovarase a licencia cun selo para a tempada seguinte: 1975-76, un ano importante na historia do club porque rematouse o peche do campo da Moreira. “12.000 bloques de formigón”, conta Miro Cerredelo, e engade: “Moitas persoas fixeron a súa achega persoal, uns co seu traballo, outros con area, bloques, cemento ou diñeiro. Foi grande a colaboración e magnífico o comportamento da afección e dos veciños de Xinzo de Limia para rematar a obra.

Co tempo, Juan Gómez sería, con 27 anos, un dos presidentes máis novos do Antela que se recordan. Estivo sempre vinculado ao Antela moderno, aquel que se federara no ano 1971. “Eu era un crío, pero lembro que a directiva saíu toda do Colegio Santa Marina, e alí empezou todo”, explicaba Juan a finais do 2024, cando os rapaces do equipo xuvenil, lle entregaron a ficha -convertida nunha placa de agasallo- para recordar que 50 anos antes, naquela tempada 1974-75, él empezaba no Antela. Foi nun partido dos xuvenís no Fernández Carrera, unha sorpresa que o vicepresidente do club agradeceu mentres recordaba aqueles anos, nos que a máxima figura do club era Ramón De la Fuente, o presidente.

DA FUNDACIÓN A 1970
(En construcción). ⚠️

Publicada por Camilo López Quintáns na páxina de Facebook EQUIPOS DE FÚTBOL SALA E FÚTBOL DA LIMIA DE TODOS OS TEMPOS, o 21.05.2025
Co seguinte texto: “Nesta foto de veteranos do Antela F.C., podemos ver a dous novos e excelentes xogadores da canteira, Pepe Castillo e Manoliño Rúa, os únicos que inda viven na actualidade. Na foto podemos ver de esquerda a dereita de arriba a baixo a Luis Díaz, Lisardo Castro, Antonio Rodriguete, Pepe Castillo, Juan Barrio, Luis Peláez, José Luis Castro, Carrega, Manolo Rúa, Jesús Romero, Gaspar Romero e Berto Acevedo”. A imaxe non está datada.

Outra fotografía da mesma procedencia. O texto explica: “Ano 1956. Antela xuvenil. O equipo estaba formado por Tino Portela, Toño, Dalmiro Castro, Carlos Becerra, Mingos, Pepe Castillo.- Moncho Villarino, Nelson Rúa,Maso, Manolo Rúa e Catá Fariñas. O adestrador era Mario Villarino “Marucho”.
