Óliver adianta o Nadal

Nun partido de ida e volta, co Antela elástico e veloz, cun Viana que se descoseu rápido, mais sempre foi limpo, Óliver tivo campo, balón e gol e acendeu as luces no primeiro partido do Nadal. Nunha festa adiantada, Óliver tirou paredes e sombreiros e controis de mago, driblou en carreira, parado e de costas. Foi un espectáculo que a grada da Moreira levaba meses esperando. Óliver xa está aquí.

Mais o Antela, moi superior co balón, concedeu tanto atrás que tivo que sufrir durante 70 minutos para tombar finalmente ao Viana (4-3). Joni, ao rescate, e Jorginho, que viu porta por terceiro partido consecutivo, levantaron un resultado adverso e manteñen ao Antela líder despois da derrota da semana anterior en Vilamartín.

Antes as baixas de Breixo e Tiago Teixeira, Bruno Gómez tocou toda a defensa. Arrancou cunha defensa de cinco, con Raúl e Felipe, debutantes no once, polas bandas; e con Peque, Boán e Lois como centrais. A cousa funcionou sen novidade durante un cuarto de hora, o que lle levou ao Viana conquistar un córner e un gol no saque de esquina mal defendido polos locais. Ese foi o empate (1-1, min. 17), porque antes Óliver, xa marcara tras unha carreira pola esquerda que terminou cun disparo colocado a escuadra contraria.

Mais co empate, fíxose evidente a incomodidade do Antela. Pola dereita, Dinís como extremo e Raúl como lateral longo, non pegaron ben. Atropeláronse. Pola esquerda, a tendencia de Óliver a buscar o centro permitiu a Felipe dispor dun carril aberto, o camiño mellor aproveitado polo Antela na primeira metade, pero cun burato ás costas. Á defensa empezáronlle a tecer as pernas. E o Viana veuse arriba.

No desorde reinou Óliver, que cando quixo calma asociouse con Caneiro, e cando quixo festa buscou aos puntas, con Felipe convertido en extremo. Da zurda do rapaz saíu un centro de Jorginho rematou a pracer, pero sacou o porteiro. O balón parado non funcionou como outros días, até que Óliver, colocou un balón na escuadra nun libre directo desde o borde da área. 2-1, así se chegou ao descanso, coa sensación de que o Antela podía golear se conseguía controlar o partido.

Os goles de Óliver.

Bruno Gómez cambiou de novo a defensa, e o Antela compareceu na segunda metade cunha liña de catro: Lois e Peque recuperando os laterais e Aarón e Boán como parella de centrais. Parece unha decisión prudente, pero mentres a liña se asentaba o Viana golpeou dúas veces. O 2-2 chegou nun espléndido disparo de Xurxo desde a frontal sen oposición. O 2-3, nunha indecisión da defensa que perdeu un balón ao borde da área deixando a Isay man a man con Bruno.

A desventura dos empates co Maside e co Peroxa sobrevoou á Moreira.

Bruno Gómez volveu mover ficha. Recompuxo o esquema clásico esta tempada. Meteu a Joni como extremo pola dereita e a Antón pola esquerda. Dez minutos despois, o Antela tiña ao Viana atado. Joni sorprendeu polo centro e baixou un balón longo antes de anotar o empate. Dez minutos despois, Jorginho, que xa mandara un balón ao traveseiro (o segundo dos locais no partido), cazou un centro de Peque e rematou con furia a altura do punto de penalti. Un gol de nove puro, a un toque, como o segundo en Vilamartín.

O Viana non se rendeu, fixo tres cambios, pero o Antela respondeu coa entrada de Coles, un pulmón, e o partido morreu entre acometidas do Antela buscando o quinto.

Ficha técnica
ANTELA, 4; VIANA, 3.

Antela: Bruno Pío, Peque, Raúl (Joni, 54), Boán, Oliver, Xabi Lamas (Antón, 56), Jorginho (Cole, 78), Felipe (Pedro, 46), Dinís (Aarón, 46), Lois e Martín Caneiro.

Viana: Aarón; Diego, Javi Penouta, Pablo Pinza, Héctor, Xurxo, Iván Pérez (Marcos, 13), Álex (Javi, 83), Facu (Squiner, 83), Isay e Jesús (Iago, 83).

Goles: 1-0, min. 7: Óliver; 1-1, min. 19: Marcos; 2-1, min. 45: Óliver; 2-2, min. 51: Xurxo; 2-3, min. 54: Isay; 3-3, min. 63: Joni; e 4-3, min. 72: Jorginho.

Árbitro: David Guzmán. Amarelas a Jorginho, e aos adestradores locais, Bruno Gómez e Forri. Nos visitantes expulsou a Vila, o adestrador, por dobre amarela no minuto 90. Tamén sancionou con amarelas a Diego e Isay.

Incidencias: 192 espectadores na Moreira. Adrián Campero, Peque, luciu por vez primeira o distintivo de capitán, ante as ausencias no once de Joni, Pedro e Breixo.

PRÓXIMO PARTIDO, xornada 14: Muíños – ANTELA (8 de decembro)

Máis crónicas: https://antela.fala.gal/tag/cronicas


Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario