O hábito de gañar

O Antela colleu o hábito de gañar e dálle o mesmo quen estea diante e as complicacións do escenario. Esta tarde en Celanova o equipo de Bruno Gómez volveu gañar -e van sete vitorias en oito partidos– sen lucir moito ante un rival, o Sporting, moi físico e ben armado en ataque, pero que apenas creou ocasións ao final do partido cando xa xogaba con dez, e a balón parado.

O Celanova dominou a primeira media hora de encontro, mellor chantado sobre un campo moi irregular o que dificultou a circulación de balón. O Antela respondeu cun fútbol directo, buscando a Raúl Dinís e Jorginho, que traballaron arreo e conseguiron ir estirando o equipo e abrindo o partido.

Nese escenario, chegou o gol de Breixo, nunha segunda xogada, de cabeza no primeiro pau, cobrándose un pequeno desquite co meta local, Alberto, até hai uns meses no Velle e protagonista naquel partido de triste recordo en Preferente. O desempeño de Breixo foi impecábel. Ordenou a defensa, tapou fugas e mandou, e mesmo puido marcar un segundo xa á volta do descanso.

Con Lois (de máis a menos esta tarde) e Tiago (de menos a máis) de novo nos laterais, Caneiro moi preto dos centrais e un Bruno Pío perfecto nas dúas intervencións claves, con 0-0 poñendo o corpo nun remate na área pequena e sacando unha man tras un lanzamento lateral nos minutos finais, o Antela blindou a súa portería.

Faltoulle precisión (e algo de sorte) en varias accións ao comezo do segundo tempo, con remates de Breixo, Tiago e Jorginho na segunda metade (este contra o traveseiro, de cabeza) para pechar tamén o encontro.

Bruno Gómez refrescara o equipo substituíndo a Xabi Lamas por Cole tralo descanso, buscando maior cohesión no medio campo. E cun Pedro enormemente xeneroso, e Jorginho e Óliver percutindo, o Antela tomou o mando e súas foron todas as ocasión. O Sporting, que xa andaba descosido naquela altura, quedou tocado coa expulsión, tras unha carreira de Cacharrón que interrompeu en falta o último defensa.

Mais o Celanova encontrou nesa acción un revulsivo e botouse arriba buscando con insistencia a banda esquerda do seu ataque. Nos últimos dez minutos dispuxo de catro faltas laterais e varios saques de esquina para, metendo moita xente na área, poder superar a Bruno Pío.

Ao Antela faltoulle calma nese tramo para acertar nas contras. E así foi morrendo o partido, no que para o Antela parece xa unha rutina: gañar, xogando como se xogue, e traballando a un ritmo de Preferente empuxado por Bruno Pío, Breixo e Pedro, e o último en sumarse á avanzada: Jorginho, cada vez máis parecido a Tumbeiro, e cun Óliver que lle puxo ganas e terminou por lle coller o fío ao partido.

O Antela gaña, medra e convence. Segue sen teito.

Sumou no clásico contra o Sporting Celanova a súa sétima vitoria consecutiva e xogará a Copa diante do líder da Preferente, o C.D. Barco, sendo líder incontestábel na Liga.

Ficha técnica

SPORTING CELANOVA, 0; ANTELA, 1

Celanova: Alberto, Pablo, Miguel, Diego, Iago (Saúl, 65′), Javi Gallego (Iván, 67′), Adrián Blanco, Dorado, Coello, Brais (Cid, 84′) e Manuel González.

Antela: Bruno Pío; Lois, Boán, Breixo, Tiago Teixeira, Caneiro, Xabi Lamas (Cole, 46′), Pedro (Álex Teixeria, 90′), Óliver (Joni, 69′), Dinís (Hugo Pérez, 87′) e Jorge (Cacharrón, 69′).

Goles: 0-1, min. 27: Breixo.

Árbitro: Ismael Álvarez. Amonestou Adrián Blanco, Dorado, Coello e ao adestrador Ángel Mociño, expulsou a Coello (min. 73) con vermella directa. Polo Antela, amonestou Tiago Teixeira, Lois, Óliver, Martín Caneiro e Bruno Pío, e ao segundo adestrador, Juan Forri.

Campo: Municipal de San Rosendo, 279 espectadores.

PRÓXIMO PARTIDO, xornada 9: ANTELA – A Peroxa (3 de novembro).

Máis crónicas: https://antela.fala.gal/tag/cronicas

Bruno Gómez, tras a vitoria en Celanova.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario