O Antela chega á Moreira despois da dolorosa derrota da semana pasada en Vilamartín, onde dominou o partido durante unha hora e cedeu os tres puntos en dúas accións individuais dos dianteiros do Córgomo.
O visitante, mañá (16,00 horas), é o Viana, que suma dúas vitorias (a última en campo do Polígono), ten un dos máximos goleadores da categoría (Iván Pérez, 7 tantos) e xogadores de moita calidade no medio (Denís, 40 anos, que alcanzou a Segunda B) e Javier García (18 goles en cada unha das dúas campañas anteriores en Segunda Galicia).
As baixas de Breixo (programada hai tempo por asuntos persoais) e Tiago Teixeira (lesionado) obrigan a Bruno Gómez a recompoñer toda a defensa. Boán e Lois parecen fixos, o resto é unha incógnita. Peque podería manterse como lateral ou aparecer no centro. Raúl Lorenzo, Aarón e Cole son outras posíbeis solucións.
Ademais, Xabi Lamas está mancado desde o xoves e este domingo pola mañá fará unha proba para ver se pode xogar. Por iso Bruno fixo unha convocatoria con 19 nomes. Se Xabi se cae, entraría Hugo Penabad. Quen si sentará no banquiño é o porteiro xuvenil Iago, convocado para permitir que Andrés, que regresa, poida ser titular co filial.

A novidade está na incorporación de Joni, que non xoga desde Cartelle, o día 10. Na dianteira, Bruno Gómez prescindiu de Álex Teixeira e de Víctor Cacharrón. Anxo Pena volve á lista, na que se mantén Antón, con molestias físicas toda a semana.
Así que as opción redúcense para Bruno, que porá a proba “o fondo de armario”. Bruno Pío, Martín Caneiro e Jorginho parecen os únicos con praza fixa a estas alturas.
“O grupo está ben. Foi unha derrota dolorosa, pero xa nos centramos no Viana, que vén mellorando e cun dianteiro con moi boas cifras goleadoras”, manifestou esta semana Jorginho, que suma 4 tantos na Liga. O nove obtivo ademais a distinción de Xogador do Mes en novembro. “Tiago é fortísimo; Dinís, está moi rápido; e Breixo, que vou dicir, é o gran capitán na defensa. Calquera deles merecía o premio tanto ou máis… pero, ben, estou agradecido a afección e espero seguir respondendo con goles”, dixo o dianteiro, aínda en idade xuvenil.
Convocatoria: Bruno Pío, Iago Salgado; Boán, Lois, Peque, Raúl, Aarón, Felipe, Cole, Penabad, Caneiro, Xabi Lamas, Óliver, Pedro, Jorginho, Anxo Pena, Antón, Dinís e Joni.
ANTELA – VIANA, domingo 16,00 horas na Moreira. 13ª xornada da Primeira Futgal.
O filial recupera a Andrés e Lamas e tira de Codes para visitar ao líder

O Antela B visita ao poderoso Coles, lanzado cara a Primeira: non perdeu un partido, anotou 29 goles (oito, de Manu Fernández), só encaixou 6 e está dirixido, como xogador, por Jorge De Dios (29 anos, extécnico da UDO en Preferente e Terceira). O Coles, asociado precisamente coa UDO, non é un filial clásico. A maioría do cadro de xogadores son veteranos. Parece feito para una misión dunha tempada: ascender a Primeira Futgal desde onde se poida construír un viveiro para a UDO.
No equipo de Marcos Ruido a novidade é o porteiro Andrés, que será titular mañá no filial. Tamén volve David Lamas, e entra Codes, o nove dos xuvenís, recuperado e que reforzará o equipo diante das ausencias de Raúl e Felipe (co primeiro equipo), Pitu e Álex Teixeira.
O Antela B marcha terceiro na clasificación a 5 puntos do Coles. Marcou os mesmos goles, pero encaixou o triplo.
Convocatoria: Andrés, Miguel; Borja Rubén, Javi Pérez, Vences, Carrasco, Quique, Xurxo, Belucho, David Lamas, Ojea, Carreira, Pablo Nogueiras, Pío e Manu.
COLES – ANTELA, domingo 16,30 horas en Albán. 13ª xornada da Segunda Futgal.



















