O ano do renacemento

A un mes para o final da Liga 23/24, despois de gañar en Allariz (1-2) nunha tarde chuviosa de abril, o Antela estaba case salvado. Só precisaba unha vitoria. E dispuña de tres posibilidades, dúas na casa.

Os de Sabucedo comezaran o ano cunha derrota en Redondela na última xornada da primeira volta, que pecharon con 17 puntos e na 14ª posición (zona quente, mais naquel momento, fóra do descenso). En xaneiro gañaron dous partidos seguidos por primeira vez na tempada e perderon na visita ao Cultural Areas.

Despois viñeron outros catro partidos sen gañar, sumando apenas un empate na Moreira co Arnoia (0-0) antes de caer eliminados na Copa polo mesmo rival. Na xornada 24, a dez do final, o Antela tocou fondo e era 15º co Moaña e o Ribadumia -en postos teóricos de salvación- catro puntos por riba.

Entón chegou a reacción: seis vitorias en sete partidos entre marzo e abril, 18 puntos de 21 posíbeis, até alcanzar os 42 e a 11ª praza con vantaxe nos enfrontamentos particulares co Arnoia, 12º cos mesmos puntos. Quedaban tres partidos. Empezando polo Barco na casa, que ficaría definitivamente por baixo se o Antela gañaba.

Mais produciuse un desastre tras outro. O Antela foi inferior ao Barco, esfarelouse en Velle (diante dun rival xa descendido) e remontou no penúltimo minuto da Liga na Moreira diante do Choco para caer no minuto seguinte. O golpe foi brutal pola forma en que se sucederon as cousas.

Os irmáns Teixeira tras finalizar o partido contra o Choco (3-4) na Moreira que supuxo o descenso.

A primeira vítima foi Óscar Sabucedo, que nas dúas tempoaradas anteriores alcanzou o ascenso e a permanencia. O Antela estaba descendido salvo que o equipo galego de Terceira que saíse da promoción conseguira o ascenso a Segunda REF.

A mediados de maio, despois dunha eliminatoria moi igualada, o Celta B superou á UDO e tocoulle medirse co Unionistas de Salamanca. Gañaron os salmantinos. O Rápido descendeu desde a Terceira ao grupo sur da Preferente galega, e o Antela descendeu a Primeira provincial xunto co Ribadumia, o Alertanavia, o Allariz e o Velle.

A continuación empezaron a saír os xogadores que conformaran a base do equipo: Rui, Quintairos, Noel, Villar, Romero, Peral, Tumbeiro, Sidibé… A comezos de xuño o Antela estaba inda por reconstruír.

Bruno Gómez cos xogadores durante un xogo de pretempada en Vilar de Perdizes.

Bruno Gómez, con experiencia no banquiño do Nogueira en Preferente e que os dous últimos anos adestrara ao Monterrei en Primeira, foi elixido para a reconstrución, co obxectivo do ascenso.

A directiva renovou mandato e empezou a traballar rápido para xuntar un equipo competitivo. Chegaron Joginho, xuvenil limiano de último ano procedente do Alzira; Óliver, Hugo Pérez, Lois e Martín Caneiro, piares do Nogueira; Boán, Anxo Pena e Borja Carballo (estes, ex do Antela) desde o Monterrei da man do novo adestrador; un porteiro mozo desde as categorías inferiores do Chaves, Bruno Pío; dous dianteiros con proxección: Cacharrón e Raúl Dinís; e recuperouse a Aarón e a Antón, este desde o filial.

Trece novidades para empezar a Liga xunto a Andrés (meta do xuvenil e do filial a campaña anterior), Breixo, Peque, Cole, Pedro Castro, Xabi Lamas, Álex e Tiago Teixeira e Joni.

Na pretempada xa se viu un Antela poderoso. Despois do atasco na xornada inaugural da Liga (empate co Maside na Moreira), o equipo de Bruno Gómez -asistido por Juan Forri, e Pedro Teixeira como adestrador de porteiros- encadeou sete triunfos consecutivos antes de ceder na Copa contra o Barco na quenda de penaltis o primeiro de novembro.

Esa mesma fin de semana, cedeu outro empate na casa (0-0 contra o Peroxa), antes de gañar na xornada seguinte un partido épico en Cartelle (0-1, gol de Breixo) e lograr a goleada do ano (6-0 contra o Maceda).

O Antela so tivo un tropezo grave na Liga: a derrota en Vilamartín de Valdeorras (3-2) o 24 de novembro. Despois gañou os catro partidos de decembro e remata o 2024 como líder con once puntos de vantaxe sobre o Celanova, sabendo que chegará líder ao momento clave da tempada: os partidos de febreiro contra o Nogueira, o Melias, o Velle e o Carballiño, para pechar o ciclo do Entroido en marzo coa visita ao Polígono e o choque co Celanova na Moreira. Nese tramo pódese decidir a Liga. O Antela gañou consecutivamente a eses mesmos rivais na primeira volta de competición consolidando o seu liderado.

Celabración dun dos tantos contra o Maceda.

SOLIDEZ DA BASE

A estrutura do Antela reforzouse este ano coa incorporación dun adestrador mozo para o filial: Marcos Ruido. O equipo respondeu mellor do previsto. O cadro de xogadores ten a segunda media de idade máis baixa do grupo ourensán da Segunda Futgal, mais é un equipo moi cohesionado e melloraron xuntos este ano. Rematan o 2024 en postos de promoción de ascenso.

No equipo xuvenil, dous novos directivos colleron o relevo para botarlle unha man a Juan Forri e a Xián Penín Pía, novo delegado e home para todo na organización deportiva. A decisión de Izan de centrarse no xuvenil na súa última campaña na categoría contribuíu a estabilizar un equipo con maioría de futbolistas de segundo ano. O rendemento na primeira fase da Liga foi excelente. Preséntanse invictos na segunda fase e como un dos candidatos ourensáns para o ascenso a Preferente Futgal.

CRECEMENTO SOCIAL

O Antela suma máis apoio social que a pasada campaña en Preferente. A resposta dos patrocinadores ao golpe do descenso foi, en xeral, ratificar o apoio. Chegaron tamén novos patrocinios. A finais de 2024 o club conta con ao redor de 500 socios (e mantén o obxectivo de reeditar os 600 das dúas campañas anteriores en Preferente, e coas mesmas tarifas). Aquí a resposta dos afeccionados foi a esperada. E nos dous últimos partidos, este mes de decembro, na Moreira rexistráronse dúas das mellores entradas do ano, por riba dos 300 espectadores.

A Moreira, en setembro.

A MOREIRA

Nos catro primeiros meses da Liga xogáronse na Moreira doce partidos: nove do primeiro equipo e tres do filial, antes de que empezase o máis duro do inverno. O prado da Moreira ten un equilibrio delicado, e por iso existe inquedanza no club por un sobre-uso que se intenta evitar a toda costa. Mais o Ourense C.F. vén utilizando en diferentes momentos A Moreira como campo de adestramento para coidar o céspede do Estadio do Couto, circunstancia que non se deu en tempadas anteriores e que esixe ao Antela multiplicar o traballo para reforzar os coidados do campo limiano, un dos mellores da provincia.

A Moreira cumpriu neste 2024 o seu corenta aniversario, agora que o club suma 105 anos de historia e 50 como federado.

No 2025, o Antela celebrará tamén os corenta anos da súa primeira campaña na Preferente.

O FUTURO

A semente do futuro do Antela quedou definitivamente plantada neste 2024 malia o infortunado descenso en maio. O xuvenil e o filial medraron por riba das expectativas e o primeiro equipo xa se nutre regularmente de futbolistas dos dous equipos da base.

O renacemento daquel Antela grande de mediados dos oitenta -seis tempadas consecutivas na, daquela, quinta división do fútbol estatal- está nos cimentos. Dezasete xogadores dos vinte e sete que conformaron as diferentes convocatorias do primeiro equipo teñen menos de 22 anos: o 63%.

Do cadro do filial, dez xogadores xa adestraron co primeiro equipo, a maioría de maneira habitual, e cinco dos seis xuvenís que subiron de categoría despois do verán xa se estrearon na Liga con Bruno Gómez.

Raúl e Felipe.

“En agosto de 2016 o Antela pasaba polo seu peor momento”, conta Edelmiro Martínez Cerredelo na súa Historia do Antela. Daquela directiva encabezada por José Pérez que rescatou ao club continúan catro pezas claves: o actual presidente, Pablo Losada, o vicepresidente Juan Gómez e dous xogadores históricos dos oitenta, Carlos e Toño Belucho. Oito anos despois daquela crise, con tres campañas de experiencia en Preferente, catro en Primeira (dous ascensos) e una pandemia polo medio, o Antela volve pensar en grande.

Clasificación 24/25 en Preferente após o primeiro xogo do ano.
Clasificación 24/25 en Primeira após o último partido do ano.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario