“Estamos no camiño” declarou Bruno Gómez esta semana previa ao partido co Polígono (o domingo ás 17,00 horas en Xinzo). As lesións respectan ao equipo, as tarxetas aínda non son un problema, os mancados vanse recuperando (volve Lois) e o Antela alcanza á sétima xornada no liderado (compartido co Sporting Celanova) antes de recibir nun partido grande ao Polígono, terceiro clasificado e outro dos implicados na loita pola única posición que garante o ascenso: a primeira.
Con Tiago Teixeira mellorado máis o regreso de Lois, Bruno Gómez poderá recompoñer a súa defensa titular. O centro do campo podería ser o mesmo que hai quince días contra o Velle; é dicir, Martín Caneiro, Cole e Xabi Lamas. Adiante, todo está en discusión salvo a titularidade de Pedro (catro goles xa). Joni, Dinís, Óliver, Cacharrón, Anxo e Jorge competirán por dúas prazas… ou tres, se o adestrador decide arriscar. Antón, lesionado, é baixa.
En calquera caso, o Antela presentará a súa mellor cara despois das boas sensacións que deixou o partido na Uceira. A previsión indica choiva durante toda a fin de semana, con menor probabilidade o domingo pola tarde. O campo, que o Antela agarimou estas dúas semanas, responderá.
É un partido grande, contra o rival (posibelmente) máis difícil e unha oportunidade para que o equipo de Bruno manteña esa progresión que anuncia tardes grandes.
Arbitrará Pablo Graña, que pitou o Muíños-Maceda (10 tarxetas) e o Allariz-Cartelle (8 tarxetas).
Moita experiencia e calidade
Se o Antela é o rival a bater por todos, o Polígono é o rival a bater polo Antela. Os de San Cibrao das Viñas son un equipo feito para volver a Preferente, categoría na que xogaron en catro das últimas dez tempadas (mellor balance que o Antela). A Liga pasada remataron sétimos, a súa peor clasificación neste período. Agora, cun cadro moi reforzado e un once en definición no que Roberto, o porteiro; o medio centro (Martín Torres) e o nove (Pato, seis goles) parecen fixos, o Polígono non renuncia á experiencia con futbolistas como Atiza, Siño, Germán, Choupa, Juan, Villa ou Sanmiguel, mentres concede responsabilidades ás fichaxes máis mozas David e Pablo (Barbadás) ou Pucho (Ourense C.F.).
Pablo Gil, que estivo no Antela na tempada 2018-19, está á fronte do proxecto desde hai tres tempadas, construíndo un equipo compacto e con bo trato de balón. Arrancaron a Liga con catro vitorias, a máis sufrida no campo do Maside (2-3, co último tanto no 87, Sanmiguel). E foron quen de empatar en Muíños (1-1. con gol de David no 84) e en Velle. Levan unha boa produción ofensiva (15 goles), mais encaixaron en todos os partidos (o Antela mantivo a porta a cero en catro).

“Aínda estamos empezando. Mais si, este pode considerarse un deses partidos nos que se xogan algo máis que tres puntos. Gañar é coller xa unha pequena vantaxe”, admitiu Breixo, un dos capitáns do Antela, esta semana.
Bruno Gómez, o adestrador limiano, sinala os nomes de Germán e Pato -“capaz de anotar 20 ou 25 goles esta tempada”- como futbolistas claves no rival, e advirte que se trata dun equipo fisicamente “forte” e “con xente de moito traballo”.
O último enfrontamento na Moreira entre ambos equipos remóntase á tempada 2017-18. Na xornada 25, un 11 de marzo, o Antela gañou 2-0 con tantos de Juáncar e Fali. Joni xogou aquel partido e Juan Forri (hoxe segundo adestrador) entrou tamén nos últimos minutos. No Polígono xa xogaba Villa, e tamén un limiano, Tazos. Foi un partido clave a dez xornadas do final, o Antela, que marchaba segundo, tomou unha distancia de oito puntos co Polígono, terceiro. O Antela acabou ascendendo aquel ano como segundo; o Polígono ascendería a tempada seguinte.
Convocatoria: Bruno Pío, Iago Salgado, Boán, Teixeira, Breixo, Óliver, Xabi Lamas, Cacharrón, Pedro, Cole, Jorge, Hugo Pérez, Anxo, Raúl Dinís, Joni, Martín Caneiro, Lois e Peque.
Cita en Lobios para o filial, que busca outra vitoria fóra da casa
Marcos Ruido recupera a catro veteráns -Belucho, Carrasco, Javi Pérez e Pío-, para o partido de mañá en Lobios. Continúan sendo baixas Cristian, Kike e Germain. Raúl, Pitu e Álex Teixeira, que volveron adestrar co primeiro equipo, seguen na convocatoria.
O Antela B leva dúas derrotas (Francelos e Cented B) e unha vitoria (Pardene) como visitante. O Lobios, 15º clasificado, empezou a Liga perdendo no seu campo diante do Cenlle, e despois cedeu dous empates (Rocas e Toén). Os limianos son sextos moi próximos á cabeza, mais cun calendario complicado nas seguintes xornadas (Raio 21, Cortegada e Cenlle).
LOBIOS – ANTELA B, domingo 20 ás 16,30 horas no Paraño (Lobios)
Convocatoria: Miguel, Jaco, Javi Pérez, Vences, Carrasco, Belucho, David Lamas, Felipe, Carreira, Pablo Nogueiras, Borja Rubén, Pío, Raúl, Manu, Pitu e Álex Teixeira.
