Ensanchar o campo, paciencia e presión inmediata sobre a saída de balón do rival. Esas son as tres consignas de Bruno Gómez aos seus xogadores para o partido de mañá domingo (16,15 horas) na Moreira diante do Seixalbo.
O adestrador espera un Seixalbo repregado cos once futbolistas no seu propio campo para reducir o máximo posíbel o espazo de xogo na Moreira. O Antela recupera a Jorginho -baixa a semana pasada- e conta con de novo con Pitu (terceira convocatoria) e o xuvenil Hugo Penabad, que xa estivo hai dúas semanas na lista previa. Non parece que Bruno vaia variar moito o debuxo nin o once e as dúbidas están nas bandas, nas que Antón, Anxo, Dinís e Joni -os catro xa ao seu mellor nivel da tempada- disputan dous postos.
Na defensa, a ausencia de Tiago Teixeira será suplida con moita probabilidade por Peque; mentres que Cole ou o xuvenil Penabad ocuparían a banda de Lois, baixa de última hora. O Antela quere volver ás certezas que tiña antes do choque en Vilamartín: defensa sólida e ataque contundente.

Despois de ter goleado ao Maceda (6-0) a derrota contra o Córgomo pareceu afectar ao equipo. En Muíños, con vitoria, porta a cero e ocasións ben aproveitadas, o Antela recuperou boa parte da confianza. Nese proceso, os limianos reciben ao Seixalbo coa intención de mellorar no ataque e consolidar a defensa. Agora, ademais, con 6 puntos de vantaxe sobre o seguinte clasificado e 10 sobre o terceiro e o cuarto.
Co Seixalbo vén David Figueiredo, o seu máximo goleador (7 tantos), un ex do Antela. O resto das pezas clave do equipo son as mesmas que lograron o ascenso hai tres anos e que conseguiron mantelo en Primeira as dúas últimas tempadas. No que vai de Liga so sumaron unha vitoria, e apañaron goleadas dos equipos de cabeza: Celanova, Muíños e Nogueira.
Mais na Copa, o Seixalbo vén de sorprender ao Verín. Venceu 1-0 no seu campo (terra), cun gol de Figueiredo, e conseguiu o pase aos octavos de final.

HUGO PENABAD
Os xuvenís Hugo Penabad e Lucas Carnero son habituais nas sesións de adestramento do primeiro equipo desde hai un mes. Penabad xa foi chamado para o anterior choque na Moreira, contra o Viana, mais Xabi Lamas superou a proba do domingo pola mañá e foi quen entrou finalmente na convocatoria. Penabad é un dos capitáns do xuvenil esta tempada, e ademais do seu labor en defensa -onde xoga como central ou lateral- empezou a Liga destacando como goleador. Xa debutou co filial.
Pola súa parte, David Rodríguez, Pitu, que acaba de cumprir os 19 anos, é un dos futbolistas do cadro do filial que desde o inicio da tempada vén adestrando co primeiro equipo, co que debutou (aínda en idade xuvenil) o 7 de xaneiro deste ano en Redondela, ante o Choco. Na presente tempada, leva 12 partidos co B, aínda que só seis como titular, e xa anotou catro goles.
Convocatoria: Bruno Pío, Andrés, Peque, Breixo, Boán, Aarón, Hugo Penabad, Martín Caneiro, Xabi Lamas, Cole, Pitu, Pedro Castro, Óliver, Joni, Antón, Anxo, Raúl Dinís e Jorginho.
ANTELA – SEIXALBO, o domingo 15 na Moreira (16,15 horas). Na 15ª xornada de Primeira Futgal.






















