Na mellor media hora do Antela no que vai de tempada, con Caneiro e Xabi Lamas manobrando sen oposición no medio campo, Antón e Dinís percutindo polas bandas e Pedro e Jorge estirando o equipo, os de Bruno Gómez deberon tombar definitivamente ao Sporting Carballiño e meter o partido no peto.
Anotou Pedro (aos 7 minutos) nun disparo raso na área tras un centro raso de Xabi Lamas desde a esquerda, e anotou Jorge (aos 19) no primeiro pau despois dunha internada de Raúl Dinís pola dereita. O Antela chegou e disparou sen acerto unhas veces e sen sorte outras. Puido marcar algún gol máis antes de que o Sporting Carballiño regresase ao partido por causa dun balón mal defendido pola defensa visitante á beira da área pequena.

O nove local aproveitou o despiste para facer o 1-2 no minuto 28, e o Sporting Carballiño demostrou que se sabe amarrar aos partidos con moi pouquiño. O Antela dubidou e entregou o medio campo e os segundos balóns. Foi un cuarto de hora de tensión, aínda que sen ocasións locais, que Pedro cortou cun disparo duro desde fóra da área.
No descanso o Antela recuperou a tranquilidade e Pedro volveu ao seu, furando na defensa rival para desesperación dos locais. Foron outros vinte minutos de repregue e contragolpe nos que o Antela sentiuse cómodo e moi superior outra vez.
Mais do Carballiño hai que esperar sempre un golpe. Chegou en forma de penalti que Martín Pérez anotou disparando a media altura á dereita de Bruno Pío. A base de empuxe e oficio o Carballiño acosou con insistencia e pouco perigo, mentres o Antela saía fácil e pisaba área. Cole mandou un balón ao pau nunha internada pola esquerda man a man co porteiro. No mesmo perfil, Pedro disparou a media altura despois de se fabricar un man a man, pero Gorka respondeu ben. Joni e Anxo tamén puideron marcar, mais non atinaron.
Joni e Anxo, con Hugo Pérez -quen debutou por fin- saíron para lle dar aire ao medio campo cando o partido morría. E así o Antela evitou a angustia no tramo final. O Carballiño nunca baixou os brazos, pero nunca puido con Pedro -dous corpos por riba do resto no plano físico- que dirixiu con ambición e puntería a ofensiva limiana.
O Antela alcanzou o líder, o Sporting de Celanova (que hoxe empatou sen goles co Melias). Jorge anotou o seu primeiro gol co primeiro equipo do Antela. Cole xogou no lateral esquerdo e onde fixo falta. Caneiro completou o seu mellor partido co Antela, e Xabi Lamas fixo outro partido serio con e sen balón. Como non se cansan de repetir desde o corpo técnico, o Antela mellora co paso das xornadas e cada vez apunta máis alto.
Xa só queda subir un chanzo para coller o liderado.
Ficha técnica
SPORTING CARBALLIÑO, 2; ANTELA, 3.
[en actualización]
Sp. Carballiño: Gorka, Iago, Javier (Marcelo, 59′), José Manuel (Tomás, 87′), Rubén (Jacobo, 67′), Heras, Giráldez, Martín Pérez, Sanmamed, Diego e Adrián Domínguez (Bruqiet, 59′).
Antela: Bruno Pío; Boán, Peque, Breixo, Cole (Tiago Teixeira, 88′), Caneiro, Xabi Lamas (Hugo Pérez, 88′), Antón (Joni, 60′), Pedro, Dinís (Anxo Pena, 60′) e Jorge (Óliver, 71′).
Goles: 0-1, min. 7: Pedro; 0-2, min. 19: Jorge; 1-2, min. 28: Giráldez; 1-3, min. 45+2: Pedro; 0-1, min. 67: Martín, de penalti.
Árbitro: Pablo Lamelas. Amonestou ao local Heras; e aos visitantes Jorge e Cole, así como ao técnico do Antela, Bruno Gómez (amarela) e ao segundo adestrador, Juan Forri (expulsado por dobre amarela).
Campo: A Uceira, 120 espectadores.
PRÓXIMO PARTIDO, xornada 7: ANTELA – Polígono (19 de outubro).
Máis crónicas: https://antela.fala.gal/tag/cronicas



os nosos patrocinadores











