Cun medio campo con Pío, Xurxo, Carrasco, Felipe e Raúl -titulares o sábado diante do Rocas (4-2)- non queda dúbida de cal é a aposta do filial para competir na casa, xógese no Fernández Carrera ou na Moreira.
O equipo de Marcos Ruido -e, por circunstancia, de Forri neste último partido- empeza a coller un aroma ao Antela. E non só porque até cinco futbolistas adestren xa habitualmente co primeiro equipo, e ocasionalmente algún máis, como Carreira ou Miguel, o porteiro. Dicía Joni o outro día que a intensidade dos adestramentos é unha das claves da boa marcha do Antela na Liga. Era cuestión de tempo que o filial se fose empapando desa actitude.
Pitu, que o sábado apareceu con Carreira no partido para rematar o traballo, explica que supón para eles adestrar e competir cos futbolistas do primeiro equipo, e engade que no filial o vestiario vive “un ambiente espectacular”.
Pitu foi protagonista o sábado porque anotou un gol magnífico que recibíu como agasallo de aniversario (19 anos). No seguinte vídeo conta como foi a xogada.
Juan Forri, quen susbtituíu a Marcos Ruido eventualmente na dirección desde o banquillo, explica como reaccionou o equipo ao goles deles.
Despois de catro vitorias en novembro, o B comeza decembro en posto de promoción (3º) e como único equipo capaz de seguir o ritmo goleador e de vitorias do Coles e do Francelos, principais candidatos ao ascenso directo. Decembro será un mes duro, con visitas ao Coles (este domingo) e ao Purísima, e dous partidos na cada diante do Toén e do Raio Alaricano. Agora mesmo, e con só dous xogadores de baixa por lesión, o filial ten un ollo posto na Liga de Segunda e outro nas necesidades do A, que esta semana podería volver a chamar a Álex Teixeira, Raúl ou Pitu.
Superado o primeiro terzo de competición, e lograda certa estabilidade no once, o filial xa sabe a que pode aspirar esta tempada. Marcos Ruido asegura que hai equipo para estar pelexando por unha praza de promoción do ascenso até o final.

DAVID E CARBAJALES TAMÉN ADESTRAN CO PRIMEIRO EQUIPO
Lucas Carnero foi o primeiro hai dúas semanas. Hugo Penabad, o seguinte a semana pasada. Hoxe, ademais destes dous, os técnicos do primeiro equipo chamaron a David Rivero e a Pablo Carbajales. O perfil que busca o A no cadro xuvenil está claro: centrais.
David Rivero xogou como central en categorías inferiores, pero comezou como dianteiro a súa etapa de xuvenil. E aí seguía até outubro cando Forri empezou a colocalo como central entre Carnero e Penabad. Pola súa parte, Carbajales actúa no medio centro, habitualmente xunto a Amine, mais ten rematado algún partido como central.
Bruno Gómez xa sabe que non poderá contar no próximo partido (contra o Viana este domingo na Moreira) con Breixo, por cuestións persoais, mentres é dúbida Tiago Teixeira por un golpe que sufriu en Vilamartín case ao final do partido. Pedro e Anxo Pena tamén andan mancados. Nas posicións dianteiras, o relevo está garantido. Mais na zona central da defensa os recursos son escasos.











