Un xuvenil que xa é histórico

O xuvenil de Forri pechará un ano para enmarcar mañá sábado no Fernández Carrera contra un Ourense C.F. “B” que inda conserva opcións de se meter na fase de ascenso a Preferente. Os limianos, xa clasificados, coñecerán os seus rivais este mesmo sábado, pois hai horario unificado nesta última xornada.

Salvo Lucas Martínez, con molestias, Forri disporá do cadro completo para despedir un 2024 no que os xuvenís conseguiron un ascenso, gañaron a Copa e mantivéronse durante 20 partidos de Liga (mañá poden ser 21) invictos entre as dúas tempadas até amarrar unha das prazas que lles permitirá competir, a partir de xaneiro, por outro ascenso.

A nominación na Gala do Deporte 2024 de Xinzo pon o ramo a un ano fabuloso no que, con todo, a mellor noticia é que a canteira do Antela funciona a toda máquina para nutrir de xogadores ao primeiro equipo.

Dos campións de Copa, cinco futbolistas xa se estrearon na Liga de Primeira Futgal esta campaña co Antela de Bruno Gómez: Andrés, Álex Teixeira, Raúl, Felipe e Pitu. Os cinco son ademais piares do filial, o Antela B, que está moi arriba na Liga de Segunda.

Do cadro actual de xuvenís: Hugo Penabad, Lulo e Iago Salgado xa estiveron en convocatorias do A, Lucas Carnero, David Rivero e Xaco adestraron tamén co primeiro equipo. E en Segunda xa debutaron Penabad, Xaco, Carbajales e Codes.

Izan, esta tempada centrado nos xuvenís, é o máximo goleador do equipo (10 tantos) e está entre os mellores da Liga. Amine, no seu último ano, e Anxo Calleja e Dameá, futbolistas de segundo ano, son outros dos que apuntan xa cara o primeiro equipo. E por detrás chega outra gran fornada, avisan os adestradores, con Pablo Novoa e Lois sobresaíntes xa no seu debut na categoría.

Forri comezará o 2025 cunha base ben consolidada para buscar un novo ascenso. Mañá (ou o luns se finalmente hai premio) rematan as festas; á volta de ano espera o momento clave dunha tempada que pode volver a ser histórica.

ANTELA xuvenil – Ourense C.F. “B”, sábado 16,00 horas no Fernández Carrera.
14ª xornada Primeira Futgal Xuvenil

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario