O Antela cedeu o seu segundo empate na Moreira por falta de acerto, unhas veces, e de sorte, outras, nun partido no que dominou de principio a fin ao Peroxa, mais no que non foi quen de marcar malia as moitas oportunidades que tivo. Nin Joni nin Cacharrón nin Óliver nin Álex Teixeira na primeira parte, nin Anxo nin Antón nin Pedro, na segunda, toparon a rede. A tarde rematou sen goles na Moreira.
Un aviso de que a Liga vén con revoltas e non será unha cómoda liña recta até o ascenso. Foi a segunda mala tarde do curso, despois daquel tropezo no debut contra o Maside. Cartelle, Maceda (na Moreira) e Vilamartín este mes son as seguintes citas nas que endereitar o rumbo.
Onte na Moreira, Bruno mantivo o once tipo, cunha dianteira inédita con Joni, Óliver, Cacharrón e o menor dos Teixeira. Quizais faltou cohesión, mais o certo é que o xogo non fluíu como nas últimas xornadas. O Antela pareceu máis lento do que acostuma. Aínda así, dispuxo de ocasións claras que non concretou.
A lesión de Breixo e o empate ao descanso obrigaron aos limianos a revisar o plan moi pronto. Antes da hora de partido xa estaban no campo Anxo e Antón, e como se esperaba foron incisivos e volveron meter ao Peroxa atrás. O Antela empurrou moito, pero o rival resistiu máis.
Aarón volveu contar cuns minutos, e debutou Raúl Lorenzo. Así que o Antela rematou o partido con sete “da casa” no once. Sumando adeptos á causa, tamén na distancia Jorginho (que marcou co filial e xa leva 6 goles repartidos entre os tres equipos, algo que o ano pasado conseguiu Álex Teixeira, onte titular).
Ficha técnica
ANTELA. 0; A PEROXA, 0.
Antela: Bruno Pío, Peque, Breixo (Pedro, 44′), Boán, Lois (Raúl Lorenzo, 79′), Cole, Joni, Caneiro, Óliver (Aarón, 79′), Cacharrón (Anxo Pena, 58′) e Alexandre Teixeira (Antón, 58′).
A Peroxa: Miguel, Osorio, Roi, Alcalde, Oli (Edgar, 88′), Héctor, David (Bruno, 88′), Abraham (Oussama, 60′), Marcos (Pablo, 70′) Lucas e Jhon.
Árbitro: Iago Borrajo. Amoestou a Breixo; e aos visitantes Jhon, Abraham, David e Miguel.
Incidencias: 194 espectadores na Moreira.
PRÓXIMO PARTIDO, xornada 10: Cartelle – ANTELA (10 de novembro)
Máis crónicas: https://antela.fala.gal/tag/cronicas


TRIUNFO DO FILIAL EN CORTEGADA
Jorginho debutou co filial e marcou aos nove minutos o primeiro tanto do partido na vitoria do Antela B (2-4) en Cortegada. Xa anotara 4 goles no único encontro que xogou cos xuvenís e marcou co primeiro equipo no Carballiño.
Nos de Marcos Ruido debutaron ademais Hugo Penabad e o porteiro Iago, dous xuvenís. Germain, de regreso dunha lesión, tamén marcou (Vences e Belucho fixeron os outros dous). Os limianos colócanse sextos a seis puntos da cabeza.



















