Bruno Gómez recupera a Lois e dá entrada a Raúl Lorenzo e Álex Teixeira na lista de 18 que se medirán mañá ao Maceda na Moreira. Quedan fóra Andres e Joni, mancados; e Aarón, este, sancionado trala expulsión en Cartelle.
Gómez mantén a súa aposta polo menor dos Teixeira e Cacharrón (que tamén volve) para mellorar unha dianteira que produce moreas de ocasións mais concreta menos das desexábeis. O Antela suma 19 goles, por baixo do Celanova, o Muíños, o Polígono e o Carballiño. A competencia é máxima nesta liña, con Anxo Pena xa na pelexa e Antón recuperando confianza após a lesión.
“Estamos fallando máis da conta aquí na casa”, admitía o adestrador o xoves na Moreira. “É algo que temos que corrixir”. No partido preparatorio probou varias dianteiras, con Anxo, Jorginho e Dinís, a mesma que comezou en Cartelle, como primeira fórmula.
Pode haber cambios contra o Maceda, mais Bruno Gómez ten claro o que lles pide aos dianteiros: “ser máis protagonistas co balón, máis agresivos en área rival… e que a pelota entre, que é o que nos está faltando”.

O Maceda encaixa pouco
O Maceda gañou na Peroxa o domingo pasado (1-3) e pegou un salto para escapar da zona quente. Foi a primeira vitoria de Adrián González, Gele, ex xogador do Antela, que colleu o equipo a finais de outubro. Gele estreouse en Velle perdendo pola mínima, empatou sen goles no Polígono e sorprendeu ao Peroxa.
O Maceda encaixa pouco, só 9 goles en dez partidos. E xa se medíu ao Celanova, ao Muíños e ao Monterrei. Tamén anota pouco: até a xornada anterior, apenas 7 tantos.
O rival chega coa baixa sensibel do mediocampista Fontenla, un dos piares do equipo, expulsado o domingo no Marco.
Homenaxe a Gele
Nos prolegómenos, o Antela ten pensado tributar unha sinxela homenaxe a Gele, que xogou tres tempadas no Antela. Na primeira etapa, foi protagonista do ascenso en Lobios anotando un dos tres tantos naquel partido que devolveu ao club a Preferente. Despois volveu xogar unha campaña, a 2019-2020, uns anos antes de colgar as botas.

Convocatoria: Bruno Pío e Iago Salgado; Cacharrón, Tiago Teixeira, Breixo, Boán, Lois; Raúl Lorenzo, Caneiro, Cole, Xabi Lamas, Óliver; Pedro Castro, Anxo Pena, Antón, Raúl Dinís, Jorginho e Alexandre Teixeira.
ANTELA -MACEDA, domingo 17 ás 16,30 horas na Moreira (11ª xornada na Primeira Futgal. Grupo IV)
O filial visita ao Taboadela, que aínda non gañou
O Antela B visita Taboadela para medirse ao último clasificado, un equipo que aínda non gañou un partido pero que foi quen de apañar un empate no campo da Purísima a semana pasada cun gol no desconto.
Marcos Ruido non pode contar con Álex Teixeira e Raúl Lorenzo, convocados co primeiro equipo. E Xaco será o suplente de Miguel. No filial hai certa estabilidade e boa dinámica despois de dúas vitorias consecutivas e a recuperación dos lesionados. Seguen ausentes Cristian e Quique.
Tras perder os seis primeiros partidos, o Taboadela empatou tres dos catro últimos, mais non conseguiu abandonar a praza de descenso.
Convocatoria: Miguel, Xaco, Javi Pérez, Óscar Vences, Carrasco, Xurxo, Germain, Belucho, David Lamas, Ojea, Carreira, Costinha, Borja Rubé, Pío, Manu e Pitu.
TABOADELA – ANTELA, domingo 17, ás 16,15 horas no Outeiro do Migo (11ª xornada Segunda Futgal).












