Jorginho lidera aos lobos

O terceiro gol, o de Joni, o último do ano, resume o partido de onte na Moreira. Tiago, que entrou mediada a segunda parte, saltou e roubou un balón na banda esquerda e conectou de primeiras con Óliver, que cunha finta aclarou o campo. Pasou o balón ao centro e Pedro, descolgándose da posición de nove, cedeu de tacón para Cole, que viña en carreira e ameazou desde a frontal antes de meter un pase en profundidade para Joni, lanzado, que lle gañou as costas a defensa. Man a man na área, remate e gol. Todo en 12 segundos.

O Antela desbordou ao Monterrei ao principio e ao final do partido. No arranque, anotou dous goles. Un de penalti (Breixo) e outro tras roubo, pase e definición: obra conxunta de Jorginho e Carlos, a parella de puntas, o novo rexistro limiano en ataque. Carlos, que se estreaba nun partido oficial co Antela, tardou 9 minutos en marcar o seu primeiro gol. Jorginho, que demostra intelixencia e compromiso co colectivo, liderou onte unha manada de lobos que asoballou ao Monterrei en quince minutos feroces que decidiron o choque.

Jorginho busca o balón ante o defensa visitante, Antón. IMAXES: PEPE CALLEJA.

Jorginho é un dianteiro intenso e rochoso, que esconde a súa punta de velocidade e unha técnica notábel, e sabe xogar ao que toca. Onte cavou unha trincheira entre a defensa e o mediocampo rival para reducir o partido a unha cacería. En batallas así sempre se conta con Pedro, ademais apareceron Óliver, Carlos, Xabi Lamas e mesmo Cole desde o lateral zurdo, mentres na outra banda Peque empezaba o seu baile particular con Ngom, unha dor de cabeza, o único visitante que se resistiu á derrota xogando ao fútbol.

Jorginho recibiu a Carlos cun agasallo que rematou en gol aos 9 minutos. Era o segundo do Antela. Antes Breixo tirou un penalti que non bloqueou Quintas. Entón, o técnico visitante ordenou ao meta que pedise asistencia mentres reunía o equipo na banda para frear a desfeita. Co Antela saciado co 2-0, o Monterrei viu a ocasión de cambiar o partido. Pechouse mellor polo centro e deu en xogar en largo. Cole e Peque fixeron o posíbel por soster a ofensiva estirando o seu campo de acción, mais os locais non conseguiron matar o partido.

Os goles do partido. IMAXES: Pablo Losada Gil.

Na segunda metade o Antela saíu a protexerse con menos desgaste e o Monterrei puido respirar e atopar unha saída a través de Ngom. Á hora de xogo, Bruno Gómez cambiou a Jorginho por Joni para sacudir o partido. Despois Teixeira supliu a Carlos e Cole avanzou ao medio. Desde atrás, con espazos, con Óliver, Pedro e Joni á carreira, o Antela dispuxo de ocasións moi claras, pero topou con Quintas. Levou vinte minutos derrubar de novo o muro. Mais acabou por caer nun dos arranques dos lobos.

O Antela marcha de vacacións -até o 2 de xaneiro- con números rotundos e a sensación de que o equipo ten cairos para grandes festíns. Suma 35 goles e o 85,4% dos puntos, once de vantaxe sobre o segundo (o Celanova, que onte caeu contra o Polígono). Só o Burela e o Puebla (cun partido menos) suman tamén 13 vitorias, mais non hai líder máis sólido na categoría que os limianos, que xa saben que, pase o que pase, chegarán líderes até febreiro… o obxectivo, claro, está máis alá.

A GALERÍA

Homenaxe as familias de Sixto Airas (exfutbolista do Antela) e José Manuel Peralta Corderí (expresidente) do club, ambos falecidos recentemente.

GALERÍA COMPLETA NO FACEBOOK

FICHA TÉCNICA

Antela, 3; Monterrei, 1.

Antela: Bruno Pío; Peque, Breixo, Boán, Cole, Caneiro (Pitu, 86′), Óliver (Anxo, 86′), Xabi Lamas, Pedro (Aarón, 86′), Jorginho (Joni, 59′), e Carlos (Tiago Teixeira, 73′).

Monterrei: Quintas; Antón (Mellado, 66′), Marcos, Emmanuel (Fraga, 62′), Rafael, Rodrigo, Diego Losada, Nuno, Ngom, Serginho (Ángel, 46′) e Borja Carballo.

Árbitro: Ero Rodríguez, con Menor e Lorenzo. Expulsou por dobre amarela ao suplente Vitor Alves e a Ngom, con vermella directa no minuto 84. Amoestou ademais a Aarón, polos locais; e Serginho, Antón, Fraga e Marcos, así como ao adestrador Tiago Pona, polos visitantes.

Goles: 1-0, min 1: Breixo; 2-0, min 9: Carlos; 3-0, min 82: Joni; e 3-1, min 84: Nuno.

Incidencias: 318 espectadores na Moreira. Familiares do exfutbolista do Antela, Sixto Airas, e do expresidente José Manuel Peralta Corderí, falecidos recentemente, recibiron unhas flores por parte do club antes do inicio do partido.

PRÓXIMO PARTIDO, xornada 17: Allariz – ANTELA (12 de xaneiro de 2025)

Máis crónicas: https://antela.fala.gal/tag/cronicas


Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario