Juan Forri estará hoxe ao mando do B e mañá, do Xuvenil. E o domingo pola tarde acompañará a Bruno Gómez no partido do primeiro equipo. Con Marcos Ruido ausente por un asunto persoal, Forri asume esta tarde (16,00 horas no Fernández Carrera) a dirección do filial, que de novo conta con Raúl e Álex Teixeira -que a semana pasada xogaron co Antela na goleada ao Maceda-.
O B recibe ao Rocas, que chega despois de dúas derrotas e un empate diante do Purísima que o sitúan 12º a dez puntos dos limianos. O Rocas é temíbel no seu campo de San Pedro, mais fóra, non tanto. Como visitante apenas suma dous empates (en Lobios e en Taboadela).
Os locais viven un momento doce, con tres vitorias consecutivas e dez goles. Recuperados os dianteiros, consolidado Pío no medio campo e cunha defensa en crecemento malia a baixa de Andrés, e cos reforzos de Raúl e Álex Teixeira, o B aspira a conseguir o quinto triunfo na casa, desta volta sen o “factor Moreira”, xa que cómpre coidar o campo no comezo do inverno.
A novidade é Forri, que coñece ben o cadro de xogadores e puido dedicar atención o B xa que os Xuvenís están clasificados para a seguinte fase e non xogan até o domingo pola mañá (en Barbadás). Forri está invicto co A e co Xuvenil, e porá a proba a súa racha conducindo ao filial.
Será o comezo dunha fin de semana frenética para o adestrador do xuvenil (e tamén para o delegado, Xián Penín), que o domingo ao rematar o partido en Barbadás intentarán alcanzar o bus do primeiro equipo que á unha e media pasará por Ourense. Se non chegan, seguirán en coche até Vilamartín de Valdeorras, onde o Antela xoga a partir das 16,00 horas co Córgomo.
ANTELA B – ROCAS, sábado 16,00 horas no Fernández Carrera.











