O centrocampista Pío (Antela B), o dianteiro Carreira (Antela B) e o defensa central Lucas Carnero (Antela xuvenil) incorporáronse esta semana aos adestramentos do primeiro equipo. Así, Bruno Gómez dispuxo de 28 xogadores na sesión do martes, a máis concorrida da tempada.
Carreira e Lucas estaban desde hai semanas nos plans do corpo técnico. No caso de Pío, un xogador que viña dun período prolongado sen competir, os adestradores esperaron para confirmar a súa recuperación. Píos disputou nove partidos como medio centro no filial (perdeu un por sanción, tras ser expulsado con dobre amarela diante do Cented).
Carreira anotou 4 goles en 3 partidos ao comezo da Liga, consolidouse como titular, mais perdeu un partido por sanción (na xornada nove) e volveu ser titular contra o Cenlle.
Lucas Carnero, pola súa banda, é un dos fixos na defensa dos xuvenís, xunto a Penabad e, ultimamente, David. Perfilado na esquerda, foi titular en sete partidos co xuvenil. Forri xa advertiu hai unhas semanas que é o xogador que máis avanzou. Agora dá outro paso.
Ás ordes de Bruno Gómez adestran desde principios de curso Felipe, Raúl, Pitu e Alexandre Teixeira, do Antela B. Os catro xa debutaron en competición oficial co primeiro equipo (Álex, Pitu e Felipe, a tempada anterior). O menor dos Teixeira acabou a Liga en Preferente.
COMPETENCIA
Mais este ano as cousas están moito máis difíciles para topar un oco nas convocatorias do primeiro equipo. A competencia aumentou de maneira notábel. Hugo Pérez e, esta mesma semana, Borja Carballo optaron pola saída cara a outros clubs en busca de minutos. Con todos dispoñíbeis, Bruno Gómez ordenou o xoves partido na Moreira. Xa ten máis de dous xogadores por posto.
No B, de momento, hai 6 xogadores con etiqueta de titulares que adestran co A: Raúl, Pitu e Álex xa participaron en varias convocatorias. Esta noite Bruno Gómez ofrecerá outra lista e xa non é sorpresa que haxa sorpresas. A canteira é a noticia.