Sixto Airas, un irmán

Sixto Airas Rodríguez foi xogador do Antela durante varias tempadas a finais dos anos setenta do século pasado. Era un extremo habilidoso, “que quizá puido xogar en categorías superiores, mais deixou pronto o fútbol”, conta Desiderio Vázquez, exfutbolista e exadestrador do Antela, amigo desde a infancia de Sixto.

“Para min era un irmán. Eramos veciños, en Viladerrei, Trasmiras. As familias xa tiñan moita relación. E como el era o pequeno dos irmáns e eu era fillo único, inda que me levaba uns anos, andabamos moito xuntos. E coincidir no Antela selou a nosa amizade para sempre. Eu recordo ao Sixto alegre, festeiro, queríao todo o mundo… era tan bo para os demais que mesmo penso que era mal para el. Era o amigo que queres ter“, conta Desiderio tralo falecemento de Sixto unhas semanas despois de ter cumprido os 70 anos na Coruña, onde residía desde que deixou Xinzo e a cidade na que traballou moitos anos para unha empresa de transporte de mercancías.

“Sixto era un home extraordinario. Pode haber persoas iguais, pero non mellores”, resume Prol, xogador do Antela naqueles anos, que coincidiu con el na primeira etapa e na segunda no Antela. Sixto empezou no Antela a mediados dos setenta, mais estivo un par de tempadas sen xogar porque marchou á mili. Non estivo no campionato de Liga provincial que gañou o Antela na 77/78 (tampouco o Prol, daquela no Maceda), pero regresou e chegou a disputar a final de Copa do 81 e xogou un partido que, malia a derrota (1-0 contra o Barco), xa está entre as tardes eterna do Antela.

Desiderio e Sixto.

“A final resolveuse nunha xogada do tal Lajosa, que viña da Ponferradina. Foi un partido moi igualado. E o Sixto foi titular”, lembra o Prol.

“Aquel foi un encontro moi importante. Xogar no Couto non era pouca cousa, víate moita xente. A Copa era un torneo prestixioso”, lembra Desiderio Desiderio e Sixto coincidiron tamén tres anos naquel Antela que ascendera da Comarcal á Rexional Sur. Naquel equipo que perdeu a final no Couto contra o Barco estaban Prol, Poldo, Gude, Sieiro, Carrera e o propio Desiderio, dirixidos por Wilson Jones, e comezaba unha xeración que traería máis éxitos, con Belucho e Toncho á fronte.

Aquela tarde foi titular un mozo que despuntaba, Toño Belucho. “Eu estaba nos xuvenís e coincidín pouco co Sixto no primeiro equipo. Pareceume unha boa persoa máis aló do vestiario”, comenta Belucho, que a semana pasada, cando se fixo pública a noticia do deceso escribiu nas redes sociais do club: “Un moi bo compañeiro, boa viaxe Sixto”.

“Seguímonos vendo toda a vida, cada vez que viña a Xinzo ou eu pasaba pola Coruña. O último recordo que teño con el é de hai dous meses, tomamos un café aquí en Xinzo e xa estaba enfermo, mais non pensei que as cousas se precipitasen”, conta o Desiderio. “Era un señor, e a min gustaríame que así fora recordado”, di Prol, que sinala un detalle que o emocionou: a bandeira do Antela, presente no funeral.

Sixto Airas Rodríguez naceu na Limia o 15 de setembro de 1954, xogou no Antela cando mozo, “un bo xogador e mellor persoa”, resume Prol, e Desiderio remata: “O irmán que eu non tiven”.

Sixto será homenaxeado na Moreira este domingo antes do partido co Seixalbo e ficará para sempre na memoria branquinegra.

O Sixto, abaixo, o primeiro pola dereita. Arriba, segundo pola dereita, o Desiderio.
Sixto, abaixo no centro, na tempada 76/76, co Prol á súa dereita.
O Antela da final de Copa contra o Barco. O Sixto, abaixo o segundo pola esquerda.

1 comentario en “Sixto Airas, un irmán”

  1. Gracias, no seu nome e no meu propio, por amosar o cariño que él tanto merecía, de amigos e do Antela dos seus amores.
    Amparo Sueiro de Airas

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario