Breixo e os irmáns Teixeira, Tiago e Álex, regresan á convocatoria do Antela que se mide mañá ao Muíños, terceiro clasificado en partido correspondente á 14ª xornada de Liga, que pode ser chave con varios enfrontamentos directos na cabeza e que chega apenas 48 horas despois da Copa (o Muíños resolveu onte moi rápido en Viana, 0-3).
Bruno Gómez deixou fóra a Cacharrón, Raúl e Felipe (estes últimos xogarán co filial), mais elaborou unha lista de 19 por precaución. Despois de dous partidos consecutivos encaixando 3 goles, o Antela podería recuperar a defensa habitual. O Antela adestrou onte venres á mesma hora do partido no sintético Fernández Carrera, con bo ambiente e moito traballo de remate na área. A eficacia cara o gol tamén preocupa.
Da Moreira (Xinzo) á Moreira (Mugueimes) hai apenas 27 quilómetros e media hora de viaxe tranquilo, collendo a estrada de Lamas e deixando á dereita a chaira case en paralelo co Limia, até tocalo en Ponteliñares, subindo despois por Paradela de Abaleda até Tourós, e baixando cara As Conchas, que bebe do río, para alcanzar á Casa do Concello de Muíños e virar á esquerda.
A Moreira de Mugueimes é un campo bonito como son hoxe os campos de herba artificial. E o equipo, o Muíños, un histórico nesta parte do país que se mete en Portugal e xa é Xurés ou Gerês. O Muíños veu ocupar o lugar do Bande como primeiro equipo da Limia Baixa. Conta con futbolistas de recente pasado branquinegro (Suso, Borja, Sergi e Tazos participaron do ascenso no 2022; Juáncar volveu para o primeiro ano na Preferente), e veteranos como o celanovense Miguel Codeso (ex do Sporting e da UDO), ou Cheri e Rubén Lamelas, o ano pasado no Arnoia.
Tralo ascenso en maio, o Muíños vive a súa terceira experiencia na Primeira provincial, con dous pasos (moi breves) no cambio de século e na 2012-13. O Antela coincidira co Muíños a tempada anterior. Ese ano o Muíños saíu campión. O Antela ascendeu no 2013 co Boado, polo que non se volveron enfrontar en Liga desde aquela. Antes tiñan coincidido en Primeira nas tempadas 1999-2000 e 2000-01, cando descendeu o Muíños.
“Vai ser un partido complicado, como todos os de fóra”, avanza Raúl Dinís, titular pola dereita nos últimos partidos. “O Muíños fixo un bo equipo, e están aí, terceiros, pelexando co Celanova e connosco. O campo é pequeno, temos que saber como hai que xogar neses campos, e rillar…”
Antón, que pelexa por unha oportunidade como titular na outra banda, a esquerda, coincide en que o campo vai ser un condicionante importante, e pensa que “a experiencia deles e o factor campo témolos que compensar poñéndolle máis gañas e fame de vitoria”.
Convocatoria: Bruno, Andrés, Breixo, Tiago Teixeira, Álex Teixeira, Peque, Lois, Boán, Aarón, Cole, Caneiro, Xabi Lamas, Pedro, Joni, Óliver, Jorginho, Anxo, Raúl Dinís e Antón.
MUÍÑOS – ANTELA, na Moreira (Mugueimes, Muíños), 16,15 horas, domingo 8 de decembro.



















