Juan Forri confía no grupo e no plan de xogo. O adestrador dos xuvenís advirte que non será doado colocar ao Antela entre os catro primeiros (as catro prazas de ascenso directo) e pensa que a Escola da Estrada e a Sociedad Deportiva Residencia de Lugo parten como favoritos.
“Avanzamos que a primeira fase ía ser moi igualada. Alégrome de que nos clasificásemos catro equipos de Ourense. Para nós, o último mes foi de preparación para o que vén agora. No outro grupo foi parecido. Creo que Estrada e Residencia son os favoritos. Despois estaremos o Barbadás, pode que un chanzo por riba, o Verín, o Sarriana e nós”, valora Forri tras dúas sesións de adestramento na volta ao traballo de cara a fase de ascenso que comezará o sábado 11 coa visita do Verín ao Fernández Carrera.

“Ten que ser este ano ou nunca”, reta o adestrador. “Sen lle querer meter presión a ninguén”, matiza. A unha semana do arranque, conta con case todo o cadro de xogadores, inda que Lucas Martínez e Anxo Calleja teñen certas complicacións físicas.
“A clave está en manter unha dirección. Temos unha identidade, un plan de xogo, e hai que confiar nel… gañes ou perdas. Hai que dicir: Isto somos nós, e con isto ou chega ou non chega. Pero o que non podemos andar é dando volantazos”, avisa Forri, quen valora como “bos números” os da ofensiva, mais cree que o xuvenil “debe ser un pouco máis sólido” na faceta defensiva. “Niso estamos”.
Finalmente, Forri admite que as posibilidades de ascenso pasan por “asegurar os puntos na casa, que é o noso forte”, e sumar o que se poida fóra, “porque obviamente non imos ir de paseo”.
CAMBIO NA COPA. A Delegación de Ourense da FGF adiantou para o 25 de xaneiro a disputa da eliminatoria de 16/1 da Copa Deputación de Xuvenís, ao quedar esa fin de semana libre no calendario 2025 das competicións autonómicas. Así pois, despois de disputar as dúas primeiras xornadas da fase de ascenso [ver calendario aquí] o Antela xogará a Copa en Oira fronte ao Ourense C. F. “C”.























