A falta do partido máis importante da semana, o do primeiro equipo, a nave capitana nesta viaxe, a semana puxo no foco a tres mozos: Xabi Lamas, xogador do mes de outubro no A; Alexandre Teixeira, de novo goleador co B; e Izan Feijoo, autor dun hat trick co Xuvenil.
Xabi, Álex e Izan representan tres maneiras de gozar do fútbol, e tres vetas da canteira limiana: a disciplina, a forza e o talento. O fútbol de cada un deles nútrese en distintas doses deses tres compoñentes.
DISCIPLINA
O xogo de Xabi, ombreiros altos, balón raso, estase a pulir no taller de Bruno despois de pasar pola forxa de Sabucedo. O xogo de Xabi, de escuadra e cartabón, é vistoso por elegante, e vai collendo pausa e pernas.
Esta semana foi elixido en votación telemática o Xogador do Mes de outubro. Empezara o mes cun partido de traballo para superar ao Velle na Moreira, despois expandiu o seu fútbol no Carballiño e unha semana máis tarde ampliou repertorio no partido contra o Nogueira anotando o seu segundo gol co Antela. Finalmente pechou outubro cun partido de sufrimento en Celanova onde o Antela tivo moitas dificultades para trenzar xogo.
Xabi pasa por un futbolista cerebral. Tamén o parece nas súas declaracións:
“Agradezo á xente o seu voto, mais isto é un deporte de equipo e ninguén traballa tan ben como todo o bloque xunto, e en especial o noso equipo, que funciona porque todos traballamos e todos achegamos. Pedro, Martín e Breixo merecían a distinción cando menos tanto coma min”, dixo o venres na véspera do partido en Cartelle.
Xabi debutou en Cartelle o 2 de xaneiro de 2022 -aínda que nos rexistros o partido figure como disputado o 12 do mes anterior, foi aprazado pola covid- con Julio Rodríguez. O Antela perdeu 1-0 e unhas semanas despois Julio (adestrador nos ascensos de 2002 e 2018) deixou paso a Sabucedo. “Fora un partido de moita bulla, con expulsións ao final, penso que de Forri e de Aarón, eles marcaran ao principio da segunda parte e non fomos quen de entrar na súa defensa. Lembro un partido feo”. Pedro, Breixo e Joni, ademais de Aarón, tamén disputaran aquel choque co Antela vestido coa equipación branquivermella. Na convocatoria para esta tarde repiten os cinco.

FORZA
De Izan falou hai pouco o seu adestrador, Pablo Forri. “Izan está aquí porque quere, comprometeuse con este equipo, tira do equipo, fai grupo, é un tipo que paga a pena”, dixo Forri. De Izan, no seu último ano na categoría, fálase moito no Antela desde que debutara en Preferente hai dúas tempadas. Izan podía estar no primeiro equipo, mais elixiu o seu equipo: o Xuvenil, onde máis goza do fútbol.

O seu futuro está por ver, mais xa deixou pegada no Antela: será un xogador histórico faga o que faga a partir de 2025, un deses talentos que deixan unha estela fugaz que ilumina unha xeración, a dos que gañaron a Copa no 2024. Por personalidade, técnica e potencia, Izan inclina o campo cara onde el xoga, na media punta ou en calquera lugar da fronte de ataque (saltándose ás veces a orde táctica, como admite o Forri), e ademais chega, asiste ou marca. Un dez “todocampista” capaz de xogar en Preferente de pivote, de interior ou de central. Un portento.
Onte anotou un hat trick en Velle e foi o primeiro xogador da Liga en alcanzar os 8 tantos. Durmiu “Pichichi” sen darse importancia.
TALENTO

Alexandre Teixeira pertence a esa xeración de Izán (e dos Teixeira e dos Lamas). Onte marcou un gol á carreira e definindo na área, un golazo por velocidade e precisión, non hai sorte máis cara no fútbol: arrancar, conducir, resistir, plantarse e definir. Un máis no seu repertorio… como sen darse importancia, mais sabendo que é un as no campo. O Antela B gañou ao Cenlle (4-1).
O Álex ten carácter indomábel, de xenio individualista que parece xogar o seu propio partido. Iso din de todos os diferentes… os que, marcados polo peso do seu talento, téñeno máis difícil para topar o seu sitio. O Antela esfórzase en construír un espazo de abrigo para este talento, que cun pouco de agarimo pode devolver moito.











