“A intensidade que lle pomos adestrando, aí é onde vai estar a Liga”

O nome de Joni aparece por primeira vez na páxina 75 da Historia do Antela de Miro Martínez Cerredelo como futbolista do xuvenil dirixido por Toncho e Dani Jardón na tempada 2010/11. O Antela estaba próximo a caer nun pozo do que tardaría anos en se recuperar. Despois de pasar pola Segunda Autonómica, o club sobreviviu dúas tempadas na Primeira até que as cousas chegaron a un punto final.

En agosto de 2016 o Antela pasaba polo seu peor momento”, conta Martínez Cerredelo. Desde o concello buscáronse varias solucións, pero pintaba mal a situación. Aos poucos días de expirado o prazo, varios ex-xogadores e xente vinculada ao club puxeron en pé o asunto. Foron José Pérez Alonso, Carlos, Toño Belucho, José Melguizo, Pablo Losada, José Forri, Paco, Juan Gómez e Pepe Ojea”.

Nese punto volve Joni (Jonathan Gómez Quintas, 22/11/1993) á historia do Antela. Mañá está de aniversario. E esta semana, malia que anda lesionado, pasouse pola Moreira, para lembrar algúns momentos da súa traxectoria agora que está escribindo a última páxina da súa historia como xogador no club que adora e do que xa é un símbolo.

Chamoume Pepe (José Pérez Alonso, que foi designado presidente) para vir porque o Antela íase desfacer. Chamoume a mediados de agosto, coa Liga xa para empezar. Eu estaba no Boado, e ía para o Piñeira, pero tiven aquela chamada. Adestrei un día con eles e xa vin para aquí. Foi cando Julio e Ramón colleron o equipo. Vin con toda a ilusión do mundo. Eu sempre quixen xogar aquí”, confesa Joni.

Aquel verán Joni tiña 23 anos. Formárase nas categorías inferiores do Antela e chegara a debutar en Segunda Autonómica co primeiro equipo nos anos máis tristes.

Quen eran os capitáns cando volves ao Antela?

Eran o Vispo e o Nacho. E tamén os Forri, o Pablo e o Juan.

Como eran aqueles capitáns?

Eu aprendín todo deles catro. Para min foron sempre un exemplo. En todo. De Vispo lembro a raza que tiña para xogar, para meter aos demais no partido… tipo Pedro. E Nacho era a tranquilidade, cada vez que había un problema, falábase e arranxábase sen discusións. Cos Forri vivín todo estes últimos anos. Co Pablo xoguei desde pequeno até que se retirou o ano do último ascenso.

Que hai que ter para ser capitán do Antela?

Eu trato de dar exemplo: vir adestrar sempre, esforzarme todos os días… porque os rapaces que veñen de abaixo teñen que entender que hai que se esforzar para xogar no Antela.

Compartes esa responsabilidade con Breixo e Pedro, que pensas deles?

Para min son, de lonxe, as dúas mellores fichaxes que fixo o Antela en todos estes anos. Pedro, ben se ve, é todo forza e iso transmítello aos compañeiros. E Breixo… tipo Nacho: tranquilidade, sempre está ben, nunca dá unha palabra máis alta que outra. Eu xa coincidira con eles nos xuvenís no Ourense e, despois, un ano no Monterrei.

“Breixo e Pedro son, de lonxe, as dúas mellores fichaxes que fixo o Antela en todos estes anos”

Escoitando a Joni -conciso, directo- enténdese como se van tecendo os fíos do carácter do Antela. Vigor e xenio; acougo e serenidade. Así traballan os músculos, esforzo e repouso. Así é Joni no campo, un raio; o capitán pantalla, que flota, e flota calmo fóra do campo.

Dos adestradores que tiveches nestes anos no Antela, con cales te quedas?

De cada un aprendes algo. A min o que máis me marcou foi Moisés Pereiro, pode que tamén polo que vivimos aquel ano en Preferente. Aquel ano fallou todo. Ás veces fomos xogar até con algún cadete. O cadro de xogadores era curto. Igual tiñamos un once bo para competir, pero ao chegar o minuto 60 o físico esgotábase.

Ese foi un dos momentos máis duros…

O que máis.

Pero cal foi o mellor?

O ascenso do 18, o segundo ano con Julio. Por inesperado. O ano anterior salvárase o club e armárase un equipo para non descender a Segunda, e a verdade é que nos mantivemos sen problemas. Na tempada 17/18 quedabamos case os mesmos. Eramos todos de aquí, excepto dous xogadores, co mesmo obxectivo, a permanencia. Mais as cousas saíron ben e ascendemos como segundos.

O descenso no 19 foi máis duro que o deste ano?

Foino, porque estabamos practicamente descendidos á metade de Liga. Fomos con todo decidido a moitos partidos. O deste ano? Pois, polo menos, loitamos até o último minuto.

Que pasou neses últimos partidos de maio?

A min o que máis me doeu foi o último. En Velle pagamos por erros propios. Ese partido perdémolo nós, regalámoslles dous goles e fallamos varias ocasións. O último son… cousas do fútbol. Fixemos todo até remontar e perdemos todo no último minuto. Acabamos de meter o 3-2, sacan de centro, despexa o Quintairos e cáelle o balón ao mellor deles e.. iso pasa unha vez na vida, non pasa máis.

Co presidente, Pablo Losada, e o directivo Juan Gómez, na Moreira o martes.

“En Velle pagamos por erros propios. Ese partido perdémolo nós, regalámoslles dous goles e fallamos varias ocasións. O último son… cousas do fútbol. Fixemos todo até remontar e perdemos todo no último minuto. Acabamos de meter o 3-2, sacan de centro, despexa o Quintairos e cáelle o balón ao mellor deles e.. iso pasa unha vez na vida, non pasa máis”

Onde está o sitio do Antela: en Primeira ou en Preferente?

En Preferente. E para ver desde fóra é máis bonita a Preferente. Como xogador, en Preferente sófrese moito. Cal é a diferencia? Os xogadores que podes ver en Preferente non os ves en Primeira. O outro día vin o partido co Maceda desde a grada. E, sen lle quitar mérito ningún ao Maceda, ves que goleamos… e ben, pero igual prefería estar vendo o Atios ou o Céltiga ou un equipo destes. E se estivera xogando, pois igual prefería estar xogando contra o Maceda. Esíxete moito menos. É a diferencia que hai.

A que nivel está o equipo actual?

Este é o cadro de xogadores con máis competencia e igualado de todos estes anos no primeiro equipo do Antela. En todas as posicións hai onde escoller. A competencia é máxima.

Das fichaxes do verán, cal te sorprendeu máis?

Bruno Pío, o porteiro. Penso que ten un nivel de Terceira REF… como mínimo. Parece que non fai nada en todo o partido, pero chégalle unha e ten que estar; e está. En Cartelle fixo unha parada decisiva, e inda o domingo co Maceda sacou outra man ao final. Para min, o mellor.

Da canteira, ti que ves moitos partidos do B e do xuvenil, quen che está gustando?

Raúl, Pitu e Álex Teixeira, son xente que vai ter a importancia toda no Antela se queren eles e seguen traballando.

Ti compites con futbolistas como Antón e Anxo, que seguen crecendo. Que destacarías deles?

Antón ten as calidades todas dun extremo: vaise con calquera perna, dálle igual un lado que outro. Anxo é todo forza, tamén con calidade, por suposto. Son diferentes. Eu véxoos como xogadores que van estar o tempo que queiran no Antela, como Peque ou Xabi, e calquera desta xeración que xa están.

“Raúl, Pitu e Álex Teixeira, son xente que vai ter a importancia toda no Antela se queren eles e seguen traballando”

Como ves o equipo nesta altura de Liga?

Ben. E cada día vai a máis. E non o digo polo resultado do domingo. Ti ves ao equipo adestrando e ves que a mellora é constante. A semana pasada había vinte e cinco xogadores adestrando, con moita intensidade. Iso nunca pasou. A intensidade que lle pomos adestrando, aí é onde vai estar a Liga. Son adestramentos dun equipo de Preferente. Os partidos non teñen nada que ver, en canto á intensidade, coa intensidade que temos nós adestrando.

Líderes e mellorando… vese preto o ascenso?

Haberá que ir paso a paso. E que non haxa sorpresas ou pase algo raro. Pero o ascenso, cando chegue, e canto antes, mellor.

Celanova, Velle, Nogueira… quen vai apertar máis?

Eu penso que o Velle. O Celanova dáme que pode ser algo coma a tempada na que nos ascendemos, que fixo unha primeira fase sen derrotas, até a última, que lle ganamos nós, e logo tivo un baixón. Eu vexo metido ao Velle.

Persoalmente, pensas nesta tempada ou máis alá?

Só penso en conseguir o obxectivo desta tempada: o ascenso.

E ves relevo para a capitanía?

Xabi Lamas, Tiago Teixeira, Adrián ‘Cole’… Eles son o futuro, seguro. Son os que van turrar polo equipo.


Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario