Territorio descoñecido

Bruno Gómez, o adestrador do Antela, leva unha semana sufrindo unhas molestias físicas pasaxeiras, mais incómodas. O Córgomo é outra dor de moas. Polo menos, na perspectiva que ofrecen os partidos en campos pequenos. Cando menos O Bañadoiro ofrece herba natural.

Pero no Antela preparan un choque (16,00 horas de mañá domingo), como o de Loñoá, Melias ou Cartelle… O de Cartelle foi o epítome deses partidos do fútbol provincial de hai catro décadas (ou cinco, ou máis). O Córgomo parece outra cousa, por calidade, mais tampouco se sabe certo. Ascendido en maio desde Segunda, pagou a inexperiencia cun arranque malo. Despois repúxose e estivo cinco partidos sen perder (tres vitorias) e ía coma un tiro até que apareceu o Celanova.

O partido xógase nun 90 x 46, insisten desde o corpo técnico do Antela. Bruno xa probou todos os debuxos: cun punta e tres homes abertos, con tres puntas, con dous arietes… mais o Antela segue sufrindo moito fóra para sacar adiante os partidos. Uns días aparece Breixo, outros Pedro. O balón parado é a arma máis eficaz xunto ás arrancadas de Pedro (así chegaron goles en Melias e no Carballiño, por exemplo).

Bruno deixou fóra da convocatoria a Anxo. Tampouco está Joni, mancado. Álex Teixeira viaxa despois de xogar hoxe co filial. Cacharrón, Jorge, Dinís, Antón [na imaxe, no partido na Uceira], Pedro e Óliver copan a lista de dianteiros, ampla malia as baixas apuntadas. Na defensa regresa Peque, que competirá con Tiago e Lois por unha das dúas prazas de lateral; e no medio tamén volve Aarón. Iago Salgado, o xuvenil, estará no banquiño como meta suplente.

Se non perde, o Antela superaría a racha do Nogueira da tempada 13/14 de xornadas invicto (11). Se gaña, sumaría 32 e superaría a marca de puntos daquel Nogueira nesta altura (31). Bruno Gómez xogaba naquel equipo. Hoxe entra en territorio descoñecido. Hai certa vertixe tamén no Antela. A Liga marcha sobre rodas, pero todo ao redor pide máis (empezando polos propios xogadores, que procuran novos retos). Tamén para eles alcanzar a xornada 12 sen perder é territorio descoñecido.

CÓRGOMO – ANTELA, ás 16,00 horas deste domingo, O Bañadoiro (12ª xornada na Primeira Futgal).

No Antela xuvenil que se mide esta mañá ao Barbadás as novidades son o regreso de Codes e Mellado despois de máis dun mes lesionados. As baixas de Anxo, Izan, Lulo, David, Dameá, Cerre, Iago e Cerdeiro, por motivos distintos (descanso, lesións, convocatoria do A) tamén eran esperadas despois de que o equipo alcanzase a clasificación para a seguinte fase.

No mesmo caso está o Barbadás, “pero a ninguén lle gusta perder, inda que sexa neste tipo de partidos”, advirte Juan Forri, que quere seguir invicto (e líder) na Liga.

BARBADÁS – ANTELA, nos Carrís (Barbadás), este domingo ás 11,30 horas.


Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario