Penúltima xornada na Liga xuvenil con tres billetes por repartir

O Antela xuvenil xa coñece a catro dos rivais na futura fase de ascenso a Preferente Xuvenil no Grupo 3 que se disputará a partir de xaneiro: son o Barbadás, líder do subgrupo A, e o Estrada, o Residencia de Lugo e o Sarriana, os tres xa clasificados no subgrupo B.

Os de Forri visitan mañá ao Verín (17,30 horas, na Granxa), que aseguraría a súa clasificación se gaña, e mesmo empatando ou perdendo, en función do resto de resultados, pode lograr tamén o terceiro billete do subgrupo A. O Purísima (cuarto, con 15 puntos) e o Lalín (quinto, con 14) xogaranse a outra praza, co Ourense F.C. “B”, xa con mínimas opcións. Nesta penúltima xornada, o Purísima recibe ao Velle e o Lalín visita ao líder, o Barbadás. Na última xornada enfrontaranse entre eles en Lalín.

No subgrupo B, a cuarta praza segue en disputa entre o Antas de Ulla (16 puntos), o Becerreá (15) e o Cordeiro (15). Estes dous equipos enfrontaranse na última xornada.

En canto ao Antela, Amine volve estar a disposición do adestrador despois da súa expulsión en Barbadás hai dúas xornadas. Será o cuarto choque co Verín esta tempada. Penabad foi convocado co primeiro equipo esta semana. Lucas Martínez, con molestias, podería ter descanso. A lista coñecerase este sábado pola mañá.

O Antela gañou os dous amistosos, pero os verinenses melloraron de maneira notábel e arrancaron un empate na primeira volta no Fernández Carrera (2-2), grazas a dous penaltis. Para o Antela, o choque será un máis na preparación para o que vén en 2025.

RIVAL NA COPA

Polo momento, xa saben que se terán que medir en Liga contra o Estrada, o Residencia de Lugo, o Sarriana e, de novo, o Barbadás. Na Copa, tras o sorteo da semana pasada, quedaron emparellados co Ourense F.C. “C”. A eliminatoria disputarase a partido único o 1 ou o 2 de febreiro.

VERÍN – ANTELA, sábado 14 ás 17,30 horas na Granxa (Verín), na 13ª xornada da Primeira Futgal xuvenil.


Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario