Sen tempo para moer o resultado e as leccións que deixou partido de Copa, volve a Liga, co Antela líder e anfitrión do Peroxa (este domingo ás 16,30 horas). A convocatoria da novena xornada vén cargada de novidades. A principal: o regreso de Antón, lesionado desde a semana seguinte ao choque co Carballiño, cando era titular e xa sumaba dous goles. Tamén volve Anxo, en busca de minutos nun campo como A Moreira, en bo estado nestas alturas, que é propicio -igual que no caso de Antón- para as súas condicións.
Tamén son novidade Raúl e Pitu, procedentes do filial, e a continuidade de Andrés, en recuperación, e Aarón na lista. Desta volta, o adestrador dos limianos, Bruno Gómez, dá descanso a Xabi, Raúl Dinís e Tiago Teixeira. Jorginho irá co filial. Na lista figuran 10 futbolistas formados na canteira.
A última vez que o Peroxa visitou A Moreira, na tempada 21/22, chegaba como único equipo capaz de vencer aos limianos na fase de ascenso a Preferente. Tazos encamiñou a vitoria cun zurdazo de golpe franco que sorprendeu a Marcio. No Antela seguen Peque, Xabi Lamas, Breixo, Pedro, Joni -os cinco, titulares naquel partido- e Borja Carballo e David Lamas, que dispuxeron de minutos.
O Antela, de menos a máis, comparece no seu mellor momento da tempada. Os da Peroxa veñen de máis a menos. Gañaron tres dos cinco primeiros partidos e apenas sumaron dous empates nos tres últimos. Fóra da casa superaron ao Córgomo Vilamarín na segunda xornada, perderon co Nogueira e empataron a semana pasada no campo do Polígono (2-2). Están a once puntos do Antela.
Convocatoria: Bruno Pío, Andrés, Peque, Lois, Breixo, Boán, Cole, Caneiro, Aarón, Joni, Pedro, Antón, Anxo Pena, Cacharrón, Óliver, Alexandre Teixeira, Raúl e Pitu.
ANTELA – A PEROXA, domingo 3 de novembro, 16,30 horas na Moreira.
O filial, reforzado, visita ao Cortegada
No filial, Marcos Ruido contará con dous reforzos para o ataque. Volve Germain, e Jorginho xogará esta xornada co B. Ademais, do xuvenil soben Lulo e o defensa: Hugo Penabad. Carreira é baixa. Ademais dos lesionados, Raúl e Pitu foron convocados polo primeiro equipo.
Despois dun empate e unha derrota, o Antela B precisa sumar para manterse perto do grupo de cabeza. O Cortegada vén dun empate e dúas derrotas consecutivas, nas que encaixou ademais 6 goles.
Convocatoria: Miguel, Lulo, Javi Pérez, Óscar, Carrasco, Jorginho, Xurxo, Germain, Belucho, David Lamas, Aarón Ojea, Felipe, Borja, Pio, Manu e Penabad.
CORTEGADA – ANTELA B, domingo 3 de novembro, 16,30 horas na Lomba (Cortegada).