Carlos e Jorginho, dous puños

No adestramento do xoves, Bruno Gómez, técnico do Antela, ensaiou novas variantes ofensivas. O rexistro do Antela ampliouse coa chegada de Carlos, dianteiro limiano procedente do Barbadás que, en apenas catro sesións de traballo, demostrou bo ton físico e ganas.

Para Gómez, habituado a xogar con dous extremos, é unha oportunidade e un problema. Debe decidir cal é o punto de partida do equipo e cando utilizar a nova variante, cun rombo no medio campo cun media punta por detrás dos dianteiros. Nesa posición, a de media punta, probou a Antón e a Pedro. Pero quen máis se divertiu foi Óliver, aparecendo na área desde atrás.

En calquera caso, o experimento está nunha fase inicial e tampouco se esperan demasiados cambios de cara a mañá co Monterrei. Breixo, por precaución, baixou o ritmo esta semana. E Tiago Teixeira volve a estar a disposición despois do partido de suspensión. Cole, Peque e Aarón, e o xuvenil Lucas Carnero -que xa se adestra co primeiro equipo- están listos para calquera continxencia.

Xogue con dous puños para percutir directamente contra a defensa visitante ou con extremos (a posición mellor dotada do equipo), o Antela quere recuperar sensacións na Moreira, onde resolveu con solvencia os dous últimos compromisos (Viana e Seixalbo) mais sen alcanzar a soltarse de todo como na goleada diante do Maceda.

O equipo pechará o ano como líder, e pode facelo tamén como o mellor equipo da categoría -inda que hai dous grupos con partidos pendentes por aprazamentos-. Tras 15 xornadas, os líderes (con vitorias e puntuación) son a día de hoxe o Orillamar e o Victoria (empatados a 30 puntos, con 9 triunfos cada un) no Grupo 1; o Club do Mar (37 puntos, 11 triunfos) no Grupo 2; o Burela (38 puntos, 12 triunfos), os mesmos números que o Antela no Grupo 4. No Grupo 5, o Puebla suma tamén 38 puntos e 12 vitorias, e ten un partido pendente. E no Grupo 6, o Tyde leva 35 puntos e 11 vitorias, mais tamén cun partido menos.

Bruno Gómez sorprendeu este sábado cunha convocatoria completa dos 23 dispoñíbeis (ver abaixo). Están todos -incluído Carlos-, salvo o menor dos Teixeira, Álex, enfermo esta semana.

O rival: o Monterrei, exequipo de Bruno Gómez

O Monterrei dos limianos Julián, Borja Carballo e Diego Losada chega á Moreira despois de caer en Muíños, mais cun bo balance nos partidos anteriores (empate co Celanova e vitorias en Cartelle e diante do Córgomo). O Monterrei despediu ao adestrador, Abraham Rodríguez, na oitava xornada, e o equipo quedou en mans de Tiago Pona, técnico axudante do anterior. Con Pona á fronte, sumou 2 vitorias, 3 empates e 2 derrotas; e mantense na cabeza a só catro puntos da promoción.

O Monterrei arrancou a tempada cunha convocatoria de só 14 xogadores, pero gañou en Nogueira (0-1). Despois, perdeu os choques co Polígono e o Velle, e enganchou 4 vitorias consecutivas antes da derrota en Allariz, que acabou coa etapa de Abraham Rodríguez, cando o equipo marchaba sexto a un punto da promoción.

Antonio Teixeira -central titular con Bruno Gómez nas dúas tempadas anteriores-, Marcos (chegado do Barbadás B) e Nuno (do Verín) son a base defensiva dun equipo que encaixa 1,4 goles por partido e parece máis frouxo na casa (onde só ganou dous partidos) que como visitante: cinco vitorias e un empate. Esta irregularidade como local tamén está condicionada porque tivo que celebrar varios partidos na Granxa (Verín), por obras no seu campo.

Bruno Gómez fixo subcampión de Liga ao Monterrei hai dúas tempadas. Mais non superou a promoción. O club tivo unha breve experiencia na Preferente (2015-16). Nos partidos recentes na Moreira, o Monterrei empatou na primeira fase da Liga 21/22 co Antela de Sabucedo (1-1) en xaneiro de 2022. Joni (que marcou o gol), Pedro e Peque xogaron aquela tarde no once titular, e Julián era o meta local. Na visita anterior, en outubro de 2019, tamén marcara Joni, e Pedro e Breixo foran titulares -con Julián na portería limiana-. O Antela gañou 2-0.

AS PREVIAS

ANTELA – Monterrei, domingo 22 de decembro, 16,00 horas na Moreira (16ª xornada Primeira Futgal).


Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario