Despois dunha serie de cinco vitorias consecutivas cortada polo empate na casa ante o Toén (1-1), Marcos Ruido -adestrador do filial- rebaixa a euforia e advirte das dificultades dos próximos partidos. Para empezar, mañá sábado nos Carrís (19,30 horas) diante do Purísima, o rival máis mozo da categoría e un aspirante máis ao ascenso.
“Campo grande, de herba artificial. Partido pola noite, con frío. Haberá que adaptarse… vai ser un equipo que nos esixa moito no plano físico e espero un partido igualado”, explica o técnico do Antela B.
O defensa Javi Pérez é baixa por acumulación de amarelas, e onte incorporouse aos adestramentos o dianteiro Germain. Na sesión tamén participaron con normalidade Cristian -xa recuperado- e Dani Pérez -que trata de coller o ritmo para poder incorporarse ao equipo-. No adestramento do A, Pitu retirouse mancado nun xeonllo. Finalmente, volverá tamén a unha convocatoria do A este domingo.
Antes de concluír a primeira volta, o Antela B deberá enfrontar co Raio Alaricano e co Arrabaldo, para iniciar a segunda coa visita do Francelos, segundo clasificado cos mesmos puntos que o filial, pero que gañou na ida por 3 a 1. O Francelos xoga este domingo na casa do líder, o Coles; mentres que o Raio21, cuarto, recibe a un Rúa moi distanciado da cabeza. Para Marcos Ruido, o obxectivo segue sendo “estar o máis arriba posíbel”.
Convocatoria: Andrés, Cristian, Vences, Carrasco, Xurxo, Germain, Belucho, David Lamas, Ojea, Felipe, Carreira, Borja Rubén, Pío, Raúl, Manu e Pitu.
A PURÍSIMA – ANTELA, sábado 14, 19,30 horas en Os Carrís (Barbadás), correspondente á 15ª xornada de Liga de Segunda Futgal.











