En marzo de 2022, o Antela viaxaba a Celanova con seis baixas para o partido que ía pechar a primeira fase de competición na Primeira galega contra o líder. O equipo cambiara de adestrador (Sabucedo por Julio) e tivera que remontar para se meter na fase de ascenso. O partido era intranscendente para o Celanova, invicto e que ía acabar líder sumando xa 3 puntos de cara a liguilla final. O Antela tiña que gañar para asegurar 2 puntos como terceiro e manter algunha opción de ascenso.
Sabucedo aliñou a Suso na portería e unha defensa con Peque, Breixo, Quintairos e Tazos; no medio Xabi Lamas acompañou a Pancho, e Pedro, Joni e Sergi situáronse por detrás do nove, Borja. Choveu arreo, o Antela xogou ben á contra e adiantouse no minuto 73 cun gol de Pancho, pero o Celanova empatou de penalti no 79. Entraran Carrasco, Manu e dous xuvenís, David Lamas e Borja Carballo. O Antela ía acabar o partido con catro xuvenís no once. Tazos marcou o 1-2 de penalti xa no desconto e Borja Carballo pechou o partido cun disparo cruzado desde a dereita para facer o 1-3.
A historia tivo un final feliz dous meses despois co ascenso a Preferente. Foi a última vez que o Antela xogou en Celanova; a tempada anterior non se disputara a competición e na 19/20, antes da suspensión pola pandemia, o Antela apañara unha goleada (4-0) no Municipal de San Rosendo no primeiro partido da segunda volta, un 12 de xaneiro. No once limiano xogaron Pedro Castro e Juan Forri, agora segundo adestrador.
Hoxe, malia o bo arranque do Celanova -segundo, a dous puntos do Antela-, os de Bruno Gómez chegan en mellor disposición que nos últimos precedentes. Non hai urxencias nin soberbia. A paciencia e o traballo convertéronse en guías do club. A canteira é unha realidade.
Peque e Xabi Lamas instaláronse no primeiro equipo. Agora teñen ás costas dúas tempadas a bo nivel na Preferente. Adrián Campero (Peque) suma 321 minutos en 5 partidos xogados (4 como titular). Xabi Lamas (fixo nas convocatorias) leva 458 minutos en 7 partidos (5 coma titular). Diante do Polígono volveu marcar un gol co Antela despois de dúas tempadas en branco.
Borja Carballo, o outro protagonista da última vitoria en Celanova, xoga menos: apenas 5 minutos en Melias en dúas convocatorias. Aarón Blanco, que como xuvenil debutou con Sabucedo aquel 2022, está nunha situación parecida: 19 minutos de xogo en tres convocatorias. Borja xogou 22 partidos como titular o ano pasado con Bruno Gómez no Monterrei; Aarón vén do Arnoia en Preferente ao que chegou despois de 20 partidos como titular no Maceda en Primeira. Non se encollen. Eles dous representan ben ese futuro que madura.
Como Cole e Anxo, que regresaron á Moreira xusto despois daquel ascenso e xa contan moito para Bruno Gómez. Cole -ben como interior, ben como lateral, pola dereita ou pola esquerda- disputou 548 minutos (o cuarto do equipo) e anotou dous goles. Anxo ten continuidade nas convocatorias (5 de 7), saíu desde o banquiño en 4 partidos e suma 106 minutos. Con Bruno Gómez xogou a tempada pasada 26 partidos e anotou 9 goles.
O futuro madura no Antela. Vai dando pasos, curtos, pacientes, moi traballados, do banquiño ao campo; ocupando seguro e humilde, o seu lugar no once. Hai dous anos eran uns nenos que saían ao rescate dun Antela con urxencias. Hoxe, son cimento do Antela máis sólido que recorda A Moreira en anos.