O Antela B regresa á Moreira para recibir mañá sábado (16,00 horas) ao Cenlle en partido correspondente á décima xornada de competición no grupo ourensán de Segunda Futgal. A convocatoria de Marcos Ruido está pendente até esta noite das necesidades do primeiro equipo, co que a semana pasada debutou Raúl Lorenzo e foron convocados Álex Teixeira (titular) e Pitu. O adestrador limiano podería recuperar a algún deles… mentres que Jorginho (goleador o pasado domingo co filial) podería volver ao primeiro equipo. Esta semana, o xuvenil tampouco vai sobrado, así que despois das estreas en Segunda de Xaco, Carba e Penabad en xornadas anteriores, esta podería non haber novidade.
Segue de baixa Cristian, mentres o resto dos que andaban lesionados xa se foi incorporando. Está nun bo momento o equipo, que vén de se amarrar á parte alta da clasificación co triunfo en Cortegada (2-4) no que recuperou a Germain e a Belucho como goleadores. Ruido confía ademais na Moreira, un campo no que o Antela B mellora e os rivais desmelloran.

A Moreira é un campo para ver o despregue de Pío, Javi Pérez e David Lamas e da revelación da tempada, Carreira. Do cuarteto de promesas sub’20: Raúl irá co primeiro equipo; Felipe, Pitu e Álex Teixeira estarán ás ordes de Marcos Ruido, con calidade e incentivos para elevar o colectivo.
O Cenlle, pola súa parte, vén dunha serie de tres derrotas consecutivas. A última no desconto fronte á Purísima (1-2), o líder. Encaixa moito, 24 goles, unha media de 2,6 por partido. Mais como visitante é un rival perigoso: gañou en Lobios e en San Pedro de Rocas.
ANTELA B – CENLLE, sábado 9 de novembro, 16,00 horas na Moreira (Xinzo).
CONVOCATORIA: Andrés, Miguel, Javi Pérez, Óscar Vences, Borja Rubén, Manu, Aarón Ojea, Carrasco, Belucho, Germain, Felipe, Carreira, Pío, Pitu e Álex Teixeira.
Unha ocasión para tombar o Velle
Os xuvenís chegan a oitava xornada de competición cunha traxectoria sólida e ascendente. Di Forri que os rivais están cada vez mellor, pero tamén o seu equipo evoluciona e medra, como se comprobou pola semana no partido de preparación diante do Antela B (malia a derrota). Ademais, visitan o campo do Monte da Aira, a primeira visita dun equipo do Antela após daquela catastrófica derrota do A en maio pasado. Cada choque contra o Velle esta tempada é unha oportunidade para o desquite deportivo.
Na primeira volta, os de Forri mallaron no rival (7-2), o día que Jorginho fixo póker de goles. O Velle encadeou cinco derrotas consecutivas no arranque da Liga, mais dous triunfos na casa e un empate en Verín no último minuto dérenlle aire.
Os limianos seguen con moitos problemas de baixas. Esta semana caen Diego Lulo e Anxo, e Richi estivo enfermo. Ademais, continúan de baixa Hugo Mellado, Hugo Cerdeiro, Marcos Cerredelo e Codes.
O Antela buscará unha vitoria que o deixe a dous pasos da clasificación para a fase de ascenso. En teoría o Velle é o rival máis frouxo, e se apaña outra derrota quedarán moi diminuídas as súas opcións de meterse entre os catro primeiros.
Velle – ANTELA XUVENIL, sábado 9 de novembro, 12,15 horas no Monte da aira (Velle).
CONVOCATORIA: Xaco, Iago, Aarón, Lucas Carnero, H. Penabad, Carba, Amine, Izan, Lucas Martínez, David, Fiz, Dameá, Dennis, Fabián, Pablo Novoa e Lois.














