O Antela-Barco esperta a curiosidade

O porteiro Andrés e o centrocampista Aarón volven á convocatoria do Antela para o partido de Copa que os limianos disputan mañá venres na Moreira contra o líder da Preferente Sur: o Barco. Alexandre Teixeira, que debutou o domingo en Celanova, segue na lista; e volven quedar fóra Anxo Pena e Borja Carballo. Mentres, Hugo Pérez causou baixa no club para se incorporar ao Verín.

Despois de dúas sesións de adestramento, onte e o martes, tras o triunfo en Celanova que consolida aos de Bruno Gómez como líderes, o Antela busca incentivos para se medir a un rival que tamén centra a súa tempada na Liga e, tamén, con aspiracións de ascenso. O Antela xogou (e gañou) a súa última final no 2004, disputou a súa última semifinal no 2007 e nas últimas tres campañas cedeu antes desa quenda diante do Arnoia, o Pabellón e o Barbadás.

Ademais, o partido chega en venres, dous días antes do noveno partido de Liga. En calquera caso, o Antela-Barco é a eliminatoria estrela da primeira ronda de competición: enfronta ao mellor equipo ourensán de Preferente como mellor de Primeira (cando menos, até o momento). A Moreira reunirá mañá a partir das 12 a moita afección do fútbol provincial, tanto o Barco como o Antela espertan curiosidade e interese.

Nos locais, o interese estará en ver como se desenvolven os xogadores que veñen contando con menos minutos na Liga e nas variacións nas liñas, en canto a probas para futuras continxencias. O Antela quere a Copa, unha competición que historicamente lle deu as costas, mais non esquece a Liga e o ascenso.

A PRIMEIRA FINAL

O Antela, o Barco e a Copa teñen relación desde que se inaugurou o trofeo na tempada 1980-81. A finais de xuño do 81 disputouse a final da Copa Orense, patrocinada desde aquel ano pola Deputación. Unhas dúas mil persoas se citaron o sábado 27 no Couto -malia a coincidencia co rali de Ourense, como lembra La Voz de Galicia na edición do día 30- e a recadación foi de 250.000 pesetas. Gañou o Barco, con gol de Latosa aos 22 minutos.

Aunque ninguno de los dos equipos ofreció un fútbol de calidad es preciso resaltar la mejor primera parte de los valdeorreses, tornándose conservadores en la segunda, tras la presión de los antelano por equilibrar el marcador“, conta o xornal.

Naquel equipo do Antela resoan nomes históricos do club. O pé da fotografía recolle todos os que compuxeron a expedición limiana para aquela cita. Alí estiveron Manolo, Granell, Sieiro, Desiderio, Arturo, Toño Belucho, Gude, Julio (o masaxista), Wilson Jones (o adestrador), Hortensio, Sixto, Peki, Lulo, Prol, Toncho, Poldo e Carrera.

Para mañá, na Moreira ás 12 horas, están citados Bruno Pío, Andrés, Tiago Teixeira, Peque, Breixo, Boán, Cole, Lois, Aarón, Martín Caneiro, Xabi Lamas, Joni, Pedro Castro, Jorginho, Álex Teixeira, Óliver, Cacharrón e Raúl Dinís. A entrada será gratuíta para socias e socios. A mellor asistencia no que vai de tempada (catro partidos na Moreira) superou por pouco as 300 persoas. A previsión é de chuvia intermitente desde esta tarde.


Os nosos patrocinadores

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario