Brais Outeiriño ten 23 anos, xoga de extremo e ficha polo Antela, procedente do Atlético Arnoia, coa intención de volver a Preferente co club da Moreira. “Son un extremo puro, dos de antes, de coller a bola e encarar. Gústame ir ao ataque, meter goles e dalos”, defínese o futbolista, que a pasada campaña xogou para o Velle e anotou un dos goles -o terceiro- naquela tarde triste para o Antela.
Outeiriño, formado nas canteiras do Pabellón e da UDO, pasou polo Barbadás en Preferente, e chegou a xogar 21 partidos en tres tempadas entre o 2021 e o 2023. Na campaña actual, disputou 14 encontros -cinco deles como titular- co Atlético Arnoia de Manel Vázquez, e anotou un gol (contra o Céltiga, na cuarta xornada). Mais a chegada estes días de dúas novas fichaxes (Rafa Gallego e o ex do Antela, Poli Romero) determinaron a súa saída. Xogou dez minutos no último partido do ano; en total, sumou 517 minutos.

Na Moreira competirá con Joni, Antón, Anxo e Raúl Dinís por un posto nas convocatorias de Bruno Gómez. “As expectativas son moi claras: ascender e crear o mellor equipo que se poida para a Preferente. Veño a sumar. Hai que seguir igual que até agora, primeiros e cunha vantaxe ampla”.
Outeiriño incorpórase xa aos adestramentos do Antela, e podería estrearse co primeiro equipo no choque contra o Allariz, do día 12.



















