Marcos Ruido, adestrador do B: “As prioridades están claras”

O filial supera marca tras marca os rexistros da súa breve serie histórica e o domingo busca a sexta vitoria consecutiva. Non perde desde outubro, anota con certa facilidade e o domingo deixou a súa porta a cero para vencer ao líder. “Ao principio custou entrar na competición, pero a través do traballo, do compromiso dos xogadores de asistir a todos os adestramentos e de comezar a cambiar a mentalidade e mellorar defensivamente, collemos esa pequena confianza que nos dá un plus… sempre que teñamos a actitude adecuada á hora de competir”, indica Marcos Ruido, o técnico do B.

O domingo, diante do Toén (16,15 horas no Fernández Carrera), Ruido non poderá contar con Carreira nin con Germain, dous dos goleadores. Agora está pendente das decisións do primeiro equipo (que adestra este venres ás catro da tarde aproveitando o festivo) para saber que xogadores terá dispoñíbeis. “Primeiro temos que apoiar e reforzar ao Antela, que é o principal. Se non se logra o ascenso a preferente nós non podemos promocionar se vai todo ben e se dá o caso”.

O Antela B vén de amarrar a súa mellor vitoria fóra tras vencer ao líder, o Coles (0-1, con gol de Manu). “Saímos cunha formulación que tivemos que modificar no descanso para igualar posicións. Os rapaces souberon adaptarse a un sistema o cal non estamos acostumados e leron o partido en defensa a perfección, inda que o rival foi mellor en ataque ca nós pero soubemos sufrir”, resume o adestrador.

Con todo, Ruido rebaixa a euforia. “O Toén e un equipo máis que experto na categoría, posúe xogadores veteranos capaces de derivar o partido o terreo deles. Van disputar a Copa mañá contra o Cea coma visitantes e virán o Fernandez Carrera tamén como visitantes 48 horas despois. Non penso que o estar nós máis descansados vaia ser determinante. Hai que tomalos moi en serio durante os 90 minutos, van sextos e veñen puntuando moi ben”.

O Antela xoga a mesma hora en Muíños, así que a afección terá que se dividir. Ruido asume a situación. “Foinos imposíbel modificar o horario. Temos que adaptarnos e a xente ten a liberdade de escoller. No obstante, como dixen antes, a prioridade e o ascenso do A e se a afección está cerca sempre e mais doado. As prioridades están claras”, conclúe.

ANTELA B – TOÉN, 14ª xornada de Liga en Segunda Futgal Ourense, ás 16,15 horas do domingo no Fernández Carrera (Xinzo).

A xornada.
Clasificación.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario