O filial, a pechar un ano excelente

Non hai queixa co filial que vai completar un ano excelente despois de lograr a permanencia en maio (con Prol e Carlos na dirección técnica) e terse asentado na Segunda Futgal, unha Liga que parecía todo un desafío para un equipo mozo, mais na que os de Marcos Ruido (o novo adestrador) completada case a primeira volta seguen loitando no grupo de cabeza e con aspiracións de alcanzar a promoción.

Mañá visitan ao Raio Alaricano (18,00 horas no Luís Cid Carriega) e intentarán manter a senda de bos resultados. O Antela B non perde desde finais de outubro e encadea seis triunfos e dous empates. Ademais, o adestrador dispón de todos os xogadores (coa dúbida de Álex Teixeira, enfermo desde hai uns días). Iso si, a lista dependerá da convocatoria do primeiro equipo. Pitu, Raúl e Felipe xa debutaron no A este último mes, período no que ademais, Pío, Carreira, e esta semana Xurxo, tamén foron chamados a adestrar.

Trala vitoria do Francelos no campo do líder, o Coles, a Liga igualouse moito. O Coles suma 33 puntos, un máis que o Francelos; dous máis que o Raio21 e tres máis co Antela B. O quinto, o Purísima, ten 28; e o sexto, o Toén, 26. As dúas prazas de ascenso directo e as dúas de promoción (contra rivais doutros grupos) están moi caras.

Mais no Antela hai confianza. De novembro até hoxe, con dúas eliminatorias de Copa polo medio (torneo no que o filial non participa), o Antela B sumou 17 puntos. Está sendo o mellor equipo nos dous últimos meses. O Coles, Francelos e Raio21 fixeron 15 puntos; o Toén, 14; e o Purísima, 9.

Raio Alaricano – ANTELA B, sábado 18,00 horas no Luís Cid Carriega (Allariz)
16ª xornada Segunda Futgal

O Antela B, no debut ligueiro diante do Francelos o 8 de setembro (derrota por 3-1).

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario