O Clásico do Furriolo, o noso

O que nos une é tamén o que nos separa: o fútbol, o monte (O Furriolo), a historia. Para o Antela é sempre unha honra medirse ao Sporting Celanova, o veciño máis laureado, un club histórico que ocupa, xunto co C.D. Ourense, o Arenteiro, o Barco, o Ourense C. F. e o Barbadás, un lugar de privilexio: o que define ter disputado a Copa de España.

O Sporting e o Antela son vellos coñecidos das competicións provinciais, sempre coa Preferente como obxectivo. Nos últimos vintecinco anos, o Sporting militou 15 tempadas en Primeira e 10 na Preferente. Tamén aquí teñen máis bagaxe. O Antela estivo 7 na Preferente, 16 en Primeira e 2 en Segunda.

PRIMEIRO CONTRA SEGUNDO

O escenario está engalanado. O Antela chega líder e o Sporting vén xusto detrás, a só tres puntos. Se gaña, recupera a cabeza. Nesta Liga só hai un billete de ascenso directo: para o campión. A competencia é feroz. O Carballiño, o Muíños, o Monterrei e o Polígono manteñen o ritmo.

A favor do Antela está a súa condición de invicto e unha serie de 6 vitorias consecutivas -con touros polo medio como o Nogueira, o Melias, o Velle e o Polígono-. A favor, tamén, as dúbidas que poidan ter os de Ángel Mociño despois de dúas xornadas sen gañar e anotando apenas un gol.

Bruno Gómez ten as mesmas baixas que hai unha semana (Andrés e Antón). Mais tamén conta con Lois e os irmáns Teixeira con máis carga de adestramentos, e con Hugo Pérez e Cacharrón xa enchufados. O menor dos Teixeira, Alexandre, entra por vez primeira na lista. O Antela chega con todo o seu arsenal dispoñíbel e unha competencia cada vez máis intensa no medio campo e na dianteira.

UN RIVAL CON PESO

O Sporting actual arranca a súa traxectoria en 1969, mais como acontece en Xinzo, as orixes do club remóntanse ás primeiras décadas do século. O club moderno viviu a súa época gloriosa nos setenta cando militaba na Serie A (unha Terceira de hoxe) e despois de seis campañas conseguiu o ascenso a Terceira (a Segunda REF de hoxe).

O Celanova leva doce tempadas sen conseguir o obxectivo do ascenso. Non baixou da quinta praza nas últimas cinco Ligas, pero sempre ficou ás portas. Este ano completou un cadro de xogadores moi ambicioso.

Alberto Valencia (o porteiro do Velle a tempada anterior), Álvaro Coello (central con tres anos de experiencia en Preferente), Adrián Blanco (centrocampista que xogou no Velle e no Cented a última campaña), Pazos (ex do Verín e do Monterrei) viñeron renovar e reforzar o cadro de xogadores. Á fronte segue Ángel Mociños, que pasou polo banquiño da Moreira, e coñece ben á categoría e cada un dos xogadores.

SPORTING CELANOVA – ANTELA, DOMINGO 17 HORAS EN CELANOVA

Na Liga de Segunda tampouco hai tregua. O B volve afrontar na casa esta mesma tarde outro oso: o Raio 21, un rival da entidade do Atlético Vilariño, ou do Francelos, outros dos favoritos cos que xa tivo que se enfrontar.

Marcos Ruido non pode dispor de Alexandre Teixeira, nin recupera a ningún dos lesionados. Volven Xurxo e Raúl. E entra por primeira vez o xuvenil Pablo Carbajales, mediocampista. O Raio21 vén de caer na casa co Purísima. O seu trío ofensivo -os que máis minutos acumulan: Alcantarilla, Javito e Maceiras- suma 7 goles e 4 tarxetas.

ANTELA B – RAIO21, SÁBADO 16,15 HORAS NO FERNÁNDEZ CARRERA

O equipo de Forri disputa esta mañá, moi cedo (11,00 horas), o último partido da primeira volta en Oira diante do Ourense C.F. B, un equipo que non levantou cabeza até a semana pasada, cando sorprendeu ao Chantada (1-4) para gañar o seu segundo partido e pegar un salto até a cuarta praza, a seis puntos do Antela.

Se os de Forri gañan hoxe, completarán a primeira volta como líderes invictos, e deixarían moi encamiñada a clasificación para a fase de ascenso, dado que na segunda volta xogarán catro partidos como locais e co Velle -o rival máis débil- fóra.

OURENSE B XUVENIL – ANTELA XUVENIL, SÁBADO 11 HORAS EN OIRA (OURENSE)


Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario