Martín Caneiro e Álex Boán xogaron todos os minutos da Liga: 810 oficiais nos nove partidos disputados. Son dous imprescindíbeis para Bruno Gómez, que empezou a construír o equipo a partir deles e Bruno Pío e Breixo (ausentes no debut), e Pedro, Óliver e Joni como referencias no ataque. Todos manteñen protagonismo, mais Martín e Álex sempre xogan.
En certa forma, son dúas sorpresas. Viñan para substituír dúas pezas fundamentais do Antela de Preferente: Noel e Quintairos. Tiveron que pasar pola inescusábel comparación e, en apenas dous meses, deron a medida.
CANEIRO, XEFE E MESTRE
Caneiro achega “tranquilidade” porque “non lle queima o balón nos pés”, como explica o seu compañeiro de liña, Xabi Lamas. O ex do Velle e do Barbadás xa se fixo co mando no medio campo e, ademais de axudar moito en defensa, especialmente no xogo aéreo, empeza a despregar o seu bo pé en ataque.
Caneiro, con 29 anos e cinco tempadas de experiencia na Preferente, imparte maxisterio a tres futbolistas que en calquera momento terán que asumir os galóns: Cole, Xabi e Aarón. Os dous primeiros xa pasaron pola “escola” de Noel.

BOÁN, A DISCIPLINA
Álex Boán asegura que “cada vez se sente máis cómodo no Antela”, que ten “un vestiario no que é fácil de entrar”. Con 29 anos e 60 partidos (case 5.000 minutos) co Monterrei nas dúas últimas campañas, despois dun paso por Preferente co Nogueira, a Liga non ten segredos para Boán, que tira de colocación e colle confianza para mover o balón, as súas principais virtudes.
Con Breixo ao lado e Bruno Pío ás costas, a vida é máis sinxela e Boán mesmo se atreveu a coller a responsabilidade de lanzar o penalti na “morte súbita” contra o Barco. Tivo mala sorte, pero demostrou carácter e compromiso.

UN ONCE BASE
O once base do Antela cumpridos os dous primeiros meses de Liga, en función dos minutos xogados, é o seguinte: Bruno Pío, Tiago Teixeira, Breixo, Álex Boán, Lois, Martín Caneiro, Cole, Xabi Lamas, Pedro, Óliver e Joni.
Non chegaron a coincidir en ningunha foto. Contra o Nogueira empezaron dez deles (con Raúl Dinís no canto de Xabi Lamas).
| Xogador | Convocatorias | Partidos xogados | Partidos titular | Minutos |
| Álex Boán | 9 | 9 | 9 | 810 |
| Martín Caneiro | 9 | 9 | 9 | 810 |
| Bruno Pío | 8 | 8 | 8 | 720 |
| Adrián Lorenzo “Cole” | 9 | 9 | 7 | 682 |
| Breixo Fernández | 8 | 8 | 8 | 674 |
| Pedro Castro | 8 | 8 | 7 | 606 |
| Óliver Fernández | 9 | 9 | 8 | 586 |
| Tiago Teixeira | 8 | 8 | 6 | 571 |
| Lois Espino | 7 | 7 | 6 | 536 |
| Xabi Lamas | 8 | 8 | 6 | 504 |
| Jonathan Gómez “Joni” | 8 | 8 | 4 | 434 |
Non hai discusión sobre a condición de titulares destes once futbolistas, mais tampouco dos tres que veñen e continuación no cómputo de minutos que realiza a web lapreferente.com
Moi preto sitúanse Adrián Campero “Peque” (411 minutos) e Raúl Dinís (408 minutos), ambos foron convocados en oito ocasións. O defensa disputou seis partidos, catro como titular; e o extremo participou en sete, cinco deles como titular.
A dianteira é a liña na que máis se reparten os minutos. Mais destaca Jorge García “Jorginho”, quen dispuxo de 349 minutos en sete partidos, cinco como titular. Mais non parou de xogar: foi convocado sete veces co primeiro equipo, unha co filial (e marcou) e outra co xuvenil (e marcou).
ABUNDANCIA DE PUNTAS
Antón Rodríguez, convocado sete veces (sempre que estivo dispoñíbel) xogou seis partidos, dous como titular e acumula 231 minutos. Por diante de Anxo Pena (138 minutos) e Víctor Cacharrón (138 minutos). O último en se incorporar ás rotacións é Alexandre Teixeira, que suma 58 minutos en dous partidos, un como titular.
MÁIS RECURSOS
Trala saída de Hugo Pérez cara o Verín, no fondo de armario do medio campo aparece a canteira. Aarón Blanco (30 minutos en tres partidos), Raúl Lorenzo (11, nun partido), Borja Carballo (5 minutos) xa se estrearon. David Rodríguez “Pitu” foi convocado dúas veces. Pitu e Raúl teñen minutos co filial, no que xogaron sete e catro partidos respectivamente.
Finalmente, entre os porteiros, Andrés Barrio xogou o primeiro partido de Liga, suma 90 minutos, e foi convocado seis veces (as que estivo dispoñíbel). O xuvenil Diego Lulo foi suplente de Barrio naquela primeira xornada, e Iago Salgado cubriu no banquiño as tres ausencias de Barrio.











