O Antela xuvenil busca mañá pola mañá no Fernández Carrera (12,00 horas) a súa sétima vitoria na Liga e a clasificación matemática para a segunda fase de competición na que, a partir de xaneiro, se xogará o ascenso. Os de Forri reciben ao Lalín (2-3 na ida nun partido moi traballado) e, se gañan, establecerán unha distancia definitiva co quinto clasificado a falta de catro xornadas (12 puntos) para o remate desta fase.
Os de Juan Forri, que empezan a recuperar lesionados -Hugo Mellado xa regresou aos adestramentos, aínda que seguen varios de baixa, entre eles Codes e Anxo Calleja-, tratarán de manter os bos números como locais (só cederon un empate ante o Verín, de penalti nos minutos finais).
Con Lulo tamén ausente, as prazas de porteiros serán para Xaco e Iago. Aarón regresa á convocatoria para reforzar a defensa, onde se manteñen Penabad, Carnero (despois da súa experiencia co primeiro equipo), e David, asentándose como central. No medio campo estarán os que veñen levando o peso nas últimas xornadas: Amine, Dameá, Carba e Fabián, aínda que é baixa Pablo Novoa. Arriba a referencia é Izan, xa máximo goleador do grupo.
O Lalín non será un rival sinxelo, é un equipo poderoso fisicamente e moi rápido arriba, como demostrou no partido no Manuel Anxo Cortizo. Mantense na pelexa pola cuarta praza.
Convocatoria: Xaco, Iago; Richi, Aarón, Lucas Carnero, H. Penabad, Carba, Amine, Izan, Lucas M., David, Erik, Dameá, Dennis, Fabián e Lois.
ANTELA -LALÍN, sábado 16 de novembro, 12,00 horas (10ª xornada Grupo 3 Primeira Futgal xuvenil).