Dous empates con gol de penalti en partidos a domicilio manteñen ao Antela B e ao Antela xuvenil na senda dos seus obxectivos a piques de rematar o ano.
O filial xogou un bo partido nos Carrís contra o Purísima e Germain, case contra o final, amarrou un punto que o Antela mereceu por aptitude e dominio a través do balón durante a segunda metade. Enfrontábanse os dous equipos máis mozos da categoría e o choque tivo ritmo. Os limianos empezaron mellor, cunha aliñación moi ofensiva: Raúl, Felipe, Pío, Carrasco, Pitu e Belucho por detrás do punta. Mais os locais repuxéronse e marcharon ao descanso con vantaxe dun gol. Tralo descanso entrou Carreira e despois Xurxo. O Antela volveu dominar e acabou equilibrando o resultado.
O punto serve para que os de Marcos Ruido continúen nos postos de promoción. Empezan o domingo na terceira praza, a un só punto do Raio21 -agora segundo, en posto de ascenso directo-. Do resultado do Coles-Francelos que se xoga esta tarde dependerá a posición do Antela ao remate da xornada, que en calquera caso seguirá estando en praza de promoción.
Manu, expulsado onte ao final do partido, será baixa a próxima xornada, na que o Antela B volverá a xogar como visitante: en Allariz diante do Raio Alaricano.
CERREDELO E CALLEJA
Pola súa parte, os xuvenís de Forri empataron en Verín (1-1) con gol, tamén de penalti, de Izan no minuto 39. Os locais conseguiron empatar xusto antes do descanso. Para o Verín o punto era suficiente porque nese momento xa coñecían a derrota do Lalín en Barbadás. O Verín conseguiu o billete para a fase de ascenso. E o Antela mantivo a súa imbatilbilidade.
Marcos Cerredelo foi titular e Anxo Calleja xogou a segunda metade, polo que tras a recuperación de Mellado e Cerdeiro, que volveron dispoñer de minutos onte, o cadro de xogadores está completo por primeira vez esta temporada. Estes catro precisan ir collendo o ritmo, pero hai por diante catro semanas até o comezo da fase de ascenso. O Antela pechará o ano o próximo sábado recibindo ao Ourense “B”.
En xaneiro, arrancará a fase decisiva nun grupo de oito equipos -todos contra todos a dúas voltas- no que estarán o Barbadás, o Verín e probablemente o Purísima (que pode conseguir hoxe o seu billete), xunto as Escolas da Estrada (Pontevedra), o Residencia de Lugo e a Sarriana. O oitavo clasificado coñecerase a próxima semana. O Antas de Ulla (Lugo) ten as mellores opcións.
GALERÍA













